12 de nov. de 2017

PESCA

Este luns abre a campaña extractiva da centola e do boi nas provincias da Coruña e Pontevedra 

A frota con porto base nestas provincias e que se dedica á extracción destas especies pode calar os aparellos a partir das 00:00 horas desta madrugada e levar as especies á lonxa este luns 

Na provincia de Lugo a centola permanecerá en veda ata o 3 de decembro

Infogauda / Galicia

 A Consellería do Mar abre este luns a campaña extractiva da centola e do boi nas provincias da Coruña e Pontevedra. Nas áreas que van de A Guarda ata Cabo Corrubedo (na provincia de Pontevedra) e de Cabo Corrubedo ata Cabo Estaca de Bares (na provincia da Coruña), a frota con porto base nestas zonas e que se dedica á extracción destas especies pode calar os aparellos a partir das 00:00 horas desta madrugada e levar as especies á lonxa este luns.
 A campaña deste crustáceo nestas dúas provincias prolongarase ata o inicio da veda do ano 2017, que se fixará a través do correspondente Plan de Xestión. No caso da parte que vai Cabo Estaca de Bares ata o río Eo -incluíndo a Ría do Barqueiro-, na provincia de Lugo, a campaña iniciarase o 3 de decembro.
 A cota máxima de captura de cada unha destas especies será de 35 kg por barco e día, ao cal se engadirán 35 kg/día por cada tripulante enrolado e a bordo. Poderán participar na campaña todas as embarcacións con artes menores e con porto base nesta comunidade, así como aquelas que tendo porto base noutras comunidades autónomas, teñan permisos especiais de pesca para faenar nestas augas.

 Controis da centola

 A Consellería do Mar levou a cabo unha serie de operativos nas últimas semanas para vixiar a extracción ilegal de centola nas data previas á apertura da veda. Estas actuacións deron como resultado o comiso de máis de dúas toneladas e media de peixe e marisco, das cales case unha tonelada e media era centola. A maiores requisaron 538 aparellos de pesca e 1.150 metros de aparellos de enmalle.

Ningún comentario:

Publicar un comentario