29 de abr. de 2017

VIVENDA

O Goberno galego, dende o ano 2015 ata a actualidade, adxudicou 136 vivendas a familias en risco de exclusión, que se corresponden con inmobles cedidos pola Sareb e entidades financeiras e con vivendas de promoción pública da Xunta de Galicia 

A Xunta xa concedeu un total de 317 bonos de alugueiro social

O Bono de Alugueiro Social, cuxa convocatoria destina un orzamento de 5 millóns de euros para axudas que se concederán este ano e se prorrogarán ata 2019 ou 2020, enmárcase nas 12 medidas da Xunta fronte aos desafiuzamentos 

Esta medida consiste nunha axuda mensual de ata 200 euros e por un máximo de tres anos para o pago do alugueiro, ademais de 600 euros para formalizar novos contratos ou para atrasos no caso de permanecer na vivenda  

Os obxectivos deste programa son intentar paralizar o desafiuzamento cunha axuda que garanta o pago da renda; e cando non sexa posible, axudándolles ás familias desaloxadas a afrontar o pago do arrendamento dun novo fogar  

Cómpre lembrar que o Executivo autonómico tamén dispón dun parque público de arredor de 3.100 vivendas en alugueiro, destinadas a familias con baixos recursos, con descontos do 50 % no seu importe


Infogauda / Santiago de Compostela

 A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, xa concedeu un total de 317 Bonos de alugueiro social coa fin de proporcionarlles ás persoas en dificultades unha axuda que lles permita garantir o pago da renda da súa vivenda. Destes bonos concedidos, 223 xa están sendo abonados.
 O Bono de Alugueiro Social enmárcase nas 12 medidas adoptadas pola Xunta fronte aos desafiuzamentos e en defensa do dereito á vivenda. O Goberno galego fixo pública no mes de xaneiro a convocatoria das axudas do bono correspondente a este ano, que contará cun investimento de cinco millóns de euros que se destinarán a subvencións que se concederán este ano e se prorrogarán ata 2019 ou 2020.
 Esta medida de apoio consiste nunha axuda mensual de ata 200 euros e por un prazo máximo de tres anos para o pago do alugueiro da vivenda, ademais dunha axuda única de 600 euros para os gastos derivados da formalización de novos contratos de alugueiro ou para o pago de atrasos no caso de permanecer na vivenda obxecto do procedemento xudicial de desafiuzamento.
 O obxectivo deste programa é actuar nunha dobre dirección: primeiro, intentando paralizar o proceso de desafiuzamento ao proporcionarlle aos inquilinos unha axuda económica que lles permita garantir o pago da renda; e segundo, cando non sexa posible, axudándolles ás familias desaloxadas da súa casa a afrontar o pago do arrendamento dun novo fogar.
 A orde aprobada en xaneiro establecía a incorporación de dous novos colectivos susceptibles de beneficiarse das axudas do Bono de Alugueiro Social: os arrendatarios de vivendas de promoción pública da Xunta cuxa vixencia do contrato rematase despois da entrada en vigor desta orde; e persoas que por concorrer circunstancias de emerxencia social e non acadar os ingresos necesarios establecidos no Programa de Vivendas Baleiras, sexan propostas para a adxudicación dunha vivenda no marco de dito programa.
 Estes novos colectivos súmanse aos xa incluídos anteriormente como as persoas inmersas en situacións de especial dificultade, vítimas de violencia de xénero ou unidades de convivencia con dificultades para asumir o custe do arrendamento dunha vivenda e que foran privados da súa vivenda habitual por danos sufridos nesta derivados dunha circunstancia imprevisible e sobrevida, tales como incendios, inundacións, etc.

 Vivendas adxudicadas

 Por outra parte, o Goberno galego, dende o ano 2015 ata a actualidade adxudicou de xeito directo 136 vivendas a familias en risco de exclusión, das que 90 se corresponden con inmobles cedidos pola Sareb e por entidades financeiras e as restantes son vivendas de promoción pública da Xunta.
 Cómpre lembrar que o Executivo autonómico, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), dispón dun parque público de arredor de 3.100 vivendas en alugueiro, destinadas a familias con baixos recursos. Estes inmobles contan con descontos do 50 % no seu importe, o que evita que os núcleos familiares con dificultades teñan o risco de perder a súa vivenda. Ademais, os adxudicatarios destes inmobles en réxime de compravenda poden solicitar o cambio a alugueiro se teñen problemas para o pago da súa hipoteca.

Ningún comentario:

Publicar un comentario