11 de xan. de 2018

MOVEMENTOS SOCIAIS

CENTOS DE DELEGADOS DAS CENTRAIS SINDICAIS CIG, CCOO E UGT RECRAMAN O INDULTO PARA CARLOS E SERAFÍN

“Carlos e Serafín son hoxe exemplo dos dereitos que temos que reconquistar” Reclaman o indulto para os dous traballadores cunha protesta na Subdelegación do Goberno


                      
Centos e centos de traballadores/as e delegados/as sindicais da CIG, CCOO e UGT participaron hoxe na concentración convocada diante da Subdelegación do Goberno en Pontevedra
Fotos: CIG


Infogauda / Pontevedra

 Centos e centos de traballadores/as e delegados/as sindicais da CIG, CCOO e UGT participaron hoxe na concentración convocada diante da Subdelegación do Goberno en Pontevedra para reclamarlle ao Executivo de Mariano Rajoy que lle conceda o indulto a Carlos Rivas e Serafín Rodríguez, os dous traballadores vigueses condenados a tres anos de cadea por participar nunha folga. O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, reiterou o compromiso solidario da central cos dous afectados, dos que asegurou “son hoxe exemplo dos dereitos que temos que reconquistar”.


 As tres centrais convocantes da protesta tamén quixeron amosar o seu desacordo coa actitude da delegada do Goberno en Pontevedra, Ana María Ortiz, que aínda non respondeu á petición de reunión formulada o pasado mes de outubro co obxectivo de abordar a situación dos dous traballadores.  

 Ao mesmo tempo, consideran indispensábel o indulto para poder corrixir os gravísimos efectos que a aplicación dunha sentenza inxusta lles ocasionaría os afectados e as súas familias, no extremo de se veren privados de liberdade. Queremos volver testemuñar aquí o masivo apoio social á solicitude e o apoio expreso brindado a través de acordos unánimes polo Parlamento galego, a Deputación de Pontevedra e o Concello de Vigo”.

As centrais entregaron un escrito solicitando de novo unha xuntanza coa subdelegada do Goberno

"A negativa a atender a organizacións sindicais que representamos a decenas de milleiros de traballadores/as na comarca constitúe unha actitude inaceptábel e xulgamos que volve amosar o talante do Goberno que vostede representa cara a clase traballadora", afirman no escrito entregado hoxe no organismo estatal para solicitar de novo a celebración dunha xuntanza.  


 “Carlos, Serafín, indulto xa, “Non pode ser, obreiros na cadea e corruptos no poder”, “Non son ladróns, son traballadores/as, “Indultan banqueiros, condenan obreiros” e “Os indultos non son para os corruptos” foron de novo as consignas que máis se escoitaron durante unha concentración que se desenvolveu de 11:00 a 12:00 horas e na que participou o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, que tomou a palabra ao remate.

Intervención do secretario xeral  

 Carril reiterou publicamente o “firme e decidido” compromiso da central porque se resolva favorabelmente o indulto para Carlos e Serafín. “Estamos convencidos/as da necesidade de continuar coas mobilizacións para deixar sen efecto unha sentenza xudicial inxusta que os condenou a tres anos de cadea por defender os seus dereitos, por defender un convenio digno”.

 Segundo denunciou, a sentenza confirma a “cruel realidade” de a quen serve o poder xudicial, un poder xudicial que nos últimos tempos se está a erixir en defensor da liberdade e da democracia “envolvéndose nunha Constitución que está ao servizo da patronal e dun poder establecido que dá amparo á existencia de leis que fan posíbel que se criminalice e se penalice aos que poñemos en cuestión este poder establecido cando defendemos os nosos dereitos”.


 O secretario xeral da CIG asegurou que o que está a acontecer con estes dous traballadores ilustra cal é a democracia do Estado español: “a da represión policial, política e xudicial, a de negar que existimos e a que fai que o franquismo sen Franco exista”.  

 Tamén quixo deixar moi claro que coa mobilización, ademais de reclamar o indulto, “queremos demostrarlles que non temos medo e que non imos colaborar nin participar na desmobilización e no sometemento a este réxime de recorte de liberdades: por moito que nos queiran sacudir coa Lei Mordaza ou co Código Penal non imos parar aínda a costa de que teñamos que sufrir represión”.  

 E todo isto mentres, tal e como criticou, os delincuentes “de colo branco” campan ás súas anchas e os corruptos/as enchen os gobernos de moitas institucións. “Danos arrepío por noxenta a actitude que está a ter o Goberno español e a Subdelegación que o representa ao manter unha actitude indolente, de silencio e de complicidade ante unha sentenza tan inxusta ao negarse a conceder o indulto e a recibir as centrais sindicais”.  

 Finalmente, reiterou que defender os nosos dereitos como clase non é ningún delito; “estarmos organizados, ir á folga, asistir a manifestacións é un exercicio auténtico de democracia, é exercer dereitos fundamentais, dereitos humanos que a clase obreira conquistou despois de moitas décadas de loita e sufrimento. Hoxe Carlos e Serafín son exemplo deses dereitos que temos que recuperar, que temos que reconquistar”, rematou.

Ningún comentario:

Publicar un comentario