19 de xul. de 2017

A GUARDA

AS VISITAS TEATRALIZADAS CONTINÚAN ESTE XOVES 

Tras unha primeira experiencia con gran afluencia de público

A visita teatralizada vai evocando a insignes veciños de A Guarda, e o mesmo tempo amosando a historia e o patrimonio do noso pobo. 
Fotos: C.A.G.

Infogauda / A Guarda

 Tralo éxito da semana anterior, este xoves día 20 de xullo continúan as visitas teatralizadas na vila da Guarda, cun percorrido polo centro histórico no que se  pretende amosar dun xeito ameno e diferente, a historia e o patrimonio da noso pobo.   

 Máis dun centenar de persoas uníronse á experiencia teatral na súa primeira saída, que tivo lugar o  pasado xoves ás 21:30 horas dende a Praza da Igrexa. O itinerario, que se repetirá semanalmente, continúa pola rúa Bernardo Alonso, Praza do Reló, rúa Colón, rúa Baixo Muro, rúa José María Lomba Peña e rúa Malteses, ata chegar A Ribeira, no porto da Guarda.   

Na imaxe Dona Rosario García (Tero Rodríguez) - no balcón da Casa do Concello - no seu primeiro diálogo co cineasta local (Lucho Penabade)

 Os actores protagonistas, Lucho Penabade e Tero Rodríguez da compañía Os Quinquilláns, dan vida a dous personaxes influentes da Guarda de 1930 que, por mor da chegada do primeiro guardés a Porto Rico, congregan á poboación no centro da vila para gravar unha película que remitirán á sociedade guardesa en América.   

Dona Rosario García - interpretada pola actriz Tero Rodríguez - con algunhas das persoas que asistiron o evento, e que tamén participaron na representación teatral
Os compoñentes do dúo Barahúnda, formado por Helena de Alfonso e Jose Lara Gruñeiro, puxeron o broche de ouro á primeira das visitas teatralizadas

 Os asistentes convértense en protagonistas do filme, no que se recollen os diferentes monumentos e lugares emblemáticos do centro da vila. Esta é, así, unha experiencia teatral divertida e  participativa, na que a improvisación e a divulgación do noso pasado conviven. Engádese a estes elementos as actuacións musicais, coa intervencións de artistas destacados como Paco Nogueiras ou o dúo Barahúnda, formado por Helena de Alfonso (voz e composicións) e Jose Lara Gruñeiro (guitarras e composicións). Estes últimos foron os encargados de amenizar a noite no porto guardés o pasado xoves e, de seguro, repetirán mañá como banda sonora da experiencia teatral.  

A actriz Tero Rodríguez falando na rúa Malteses con unha nena que tamén participou na representación

 Esta actividade, que conta co financiamento da Deputación de Pontevedra con cargo ó Plan Concellos 2017, repetirase semanalmente durante todo o verán ata o vindeiro 7 de setembro, polo que dende o Concello da Guarda animamos á poboación local e ós visitantes que se achegan nesta época a participar nas visitas teatralizadas, que partirán da Praza da Igrexa ás 21:30 horas, relembran desde o executivo municipal do Concello de A Guarda

 Información relacionada.

Ningún comentario:

Publicar un comentario