22 de ago. de 2017

A GUARDA

A SOCIEDAD PRO-MONTE SANTA TECLA CONVOCA UNHA NOVA REUNIÓN DA DIRECTIVA 

Para presentar a documentación actualizada 
  

De esq. a der.: Florentina Andrés Álvarez, Jesús García Villadóniga, Antonio Martínez Vicente, Manuel Martín Goyás e Miguel Ángel Sobrino Blanco, membros da Xunta Directiva da Sociedad Pro-Monte Santa Tecla 
Fotos: C.A.G.

Infogauda / A Guarda

 A Xunta Directiva da Sociedad Pro-Monte Santa Tecla continuou onte luns día 21 de agosto de 2017, coa Xunta Extraordinaria iniciada o pasado xoves 10 de agosto na Casa do Concello, cun único punto na orde do día relativo á disolución da Sociedade.   

 A fin de tomar unha decisión sobre o destino da institución e o seu patrimonio, asistiron á convocatoria os membros da última Directiva elixidos no ano 1979: o presidente en funcións, Antonio Martínez Vicente, o tesoreiro Manuel Martín Goyás e os vogais Florentina Andrés Álvarez, Miguel Ángel Sobrino Blanco e Jesús García Villadóniga, párroco da Guarda; este último, en calidade de vogal permanente por ser o actual Prior da Irmandade do Clamor.  

 Estiveron tamén presentes no acto o historiador Joaquín Miguel Villa Álvarez, como asesor, e o concelleiro de Deportes e Patrimonio, Manuel Javier Crespo González, en calidade de testemuña, amais doutras seis persoas veciñas da localidade, algunhas das cales afirmaron ser socios e socias da Sociedade.  

Anulación da votación e nova convocatoria 
 A continuación desta Xunta Extraordinaria, segundo expuxo o presidente en funcións, xustíficase pola necesidade de realizar unha votación no seo da Directiva que decida sobre o futuro dunha Sociedade que non presentou actividade durante máis de 30 anos. Neste sentido, Antonio Martínez Vicente expresou dun xeito conciso a súa posición favorable á disolución, seguindo o procedemento establecido nun informe xurídico elaborado pola Deputación de Pontevedra, segundo o cal en caso de inexistencia de socios en activo corresponde á Xunta Directiva decidir sobre o fin da institución.  

 Nesta mesma liña pronunciáronse o tesoreiro Manuel Martín Goyás e o párroco da localidade, namentres Florentina Andrés Álvarez insistiu na necesidade de atender á opinión dos socios e levar a cabo o proceso de disolución seguindo os pasos establecidos no mencionado informe xurídico, isto é, actualizando a documentación da Pro-Monte (o libro de socios, o libro de actas, o inventario dos bens e o libro de contabilidade), condición sen a cal non se estaría en condicións de proceder á disolución.   

 O vicesecretario Miguel Ángel Sobrino Blanco puxo en dúbida a legalidade do proceso de disolución, sinalando diversos defectos de forma en atención ao establecido nos Estatutos da Sociedade e o informe xurídico elaborado pola Deputación, ao considerar, entre outras cousas, que os socios da Sociedade deben ser aínda considerados como tal e, polo tanto, deben convocarse nunha Xunta Xeral para acordar o fin da Pro-Monte, previa actualización da documentación da Sociedade.  

En primeiro termo, unha representación dos veciños de A Guarda que asistiron a Xunta Extraordinaria

 Antes de poder proceder coa votación formal da Xunta Directiva, algúns dos veciños e socios asistentes tomaron a palabra, expresando de xeito xeral o seu rexeitamento tanto á disolución como á realización da votación para este fin, por considerar que esta non se estaba realizando de xeito regular, por non terse convocado a todos os socios e dar a posibilidade de reavivar a Sociedad Pro-Monte

 Ante a situación de evidente discordancia, o presidente en funcións acordou convocar unha nova reunión da Xunta Directiva o vindeiro luns 28 de agosto, na que se presentará a documentación actualizada da Sociedad Pro-Monte Santa Tecla, a fin de que se poda acordar o procedemento de disolución axeitado para a institución.

Ningún comentario:

Publicar un comentario