10/08/2017

O GROVE

SAN VICENTE DO GROVE ESTREARÁ A MELLORA DA ESTRADA PROVINCIAL NA PRIMAVERA DE 2018  

A Deputación de Pontevedra e o Concello do Grove asinaron onte o convenio para realizar a actuación integral de seguranza viaria e mobilidade sostible na EP-9106, que suporá un investimento de 542.261,73 euros  

Xa están dispoñibles todos os terreos para facer a obra e Patrimonio xadeu a súa autorización  

De esq. a der.: José Cacabelos, alcalde de O Grove, Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra; e Uxío Benítez, deputado de Mobilidade 
Foto: D.P.

Infogauda / O Grove

 A estrada provincial que leva ás praias de Area Grande, do Francés e o Carreiro na parroquia de San Vicente do Grove estará reformada na primavera de 2018. Así o anunciou onte a Deputación de Pontevedra na sinatura do convenio co Concello do Grove, un acordo que permitirá realizar unha actuación integral de seguranza viaria e mobilidade sostible -cunha senda peonil e ciclista eespazos de preferencia peonil-, e a posta en valor da contorna do santuario da igrexade San Vicente cun investimento de 542.261,73 euros, dos que a institución provincial aportará o 80%.  

 Segundo explicou o deputado de Mobilidade Uxío Benítez, a día de hoxe xa están dispoñibles os terreos necesarios para realizar a mellora e Patrimonio xadeu o seu visto bo á actuación, que afectará á contorna de varios elementos patrimoniais como a igrexaou o cruceiro. O proxecto, así, pasará no día de mañá ao departamento de Contratación provincial para iniciar a licitación. Unha vez adxudicada a obra o prazo de execución será de catro meses, polo que Benítez asegurou que de cara aovindeiro verán, cando aumenta a población estacional, a mellora viaria estará “sobradamente rematada”. 

 O deputado Benítez relembrou que a Deputación de Pontevedra está a desenvolver unha nova filosofía de actuación en materia de infraestruturas en toda a provincia, a Estratexia de Mobilidade 3.0, que supón “unha replanificación profunda e conceptual das actuacións en materia de mobilidade, con especial fincapé na protección dos colectivos máis vulnerables: peóns, ciclistas e persoas con mobilidade reducida, a diferencia de actuacións do anterior goberno, que só desenvolvía obras pensadas únicamente para os vehículos”.  Destacou que o obxectivo do novo goberno é conformar un contorno viario seguro e tranquilo, fomentando a convivencia de todos os medios de transporte e sistemas de desprazamento, así como repartir de xeito equitativo o espazo público.  

 Tendo en conta esa nova filosofía, e ante a demanda do Concello do Grove de actuar na estrada de San Vicente, o departamento técnico provincial deseñou unha actuación para a EP-9106 na que se aposta por fomentar a mobilidade peonil dos veciños e veciñas da contorna e dos usuarios ocasionais da vía cunha senda peonil e ciclista, zonas de prioridade peonil e a instalación de medidas de calmado do tráfico. 

 O proxecto executarase en 877 metros de lonxitude da vía, entre o cruce coa estrada provincial EP-9101 e a igrexa de San Vicente. Este espazo dividirase en tres tramos diferenciados. No primeiro e no terceiro ámbitos crearase unha senda de 2,5 metros de largo para o tránsito peonil e ciclista que estará delimitada por elementos de iluminación e terá unha rodadura diferenciada de formigón, na que o máximo de velocidade será de 30 quilómetros por hora.  

 O segundo treito (390 metros)coincide coa zona de vivendas, na que o largo da vía non permite unha segregación de tránsitos, polo que se aposta por unha plataforma única na que haberá prioridade peonil e os vehículos non poderán superar os 20 quilómetros hora. “Trátase do primeiro proxecto da Deputación no que, ao non haber un largo suficiente para facer beirarrúas, se instala unha plataforma única. Esta actuación servirá de exemplo de plataformas únicas en lugar de facer beirarrúas absurdas dun metro que non valen para nada”, salientou o deputado. Neste espazo haberá unha plataforma continua de cor diferenciado e terá tamén unha baliza de iluminación para destacar o uso peonil. Como elementos de seguranza viaria, instalaranse cinco pasos de peóns sobreelevados (‘lombos’) e dez redutores físicos de velocidade de vehículos.  

 Outra parte da actuación será a referida á posta en valor da contorna da igrexa de San Vicente do Grove, onde se redefinirá o espazo con novos pavimentos –de adoquín e pedra- que estarán delimitados por bolardos para acceso exclusivamente peonil, así como a drenaxe e iluminación do cruceiro. Tamén se inclúen partidas de xardinería e proxéctase a plantación de tres cipreses. A obra comprenderá tamén a mellora da rede de drenaxe, retranqueo de muros de peches, sinalización e mobiliario urbano. 

Recursos para o disfrute das persoas 

 A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, subliñou onte na firma do convenio co alcalde de O Grove, José Cacabelos que "considero moi importante poñer en valor que hai unha nova Deputación que goberna dunha forma totalmente diferente do que se viña facendo ata o de agora. Isto percíbese en como desenvolvemos proxectos que teñen que ver coas infraestruturas provinciais. Cando nós chegamos tiñamos unha terrible herdanza. Estivemos dous anos tomando decisión sobre obras que había que modificar profundamente ou que mesmo había que paralizar porque estaban proxectadas sen ter en conta os informes preceptivos”.  

 A nova forma de gobernar reflíctese, segundo destacou a presidenta en que “agoratemos un proxecto, temos un plan para as infraestruturas da nosa provincia. Non actuamos por conxunturas, por cuestións partidarias ou por intereses particulares. Actuamos segundo o territorio que queremos construír xunto os concellos da provincia. Agoratemos un proxecto serio e rigoroso para a Provincia de Pontevedra". 

 Carmela Silva, asegurou que "o proxecto que hoxe firmamos co Grove forma parte do gran proxecto de Mobilidade 3.0. Temosmoi claro que a seguridade viaria é unha das nosas prioridades. Temos que devolver áxente o espazo público que xamais debeu perder. Unha administración seria, rigorosa, do século XXI e responsable ten que poñer en marcha proxectos coma este".  

 Por último, a presidenta destacou que somo "un goberno que utiliza os recursos para o desfrute dos veciños e veciñas da provincia, que de seguro en O Grove van a quedar encantados con esta actuación que ten en conta ás persoas e que garante a accesibilidade”.  

 Pola súa banda, o alcalde de O Grove José Cacabelos lembrou que o proxecto de San Vicente xurdiu a iniciativa dos veciños e veciñas de San Vicente hai xa moitos anos. Subliñou que houbo un primeiro proxecto para a zona realizado polo anterior goberno orzamentado en 245.000 euros “que seguía cometendo os mesmos erros de poñer beirarrúas mínimas” e que non tiña o respaldo da veciñanza. Subliñou, así, que “a nova Deputación abriunos os olloscun cambio radical de plantexamento (…) para facilitar a mobilidade da xente do rural”.   

 Cacabelos subliñou que o día de hoxe, coa sinatura do convenio, é “un día grande para O Grove e un día moi grande para os veciños e veciñas de San Vicente, que gañan en calidade de vida”. Por este motivo, agradeceu a grande implicación e dispoñibilidade dos técnicos e do deputado do departamento de MobilidadeUxío Benítez, así como da presidenta Carmela Silva, no que definiu como “un exemplo de como se debe traballar” entre administracións.

Ningún comentario: