22 de ago. de 2017

PONTEVEDRA

O programa "En ruta coa Depo" inicia preto de 20 novas andainas pola provincia de Pontevedra 

En total esta semana participan arredor de 1.200 persoas procedentes de 15 concellos



Infogauda / Pontevedra

 O programa da Deputación de Pontevedra "En ruta coa Depo" continúa a súa andadura esta semana coa participación de preto de 1.200 persoas de 15 concellos da provincia nos itinerarios preparados pola institución provincial. En total, entre hoxe e o vindeiro luns terán lugar 18 novas excursións que permitirán ás persoas participantes coñecer novos lugares da provincia de Pontevedra, desde O Baixo Miño ata Silleda, pasando polas comarcas de Pontevedra, de Caldas ou do Salnés.  

 Un grupo de 108 persoas procedentes de Moaña, da Asociación de Familiares de Enfermas e Enfermos de Alzhéimer do Morrazo, realizaron hoxe unha ruta que comezou na Illa de San Simón e chegou ata Ponte Sampaio, parando antes no Museo Meirande de Redondela e no castelo de Soutomaior, propiedade da institución provincial (ruta 21).  

 O xoves 24 de agosto será a quenda da Asociación de Maiores de Mondariz, da cal outras 108 persoas coñecerán a Illa da Toxa, pasearán en barco pola ría de Arousa, coñecerán O Grove e, ademais, visitarán o xacemento da Lanzada, en Sanxenxo (ruta 20).  

 O venres 25, un grupo de 54 persoas da Asociación de persoas Prexubiladas, Xubiladas e Pensionistas San Pedro de Tenorio, de Cerdedo-Cotobade, coñecerán o castro de Santa Trega (A Guarda), o Espazo Fortaleza de Tomiño e o conxunto histórico, o monte Aloia mailo castro Alto dos Cubos, en Tui (ruta 15).  

 O sábado 26 de agosto e o domingo 27 serán os días máis concorridos, xa que comezarán un total de 14 novas excursións, sete ao día. Deste xeito, o sábado 108 persoas do Club de persoas Xubiladas Vila de Bueu visitarán o parque Quiñones de León, o parque do Castro e o parque botánico do castelo de Soutomaior (ruta 1). Tamén 108 persoas da Asociación de Pensionistas e persoas Xubiladas do Grove coñecerán o conxunto histórico de Cuntis, o miradoiro do parque Maráns, o castro de Castrolandín mailo conxunto histórico de Caldas de Reis (ruta 9). Precisamente ao Grove viaxarán outras 54 persoas da Asociación Cultural San Roque de Morgadáns, de Gondomar, ao igual que outras 54 persoas da Agrupación Cultural Xinco, de Salceda de Caselas (ambas as dúas a ruta 20). 

 Desde Vigo, 54 persoas da Asociación contra os Malos Tratos chegarán á Illa de Ons e a vila mariñeira de Portonovo (ruta 23).  

 Xa o domingo, 54 persoas do Mouriño de Corón, en Vilanova de Arousa, achegaranse ata Silleda para coñecer o castro de Toiriz, o mosteiro de San Lourenzo de Carboeiro, a fervenza do río Toxa mailos escenarios da serie de televisión O Final do Camiño (ruta 11). Desde Redondela, 54 persoas da Asociación de Veciñas e Veciños Miñoteira viaxarán da Guarda a Tui (ruta 15). Outras 54 persoas de Ribadumia, da Asociación de Veciñas e Veciños San Andrés de Barrantes, percorrerán distintos espazos de Baiona como o conxunto histórico, a Casa da Navegación, o paseo do Monte Boi mailo paseo marítimo (ruta 25).  

 Tamén o domingo, 55 persoas dos Borrizos (Vilagarcía de Arousa) e 108 da Asociación de Veciñas e Veciños Novo Vigo viaxarán ata a ría de Arousa a través da ruta número 20. Pola súa parte, desde a Fundación Samaritanas da Guarda, 50 persoas viaxarán ás Illas Cíes, coñecendo tamén o conxunto histórico de Vigo mailo barrio mariñeiro do Berbés (ruta 22) e, finalmente, 54 persoas da Asociación de Loño (Vila de Cruces) desenvolverán a ruta de Ons e Portonovo (a número 23).  

 Por último, o vindeiro luns 28 de agosto terá lugar outra ruta polas Illes Cíes e Vigo (a número 22), nesta quenda para 54 persoas procedentes de Abeleiras de Alxán, de Soutomaior.  

 O programa "En ruta coa Depo" pretende crear espazos de unión e convivencia a través do impulso da igualdade de acceso aos recursos turísticos, especialmente para as persoas con diversidade funcional. Ademais, o programa ten por obxectivos impulsar actividades alternativas para o tempo de lecer xuvenil, promovendo o asociacionismo entre a xuventude e o ocio dinámico e saudable, así como rutas específicas onde nais, pais, titoras e titores poidan gozar coas nenas e os nenos dun ocio común, san, alternativo e divertido que faga doada a conciliación familiar e laboral durante as fins de semana ou estancias estivais.  

 A Deputación achega a este programa 260.000 €, 21.500 € máis que o ano pasado, e oferta por vez primeira 400 prazas gratuítas para persoas con dificultades económicas ou risco de exclusión social. "En ruta coa Depo" oferta un total de 32 rutas distribuídas entre seis bloques: temáticas, culturais, marítimas, adaptadas para persoas con mobilidade reducida, dinámicas/activas/xuvenís e, por último, interxeracionais e para ANPAs. O catálogo de rutas pódese consultar no catálogo dispoñible na páxina web da Deputación de Pontevedra.  

 En total, está previsto que a través deste programa promovido polo Servizo de Cohesión Social e Xuventude, participen preto de 20.000 persoas, 1.000 máis que o ano pasado, pertencentes a 300 entidades da provincia de Pontevedra.

Ningún comentario:

Publicar un comentario