8 de xul. de 2017

A GUARDA

A GUARDA CONMEMORARÁ A FESTIVIDADE DE "SAN BIEITO DO VRÁN"

• Numerosos devotos de toda a comarca acudirán o santuario de A Guarda




Infogauda / A Guarda

 Con eucaristías que se oficiarán ás 9:00, 10:00 e 11:00 (solemne) e ás 19:00 h. respectivamente, na capela que pertenceu o mosteiro bieito da Transfiguración do Señor, fundado en 1558 polos irmáns Ozores e Sotomayor e Mayor de Zúñiga, e situado fronte a Chán de Conde - predio que foi dos Condes de Priegue -; a vila de A Guarda celebrará o martes día 11 de xullo, a festividade de San Bieito “do vrán”.  

 O rematar cada unha das misas, poderase merca-la medalla-crucifixo de San Bieito abade, de orixen moi antergo. O deseño desa medalla foi fixado polo Papa Benedicto XIV. Dunha parte leva a imaxe de S. Bieito que tén na mán unha cruz e na outra, unha cruz máis grande coas iniciais en latín de varias letras. No anverso leva a efixie do santo, coa cruz na mán dereita e a Regra na mán esquerda; a súa dereita unha copa de onde fuxe unha cobra (lembranza do viño enveleñado do que se salvou miragosamente); a esquerda un corvo lévase o pan enveleñado. Por debaixo poden lerse as seguintes verbas: "EX S.M. CASINO MDCCCLXXX" (Do Sacro Monte Cassino 1880). A ambos os dous lados "CRUZ SANCTI PATRIS BENEDICTI" (Cruz do S. Pai Bieito). Ao redor da imaxe: "EIUS IN OBITU NOSTRO PRAESENTIA MUNIAMUR" (Que nos defenda na nosa morte coa súa presenza)".  

 "A medalla de S. Bieito emprégase para tódalas necesidades espirituais e temporais, a condición que se use con esprito de fe. Esta medalla - que debe ser abenzoada por un sacerdote ou por un diácono - é eficaz contra as epidemias, os veleños, algunhas enfermedades especiais e contra os maleficios e as tentacions do demo", dixo a Infogauda, unha devota de San Bieito, que coida con esmero o santuario.  

 Ademáis de estar considerado o Patriarca do monacato occidental, fundador da Orde Bieita e a vez, Padroeiro dos exorcistas; San Bieito conta na nosa localidadade con numerosos devotos de toda a comarca do Baixo Miño. Non en ván, A Guarda honra a San Bieito en dúas ocasions ó longo do ano. A primeira delas, o 21 de marzo, e que se coñece popularmente como a festividade de "San Benitiño do inverno", e a segunda, tén lugar cada 11 de xullo e chámase "San Benitiño do vrán".  

 En ambas as dúas ocasións, os devotos ofrécenlle ó santo esmolas e numerosos exvotos de cera, representando diversos membros humanos, e incruso corpos completos, co fin de obter os numerosos beneficios que segundo a fe popular adoita conceder o popular santo, nado no ano 480 nos Montes Sabinos, preto de Roma.  

 A San Bieito atribúenselle poderes curativos de diversas enfermidades, especialmente as espullas e males relacionados coa pel. A tradición dí que para elimina-las espullas hai que ter fe en San Bieito e apricar un pouco de aceite do lampadario do santo que se distribúe entre seus fieis.

Ningún comentario:

Publicar un comentario