11 de xan. de 2018

CULTURA

Na que o xogo de cores é o nexo de unión de dous estilos distintos  

AS IRMÁS LUCENSES LUISA PAZ E CONCHITA (CONCETTA) MONTENEGRO PRESENTAN NA DELEGACIÓN DA XUNTA DE GALICIA EN MADRID/CASA DE GALICIA, A MOSTRA PICTÓRICA “LIBERACIÓN POLA COR”  

As artistas plásticas Luisa Paz e Conchita (Concetta) Montenegro e o coordinador de Actividades Culturais da Casa, Ramón Jiménez, na presentación
Fotos: Casa de Galicia

Infogauda / Madrid

 As irmás lucenses Luisa Paz e Conchita (Concetta) Montenegro expoñen desde onte e ata o próximo día 31 na Delegación da Xunta de Galicia en Madrid/Casa de Galicia, a mostra pictórica “Liberación pola cor”, na que o xogo de cores é o nexo de unión de dous estilos distintos que coinciden tamén na temática: a paisaxe urbana de Lugo e o corpo feminino, fundamentalmente.  

 Na inauguración, que tivo lugar esta tarde, interviñeron as artistas plásticas autoras da mostra e o coordinador de Actividades Culturais da Casa, Ramón Jiménez, que o fixo en representación do delegado da Xunta e director da Casa de Galicia, José Ramón Ónega López.  

 Jiménez apreciou que “as irmás Montenegro, con sensibilidades diferenciadas, pois se moven entre o impresionismo e a abstracción, posúen en común unha extraordinaria carga de vitalidade plena de construcións eróticas cuxa arquitectura vén dada pola liña”, como servidora incondicional da cor, achegando a forza necesaria. Tamén que, quizá, “polos universos valentes, vitalistas e rotundos presentes nestas obras, as súas autoras titularon a súa exposición ´Liberación pola cor´”.  

 Conchita Montegro explicou que nesta ocasión quixo prescindir dos espidos femininos, tan frecuentes na súa obra, para “trasladar máis das miñas orixes, da Galicia interior, aínda que tamén estiven na costa, e do meu pobo, Vilalba. Un pouco do noso, da nosa terra”. Resaltou a diferenza entre a pintura das dúas irmás: “Luisa utiliza as cores puras, eu os uso mesturados e móvome entre o figurativo, o conceptual e o abstracto”, e valorou que o seu traballo como serígrafa tamén se nota na súa pintura. “Prodúcese un choque entre os estilos das dúas que resulta estimulante”, sinalo. Concetta, que vive en Muros, tamén é poeta en galego e terminou a súa intervención coa lectura dun dos seus poemas.  

Un asistente á inauguración, observando os cadros

 Luisa Paz, natural de Lugo, que si incorporou os espidos á exposición, declarou que “quero e dou todo o meu á miña cidade, Lugo, que é onde vivo e queda reflectida nas miñas obras: a Praza de España, a Catedral de Lugo, etc. A cidade encantada. Así mesmo nas miñas obras que tratan de personaxes núa ou espidos porque na miña cidade hai mulleres e homes”. Nas súas obras locen as cores complementarias.  

 O pintor, restaurador e escultor José María Lugilde Pena, no prólogo do catálogo da exposición, refírese ás pintoras como “un binomio de perfecta conxunción e maxia sublime” e afirma que “interpretan con toda liberdade, o que lles dá identidade e selo persoal”. “Sensibilidades diferenciadas, exprésase cada unha á súa maneira. As dúas móvense por carreiros distintos, o impresionismo e a abstracción”, sinala, observando nas súas obras “unha carga de vitalidade, tanto na forma como no fondo”.  

 A exposición Liberación pola cor, de Luisa Paz e Conchita (Concetta) Montenegro poderá visitarse na Sala B da Casa de Galicia en Madrid ata o 31 de xaneiro, en horario de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas os días laborables e de 10:00 a 14:00 horas os domingos e festivos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario