18 de xul. de 2017

A GUARDA

A GUARDA E A PÓVOA DE VARZIM RENOVAN ÓS SEUS LAZOS HISTÓRICOS 

Coa visita da Lancha Poveira do Alto “Fé em Deus” 

Intercambio de agasallos conmemorativos do XXV aniversario da primeira singradura da Lancha Poveira do Alto  “Fé em Deus
O alcalde do Concello da Guarda, Antonio Lomba Baz, e a concelleira de Turismo, Montserrat Magallanes Álvarez, recibiron no porto guardés á tripulación da Lancha Poveira do Alto “Fé em Deus

Infogauda / A Guarda  

 Tras máis de cinco horas de viaxe náutica dende o porto da Póvoa de Varzim, o sábado 15 de xullo, pasado o mediodíaa Lancha Poveira do Alto “Fé em Deus” entrou no porto de A Guarda. Cunha tripulación formada por 12 voluntarios, esta travesía conmemorou o 25 aniversario da primeira singradura desta embarcación, réplica da lancha orixinal, que comezou a navegar en 1991 e cuxo primeiro destino foi a vila da Guarda. O encontro propiciou un acordo entre os representantes locais poveiros e o rexedor guardés co fin de estreitar os lazos turístico-culturais entre os pobos, principalmente, a través da promoción das súas festas.   

 O alcalde do Concello da Guarda, Antonio Lomba Baz, e a concelleira de Turismo, Montserrat Magallanes Álvarez, recibiron no porto guardés á tripulación da Lancha Poveira do Alto “Fé em Deus”.

 A Guarda foi, en outubro de 1991, o seu primeiro destino no estranxeiro “por forza simbólica”, segundo explicou o responsable e coordinador do proxecto, Manuel Costa. E é que a lancha poveira que entón chegou á Guarda non era senón unha réplica da embarcación pesqueira orixinal, un dos últimos exemplares tipicamente poveiros en saír ó mar, xa ven entrados os anos 50 do pasado século, e que coincide nos seus rasgos xerais coas lanchas volanteiras que se usaron na costa guardesa ata principios do século XX.  

A Lancha Poveira do Alto “Fé em Deus”, o pasado sábado, fondeada no Muelle Alto 
Foto: Xurxo Vicente Ameal

 Compre relembrar que a ideia da reconstrucción da "Fé em Deus" débese a Manuel Lopes (Póvoa de Varzim, 30 de maio de 1943 - 14 de agosto de 2006), daquela director do Museu Municipal de Etnografía e Historia e da Biblioteca Municipal da Póvoa de Varzim. Como arrais, Manuel Lopes a bordo da "Fé em Deus", viu na primeira singradura ata o porto de A Guarda, onde a delegación poveira foi recibida pola Agrupación Cultural Guardesa, e polo escritor i etnógrafo Eliseo Alonso Rodríguez. Posteriormente participou en varios encontros de embarcacions tradicionais - como no Iº Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia, convocado pola Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial (FGCMF), e celebrado no verán de 1993 no porto arousán de Santa Uxía de Ribeira, ou no I Encontro de Embarcações Tradicionais, que tivo lugar en Lanhelas (Caminha),..., entre outros, como o celebrado na localidade francesa de Brest - nos que a Lancha Poveira do Alto "Fé em Deus" e súa tripulación estiveron presentes. Foi precisamente no I Encontro de Embarcações Tradicionais, en Lanhelas, a derradeira que tivemos ocasión de conversar co inesquecible Manuel Lopes.

Botadura  da Lancha Poveira do Alto “Fé em Deus” (Póvoa de Varzim, 1991)
Foto: Arquivo 

 “Esta lancha ten un vínculo moi estreito coa Guarda”, afirmou José Peixoto, tripulante, xornalista e músico no colectivo "Silêncio da Gaveta"da Póvoa de Varzim. 

 Xa no século XIX, cando o vento non lles era favorable, os mariñeiros deixábanse guiar e viñan arribar á Guarda. Por entón, o lancha poveira non contaba con máis forza que a do vento e a da propia tripulación valéndose dos remos. Unha vez na vila, “tiñan por costume subir ó Monte Santa Trega e virar unha das tellas da ermida, pedindo ó vento do norte para poder tornar á Póvoa”, conta o cronista.

Minha rica Santa Trega. 
Dai-nos ventinho da pôpa. 
Que nos queremos ir embora. 
E temos a vela rôta.


 Dan conta da veracidade do seu relato as marcas poveiras -que identificaban á cada familia e súas pertenzas - gravadas na estela conmemorativa da antiga porta da ermida que, xunto o santuario de Santa Trega, desde o 23 de setembro de 1991, rende homenaxe á Póvoa de Varzim. 

 Xa con anterioridade, a cidade de Póvoa de Varzim, adicou unha rúa que leva o nome de Cidade de La Guardia (sic), ubicada do barrio Aver-O-Mar. No acto da inauguración, participaron o presidente da Câmara Municipal de Póvoa de Varzim e vereadores poveiros; Purificación Álvarez Álvarez e Antonio Cividanes Gómez, naquela altura alcaldesa e primeiro tenente de alcaldesa, de A Guarda, respectivamente, entre outros representantes municipais, así como veciños de A Guarda.





 Na actualidade, “Fé em Deus” participa nos encontros de embarcacións tradicionais que se celebran regularmente por toda a costa lusa e galega, e en actividades orientadas ó coñecemento do patrimonio marítimo e da súa historia.

 Un vínculo máis estreito entre os pobos 

 Amais do simbolismo da viaxe, este serviu de pretexto para acadar un acordo entre os representantes de ámbalas dúas vilas, comprometidas a estreitar os seus lazos turístico-culturais. “Os nosos pobos son moi parecidos, falamos unha lingua similar e pensamos que esta é unha boa oportunidade para levar a cabo un intercambio cultural”, expresou o Vice-Presidente da Câmara Municipal e concelleiro de Cultura de Póvoa de Varzim, Luis Diamantino.  

 Este intercambio radicará na promoción mutua das festas e eventos de interese turístico e cultural a ambos lados da fronteira, a fin de establecer non so un camiño marítimo, senón tamén unha conexión por terra que sirva  para o mutuo coñecemento dos pobos guardés e poveiro.   

 O representante local da Póvoa de Varzim aproveitou para convidar a Antonio Lomba Baz á próxima festa de San Pedro, unha das celebracións máis importantes da vila portuguesa que ten lugar no mes de xuño, na que se presentará unha exposición dedicada ó patrimonio histórico-cultural da Guarda presente na  Póvoa de Varzim. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario