5 de xuño de 2017

A GUARDA

Na semana do Día Mundial do Medio Ambiente

Os días 7 e 8 de xuño celebraranse no IES A Sangriña as Xornadas de Medio Ambiente

Terán lugar de 10:00 a 12:00 horas no salón de actos do centro educativo.
  
Os temas centrais serán: A conservación do medio litoral e O reto do cambio climático.


Maria Luisa Guerra / A Guarda

 O mércores, 7 de xuño, iniciará as actividades o alumnado de 4º de ESO que presentará as conclusións dos seus traballos de investigación sobre as dunas da praia da Lamiña. 

 A continuación, Agustín Ferreira Lorenzo, fundador e membro activo da Asociación Naturalista "Baixo Miño" (ANABAM), ben coñecido pola súa constante participación en proxectos de conservación, estudo e divulgación do tesouro da biodiversidade da  nosa contorna, explicará os cambios que lles están a afectar nos últimos anos ás especies do esteiro do Miño. O título da súa disertación é Biodiversidade do Baixo Miño, ameazada. 

 Rematará a xornada do día 7 o Doutor en Bioloxía, Emilio Fernández, profesor de Ecoloxía na Universidade de Vigo. Posúe un longo historial de investigación, que comezou no Reino Unido e nos EEUU. Traballou tamén no CSIC e ocupou o cargo de Director xeral de desenvolvemento sostible na Xunta de Galicia. Actualmente combina o seu labor docente coa dirección do Campus do Mar, Campus de Excelencia Internacional. El será o encargado de ditar a conferencia O océano do futuro: máis cálido, máis ácido, menos osixenado, máis desigual. 

 O xoves, día 8 de xuño, será o alumnado de 1º de Bacharelato o que inicie a xornada coa exposición dos seus traballos. 

 Seguirá a disertación de Benito Alonso da Costa co título A pesca artesá tradicional. Un modelo de aproveitamento sostible dos recursos naturais. Benito Alonso, mariñeiro xubilado e activista social e cultural. Desenvolveu a súa actividade profesional na pesca oceánica e no Miño e participou como membro activo na Confraría de pescadores da Guarda. Mantén de sempre unha postura de defensa do aproveitamento dos recursos mariños e da pesca tradicional de xeito sostible. 

 Pechará as xornadas Xavier Vázquez coa conferencia O lobo, unha especie chave nos ecosistemas, situación e perspectiva en Galicia. Xavier é biólogo, ornitólogo e consultor ambiental en España e América Latina. É experto en consultoría sobre bioturismo, especialmente ornitolóxico. Publicou varios libros sobre aves de Galicia e León. Actualmente é vogal de ASCEL (Asociación para la conservación y estudio del lobo ibérico). 

 As xornadas forman parte das actividades coordinadas polo Doutor Juan Hermida, profesor de Bioloxía no IES A Sangriña, dentro do proxecto de educación para a excelencia educativa, que se inclúe nos Contratos-programa e que ten como obxectivo ofrecerlle ao alumnado participante  recursos e motivación para iniciarse na investigación científica. 

 Os traballos realizados polo alumnado estarán expostos toda a semana no recibidor do instituto.

Ningún comentario:

Publicar un comentario