29 de maio de 2017

TOMIÑO

CORES TOURÍS CLAUSURA O OBRADOIRO DE EMPREGO “DINAMIZACIÓN TURÍSTICA” DE TOMIÑO 

NO QUE SE FORMARON 20 ALUMNOS   

· O delegado territorial da Xunta en Pontevedra destacou a realización durante este período de formación de diversas iniciativas que teñen con fin a potenciación do turismo na localidade   

· En 2017 a Xunta destinará a este tipo de iniciativas 20,5 millóns de euros, resaltando a ampliación da duración de cada obradoiro ata os 9 meses   

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, participou hoxe en Tomiño na clausura e entrega de diplomas do obradoiro de emprego “Dinamización Turística”

Infogauda / Tomiño 

 O delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, participou hoxe en Tomiño na clausura e entrega de diplomas do obradoiro de emprego “Dinamización Turística”, nun acto no que puxo en valor estes programas mixtos de formación e emprego que, segundo apuntou, incrementan a inserción no mercado de traballo dos seus participantes.   

 No acto, o delegado territorial estivo acompañado pola alcaldesa de Tomiño, Sandra González, e o xefe territorial de Economía, Ignacio Rial. Este obradoiro contou cunha aportación da administración autonómica de 180.000 euros. 

 Os alumnos e alumnas, 20 en total, terán a partir de agora máis oportunidades para atopar un emprego nas especialidades de Promoción Turística Local e Información ao Visitante, así como en Confección e Publicación de Páxinas Web. Recibiron, ademais, formación complementaria en sensibilización na igualdade de oportunidades e ambiental, informática, técnicas para atopar un emprego e en prevención de riscos laborais.   

 Os alumnos deste obradoiro levaron a cabo a elaboración de guías turísticas e produtos turísticos locais coma rutas ou eventos culturais e deportivos, así como executaron o deseño do aspecto visual da páxina web de turismo do concello. A maiores, levaron a cabo a inserción de documentos, tanto de audio coma de vídeo, do arquivo documental do concello, establecendo condicións de accesibiliade e usabilidade.   

 A provincia de Pontevedra contou nos últimos 6 meses con 29 obradoiros que formaron a máis de 600 persoas. “Cinco destas iniciativas corresponderon a obradoiros para menores de 25 anos que xa, na anterior edición, tiveron unha moi boa acollida”, engadiu o delegado territorial, quen destacou os case cinco millóns de euros destinados a estas iniciativas en 2016.  

 A Xunta de Galicia destinará para este ano un total de 20,5 millóns de euros, preto dun 50% máis que na convocatoria inicial anterior, tanto para os programas ordinarios como para os específicos para os menores de 30 anos, que este ano pasarán a ter nove meses de duración.   

 O delegado territorial da Xunta en Pontevedra aproveitou o acto para expor as vantaxes que supoñen os obradoiros de emprego como é a súa contribución a fixar poboación no rural. 

 “Para o Goberno galego é unha prioridade o rural e, por iso, lembrou que a Consellería de Economía, Emprego e Industria vén de activar con 30 millóns de euros un programa específico de formación e emprendemento no rural co que se prevé beneficiar a 13.000 persoas”, matizou José Manuel Cores Tourís. 

 Esta iniciativa inclúe 10 medidas entre as que destacan a posta en marcha de obradoiros que centrarán a súa actividade no rural co deseño de 70 programas mixtos con contidos específicos para cada zona. Outras medidas innovadoras do plan son a Formación á porta que levará ata os concellos sen centros homologados os certificados de profesionalidade. 

 Cores Tourís, por último, destacou que os obradoiros, ademais de ofrecer unha formación de calidade e un acceso a un emprego cun contrato fomentan a colaboración institucional. “A formación é a chave que pode abrir oportunidades de cara ao futuro no eido laboral”, indicou, ao tempo que asegurou que “ninguén coñece mellor que os concellos as demandas e necesidades dos cidadáns, as obras e servizos máis necesarios e as oportunidades de emprego de cada zona”. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario