10/03/2018

A GUARDA

JULIA SOBRINO GONZÁLEZ 
Merecida homenaxe pola súa labor de toda unha vida

O público recoñecemento terá lugar o sábado día 17 de marzo, ás 19:30 h., no Centro Cultural


Julia Sobrino González, facendo uso da palabra, nun dos múltiples actos culturais nos que participou de xeito activo
Fotos: Infogauda

Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda

 Se hai persoas no noso pobo - que afortunadamente as hai -, que merezan un público recoñecemento, como testemuña do agradecemento que lles debemos, por todo canto levan feito a prol da colectividade, en diferentes ámetos da vida cotiá, unha delas é, sen lugar a dúbidas, Julia Sobrino González. 

 Partindo do convencemento de que tódalas mulleres merecen ser respectadas e tidas en conta por todo canto aportan á humanidade, Julia Sobrino é o exemplo vívido da muller activa, da que non recúa, da que é vela e temón, non soio no ámeto familiar, tanto no estrictamente íntimo como no emblemático establecemento comercial - Calzados Sobrino - que fundaran seus pais, D. Francisco Sobrino Rodríguez e Dna. Purificación González Costal, e que ata súas respectivas xubilacións rexentaron Julia e María del Carmen Sobrino González; como noutros espazos (social, político,...) da vida, máis sobor de todo, no referente á Cultura, nos cales súa impronta é, para tódolos os que militamos dalgún xeito no eido cultural, todo un referente. Pola súa constancia, polo seu empuxe, pola súa sensibilidade e pola súa incuestionable valía. 

Julia Sobrino González, é unha gran comunicadora 

 Muller poliédrica, Julia Sobrino González cultivou a poesía, impulsou o teatro, apoiou iniciativas artísticas, sociais, interviu en política municipal,... É, en definitiva, unha muller de innumerables rexistros, e en todos eles, seu sorriso e seu saber facer, foron e son, súa tarxeta de presentación. 

 Por todo iso, dito obviamente de xeito resumido, e polo que á homenaxe á Julia Sobrino González viña sendo unha asignatura pendente. E non porque non hubese sido feita á oportuna proposta por rexistro municipal de entradas, fai xa algúns anos, que mesmo contou con varios e significados apoios, senón que ésta debeu caer no terreo da insensibilidade ou da preguiza. 

Julia Sobrino González e seu esposo Jesús Pereiro Ramos, agardando que o escritor guardés Generoso Álvarez Seoane lles asine un exemplar do seu libro

 Máis esta vez, unha muller - María Asunción Vázquez Vicente (Chuny) -, menuda físicamente, pero tamén grande de corazón, que ten desenvolvido moitas iniciativas artísticas como poeta e como pintora, e que ten colabourado activamente en moitas inquedanzas culturais; foi quen promoveu e deseñou o contido da homenaxe a Julia Sobrino González. E desta vez, a proposta presentada caeu en terreo fértil xa que foi totalmente asumida polo executivo municipal do Concello de A Guarda, e con unha participación directa da Concellería de Cultura, representada por María Elena Baz Rodríguez.

Julia Sobrino González co poeta Álvaro Villa André, o día da presentación do seu libro "Pelo mandarinas para ti"

 Dese xeito, o sábado día 17 de marzo ás 19:30 h., o salón de actos do Centro Cultural da vila, acollerá á homenaxe a Julia Sobrino González, o cal estamos convidadas tódalas persoas de A Guarda e súa contorna, que apreciamos a esta persoa, como muller, como nai, como esposa,..., e sobor de todo, como xenuina activista cultural. 

 Parabens Julia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario