14 de xuño de 2017

LABORAL

Delegados/as da CIG mobilízanse na Inspección de Traballo en Vigo contra os incumprimentos do convenio do naval 

A central insta a autoridade laboral a actuar diante da crecente explotación e precarización laboral que se vive no sector 

Máis de medio cento de delegados/as sindicais da CIG desenvolveron hoxe unha concentración diante da Inspección de Traballo en Vigo
Foto: CIG


Infogauda / Vigo

 Máis de medio cento de delegados/as sindicais da CIG desenvolveron hoxe unha concentración diante da Inspección de Traballo en Vigo de 11:30 a 12:30 horas para denunciar a inacción da autoridade laboral fronte aos incumprimentos do convenio do naval, o que está a provocar un incremento da explotación e da precariedade no sector, e a falta de implicación da Xunta na grave crise que padece unha industria estratéxica para o país e fundamental para a comarca. 

 Dende a CIG-Industria explican que o naval, un dos sectores económicos “máis importantes da economía galega e prioritario na comarca de Vigo”, leva seis anos de parálise na contratación pola falta de compromiso político das distintas Administracións no que atinxe á defensa dos sectores produtivos galegos ante a Unión Europa, mais tamén pola falta dun plan industrial específico. 

 Segundo denuncian, esta situación agravouse pola mala xestión dalgúns estaleiros, que levou á destrución de máis de 100 empresas e 10.000 postos de traballo, entre elas moitas das históricas e coa estrutura necesaria para poder liderar unha futura recuperación do sector. Ademais, a alertan que a desregulación actual compromete o futuro das poucas que lograron resistir

 Lembran que nos anos anteriores á crise, cunha alta carga de traballo, os empregados/as foron quen de converter o convenio do sector nun referente a nivel estatal. “Non nos regalaron nada, todo se logrou a base de loita, a loita lexítima da nosa clase para alcanzar as mellores condicións salariais e de traballo”

 Neste senso, o responsábel do Naval da CIG-Industria de Vigo, César Rodríguez, critica o feito de que agora, cando se visualiza unha tímida recuperación do sector logo de tocar fondo, pretenden precarizar estas condicións de traballo até niveis “de escravitude”, chegando a cobrar un “imposto revolucionarios ao traballo” por parte dalgunhas “mal chamadas” empresas; o incumprimento do convenio é maioritario, facéndolle unha competencia desleal ás poucas compañías que entenden a necesidade da regulación para garantir a estabilidade e o futuro do sector”. 

 Segundo aclarou, na CIG cualifican de “imposto revolucionario ao traballo” os numerosos descontos “inxutificados” que as compañías lles aplican aos seus cadros de persoal, o que supón unha merma salarial moi importante. “Ademais, temos constatado que se están a pagar horas extras a 5 ou 6 euros, retiraron algúns pluses e utilizan a fórmula da 'hora corrida', mediante a que evitan ter que pagar vacacións, indemnizacións e pagas”, sinalou. 

 Diante disto, preguntouse de que vale negociar un convenio se logo non se lles esixe ás empresas que o cumpran. “Dende a CIG levamos tempo denunciando e seguirémolo a facer sempre que se sigan a dar situacións de explotación, e facémoslle un chamamento aos traballadores/as para que nos trasladen a súa problemática concretas co fin de poder poñela en coñecemento da autoridade laboral

 Para rematar, quixo deixar moi claro que a situación que están a padecer os empregados/as do sector ten responsábeis, especialmente os que miran cara a outro lado, entre eles a Xunta de Galiza e a Inspección de Traballo, que teñen a obriga de controlar e facer cumprir as condicións de traballo dos galegos/as”. Precisamente co obxectivo de que a autoridade laboral poña a funcionar os mecanismos de control, mantiveron unha xuntanza cunha das súas responsábeis para facerlle entrega das últimas denuncias presentadas diante do organismo. 

 “Entendemos - conclúe César Rodríguez - que se teñen que implicar moito máis para darlle unha resposta máis áxil a toda esta problemática, ademais de impoñer sancións exemplarizantes ás empresas que incumpren”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario