18 de out. de 2017

MOBILIDADE

A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA EDITARÁ UNHA GUÍA PRÁCTICA CON SOLUCIÓNS DE DESEÑO PARA ESTRADAS PROVINCIAIS E ESPAZOS PÚBLICOS 

O vicepresidente Mosquera destaca que o documento recollerá as experiencias da institución provincial e dos concellos sobre o calmado do tráfico  

Co fin de divulgar esas experiencias reais da provincia e recollelas nesa nova Guía Práctica vén de crearse un grupo de traballo con vicepresidente Mosquera, o deputado de Mobilidade Uxío Benítez, técnicos da institución provincial, do Concello de Pontevedra e o enxeñeiro de camiños e experto en mobilidade urbana Fernando Nebot.
Foto: D.P.


Infogauda / Pontevedra

 A Deputación de Pontevedra está a elaborar unha Guía Práctica con solucións e experiencias concretas de deseño para fomentar a mobilidade amable, a seguranza viaria e a calidade urbana nas estradas provinciais e os espazos públicos. Así o anunciou hoxe o vicepresidente César Mosquera, quen destaca que o obxectivo é crear un documento que recolla modelos de actuación tanto da institución provincial como de diferentes concellos da provincia co obxectivo de divulgalas entre outras administracións e técnicos.  

 Mosquera indica que os únicos manuais* que existen sobre deseño urbano e calmado de tráfico no estado son de mediados da década dos noventa, “moi antigos”, e precisan unha actualización.  “Non hai nada que recolla prácticas tan estendidas como as dos concellos da provincia de Pontevedra e da propia institución provincial, que somos dos máis experimentados en actuacións de calmado de tráfico tanto no deseño como na implantación de medidas”, subliñou. 

 Co fin de divulgar esas experiencias reais da provincia e recollelas nesa nova Guía Práctica vén de crearse un grupo de traballo con vicepresidente Mosquera, o deputado de Mobilidade Uxío Benítez, técnicos da institución provincial, do Concello de Pontevedra e o enxeñeiro de camiños e experto en mobilidade urbana Fernando Nebot. Na primeira reunión celebrada esta semana púxose sobre a mesa que a Deputación de Pontevedra foi a primeira institución provincial en todo o estado en aprobar unha ordenanza de seguranza viaria (no ano 2013), aínda que parte do seu articulado está sen desenvolver. “Isto supón ter moito traballo avanzado. Non se parte dun punto baixo”, recoñeceu o propioNebot. 

 A nova Guía Práctica, de feito, desenvolverá aspectos da actual ordenanza, sobre todo dos seus puntos 2 (clasificación das vías provinciais), 6 (características dos dispositivos de precaución) e 8 (proxectos técnicos de seguranza viaria). No documento haberá referencias sobre como deseñar rúas e espazos de preferencia peonil, sobre estradas con beirarrúas separadas e plataformas únicas, seccións de calzadas e estacionamentos erecomendacións de calmado de tráfico xerais, dispositivos verticais, elementos para marcar a continuidade dos circuítos peonís no medio urbano disperso e en núcleos rurais, así como características técnicas dos redutores de velocidade e pasos de peóns sobreelevados.   

 *‘Calmar o tráfico. Pasos para unha nova cultura da mobilidade urbana’ de Alfonso Sanz, e  ‘Recomendacións para o proxecto e deseño do viario urbano’, de Juan Santamera e Felipe Manchón, editados polo Ministerio de Fomento.

Ningún comentario:

Publicar un comentario