13 de xul. de 2017

FOTOGRAFÍA

"Fragmentos", de Alberte A. Pereira

O fotógrafo guardés expón ata o 6 de agosto na Casa Museo Casares Quiroga, na cidade de A Coruña



Infogauda / A Coruña

 Un dos eixos principais sobre o que pivota a fotografía de rúa é a observación do comportamento das persoas, como interactúan e como se interrelacionan, sobre todo nos espazos urbanos.  

 "FRAGMENTOS é - comenta Alberte A. Pereira - un proxecto aberto, non definitivo, que seguirá crecendo e se cadra transformándose. Nel mostro pequenos xestos, persoas absortas, escontextualizadas, mostrando só parte da contorna que as rodea. Ao mesmo tempo, achego anacos do espazo urbano aparentemente sen interese, sen presenza humana".  

 "Neste traballo propoño, por tanto, unha foto de rúa apartada do momento decisivo, do extraordinario, de xustaposicions ou de imaxes en ton humorístico. Busco a simpleza, o esencial, a luz, mostrando retratos de persoas "anonimizadas", sen rostro. Un  pequeno xesto, máis que unha mirada; un detalle no chan, máis que unha paisaxe urbana. Silencio contraposto ao habitual ruído urbano", afirma Alberte Alonso Pereira. 

 Unha serie de nove fotografas deste traballo, foi elixida Finalista no StreetFoto San Francisco - Internacional Street Photography  Awards 2017, categoría series.  

 Alberte A. Pereira  

 Alberte é un fotógrafo autodidacta e independente. Despois dos seus primeiros contactos nos anos 80, é a partir de 2012 cando realmente implícase na fotografía, decantándose pola fotografía de rúa sobre todo, mais tamén lle interesa a documental e a reportaxe.  

 Unha pequena cámara é a súa compañeira e ferramenta coa que actualmente se dedica a percorrer as rúas e ser testemuña do que pasa nelas.  

 O seu interese pola fotografía fixo que realizase cursos e talleres con renombrados fotógrafos como José Manuel Navia, Eduardo Momeñe, Walter Astrada e Óscar Molina, entre outros.  

 As súas imaxes foron publicadas en medios escritos e dixitais e foron expostas en salas de Vigo, Santiago, A Coruña, Ferrol, Lisboa, Miami, San Francisco, Londres,...  

 En 2016, xunto con outros tres fotógrafos, crearon Quitar Fotos. Un espazo de reflexión, diálogo e difusión de propostas visuais de rúa e documentais.

Ningún comentario:

Publicar un comentario