25 de maio de 2017

PONTEVEDRA

Yolanda Ríos, Mariluz Feijoo, Aitor Victor Fernández e Borja Guerrero gañan o certame Novos Valores 2017 

O xurado seleccionou un total de 37 obras que participarán na mostra ‘Novos Valores 2017' que terá lugar entre o 3 de agosto e o 17 de setembro no Sexto Edificio  


O xurado do certame Novos Valores 2017 mantivo esta mañá a segunda das súas xuntanzas, co obxecto de elixir as catro obras gañadoras dun total de 37 seleccionadas
Foto: D.P.


Infogauda / Pontevedra

 O xurado do certame Novos Valores 2017 mantivo esta mañá a segunda das súas xuntanzas, co obxecto de elixir as catro obras gañadoras dun total de 37 seleccionadas. Nesta edición resultaron gañadoras unha obra de escultura, unha do apartado de ‘varios', unha en fotografía, e outra en debuxo. No apartado de escultura resultou elixida como gañadora a obra titulada ‘Balcones (serie)'. Trátase dunha escultura realizada en madeira de balsa de Yolanda Ríos Coello, de Bueu. No apartado de ‘varios', o xurado elixiu a obra titulada ‘Espacios definidos', unha peza que mestura debuxo e fotografía de María de la Luz Feijóo Cid, de Baiona. Na categoría de fotografía a obra gañadora titúlase ‘Crebas de ti, eu', unha obra dixital en cor de Aitor Víctor Fernández Marcos, de Ourense. E por último, no apartado de debuxo a obra gañadora leva o título de ‘A Viaxe' e corresponde a Borja Guerrero Parapar, de Pontevedra.  

 Hai que lembrar que nesta edición se recibiron un total de 101 obras, das cales 25 corresponden á categoría pintura, 27 a escultura, 20 a fotografía, 8 de vídeo creación, 7 en debuxo, 4 en gravado, 1 en deseño e 9 no apartado de varios. O xurado nesta edición está formado polo profesor e artista pontevedrés Manuel R. Moldes; pola artista e catedrática Yolanda Herranz; polo comisario e crítico de arte Miguel Fernández Cid; pola decana da Facultade de Belas Artes, Silvia García; polo director do Museo, Carlos Valle; pola técnico provincial de Xestión Cultural María del Carmen Baloira; e polo xefe do Servizo de Cultura e Lingua, Antonio Santos, como secretario. O xurado xa tivera unha primeira xuntanza fai unha semana para realizar a visualización das obras das diferentes disciplinas e seleccionar as pezas que participarán na mostra Novos Valores 2017. Os 37 traballos seleccionados exporanse ao público nunha das salas de exposicións temporais do Sexto Edificio entre o 3 de agosto e o 17 de setembro.   

 A concesión das catro bolsas realízase a través dun convenio entre os gañadores e gañadoras e a Deputación, no que se concreta o seu emprego e o prazo, que non será superior a un ano. Nese tempo, os bolseiros e bolseiras deberán entregar unha memoria xustificativa do traballo e do investimento realizados e tamén unha obra orixinal e asinada. Como recoñecemento ao seu traballo, a institución provincial comprométese como culminación do certame a programar nas instalacións do Museo unha exposición con obras das catro persoas premiadas. De feito, entre o 10 de outubro e o 12 de novembro terá lugar a mostra conformada polas obras aportadas polos artistas premiados coas bolsas outorgadas no certame Novos Valores 2016: Diego Vites, que gañara na sección de pintura; María Maquieira en debuxo, Basilisa Fiestras en escultura e Olmo Cuñas en vídeo creación. 

Obra seleccionada  
 O xurado seleccionou 33 obras, ademais das catro gañadoras, que formarán parte da exposición. En Pintura foron seleccionados  8 obras: ‘Eliminación' de José Navas Aranda; ‘Origen. El nido de los vínculos'' de Marta Quinteiro Villar; ‘Linda maestra!' de Rebeca López Villas;‘Try brauches ne'er remenber' de Eugenia Mercedes Cuéllar Barbeito; unha obra sen título de Eugenia Sofía Cabrera; ‘Un estudo sobre o repouso' de Julia Huete Iglesias; ‘Chatrooms' de Daniel Cerecedo Bretal; ‘Culpable de todo' de Alberto Fojo Ferrer. En escultura seleccionáronse 7 obras: ‘Testigos de confianza'de Rebeca López Villar; ‘Morfologías de la ansiedad' de Aram Iglesias Ríos; ‘Desnudo' de María del Mar Ramón Soriano; ‘Folla de serra' de Francisco José Rodríguez Remiseiro; ‘Boro' de Irene María Romero Meilán; ‘Espazo para o diálogo' de Miguel Ángel Vigo Baleirón; e ‘Narcoarquitectura' de Jacobo Bugarín Osorio. No apartado de varios foron seleccionadas catro obras: ‘Retratos de familia'de Ana Isabel Gil Rodríguez; ‘Sujeto, órgano, objeto' de Sara Vázquez Touzón; ‘Proyecciones' de Silvia Marra Fernández; e ‘Imitar bellamente' de Natalia Fernández Umpiérrez. En deseño foi seleccionada a obra ‘Galicia Postal' de José Francisco Muíño Aragón. En gravado resultou seleccionada a obra ‘Raíces' de Acacia Ojea López. En fotografía seleccionáronse cinco obras: unha obra sen título de Lúa Ribeira Cendán; ‘Adaptaciones' de Paula Santomé Rodríguez; ‘Erosión desplegada' de María García Fernández; ‘Un árbol' de Loaira Pérez Pérez; e ‘Río Lérez. Planta no tramo 17' de Jaime José Olmedo Feijóo-Montenegro. Na categoría de debuxo foron seleccionadas catro obras: ‘Re-nacendo. Serie Entre-tebras' de Beatriz Sieiro Caramés; ‘Estampa mexicana: Anunciación' de Noel Pérez Fungueiriño; ‘S/T (grillos y susurros)' de Leila Durán Blanco; e ‘Sed, del verbo ser' de Lois Costas Pereiro. No apartado de vídeo seleccionáronse tres obras: ‘Epicentro' de Mario Díaz Rodríguez; ‘Resistencias: Extracto I' de Catarina Mosquera Pena; e ‘Al(i)teración' de Laura García Calleja

Ningún comentario:

Publicar un comentario