25 de maio de 2017

BAIXO MIÑO

Nunha reunión celebrada entre deputados provinciais e voceiros desta comarca  

O PP do Baixo  Miño denuncia o deterioro das estradas provinciais da comarca  

Nidia Arévalo critica que “a maior parte das vías dan pena, nunca estiveron así, pero o problema é que levan xa dous anos sen ningún tipo de mantemento por parte da Deputación”. 

A voceira do grupo provincial do Partido Popular, Nidia Arévalo, reuniuse cos alcaldes e voceiros do PP da comarca do Baixo Miño

Infogauda / Baixo Miño

 A voceira do grupo provincial do Partido Popular, Nidia Arévalo, reuniuse cos alcaldes e voceiros do PP da comarca do Baixo Miño, para interesarse polas necesidades e demandas dos seus concellos. Todos coincidiron en denunciar o importante deterioro que sofren as estradas provinciais, que na maior parte dos casos teñen tramos co asfalto deteriorado, sen pintar e coas cunetas sen limpar. Os populares acusan ao Bipartito da Deputación de Pontevedra de estar deixando de lado o mantemento destas vías e, polo tanto, a seguridade dos seus usuarios.  

 Nesta liña, Nidia Arévalo sinalou que, desde que o Bipartito PSOE-BNG asumiu o goberno provincial, o abandono das estradas provinciais é unha realidade, e consecuencia desta desidia é o estado que presentan. “A maior parte das estradas provinciais dan pena, nunca estiveron así, pero o problema é que levan xa dous anos sen ningún tipo de mantemento”, critica. Por iso, a voceira lamentou que eliminasen o plan de mantemento para as estradas provinciais, que no anterior mandato permitiu mellorar en toda a provincia o asfalto e as condicións das vías.  

 Como exemplos na comarca, sinalan o estado das estradas Cerquido-Borralliño e Entenza-Soutelo, ámbalas dúas en Salceda de Caselas, ou Torneiros-Mosende e Mosende-Morgadáns, no Porriño.   

 No caso de Salceda, o presidente local do PP, Santiago Rodríguez, criticou que no proxecto que está previsto para Cerquido e Borralliño non contemplan unha mellora integral da seguridade viaria, mentres que para a estrada Entenza-Soutelo, que precisa de un mantemento urxente, tamén reclama unha mellora integral. 

 Pola súa parte, o presidente local do PP do Porriño, Alejandro Lorenzo, denunciou o lamentable estado das estradas de Torneiros-Mosende e Mosende-Morgadáns. Os populares visitarán próximamente estas vías para comprobar o seu deterioro, e presentarán unha moción no pleno do Porriño para pedir o seu pintado e a súa limpeza.  

 No caso da Guarda, Conchi Ortega lamentou que despois de case dous anos esperando a que Carmela Silva cumprise a súa promesa coa rúa Concepción Areal, o que ofrecen agora é un lavado de cara. Foi a raíz da última visita que os populares fixeron a este concello para denunciar os atrasos, “non se fixo nada da reforma prometida, agora temos parches e novos aprazamentos”, lamentou.

Ningún comentario:

Publicar un comentario