17 de abr. de 2017

SANIDADE

A subministración das vacinas de tétano, difteria e tose ferina restablecerase en maio 

Galicia contará con doses suficientes para normalizar o seu uso segundo as indicacións do Programa galego de vacinación e para recaptar a todas as persoas que non puideron inmunizarse no seu momento  

Recibiranse 69.000 doses de vacinas dTpa e 92.000 de vacinas Td, nas que a Xunta investiu, en total, case 1,7 millóns de euros

Infogauda / Santiago de Compostela

 O próximo día 2 de maio a Consellería de Sanidade restablecerá a subministración de vacinas de difteria e tétano tipo adulto (Td) e de difteria, tétano e tose ferina acelular de baixa carga antixénica (dTpa). Estas vacinas sufriran problemas de subministro en toda España que ocasionaron que os programas de vacinación se visen obrigados a interromper os seus calendarios e priorizar a súa utilización naqueles colectivos ou situacións de maior risco.
 Neste momento conseguiuse a subministración de doses suficientes para normalizar o seu uso segundo as indicacións do Programa galego de vacinación e para recaptar a todas as persoas que non puideron inmunizarse no seu momento.
 A vacinación con dTpa está indicada para mulleres embarazadas e para nenos. Nas xestantes continuarase como ata agora, xa que a súa inmunización considerouse prioritaria dada a gravidade da tose ferina nos lactantes. No que atinxe ao calendario infantil, vacinaranse aos nenos segundo vaian cumprindo os seis anos e administraráselles a quinta dose desta vacina a todos os rapaces que, dende maio de 2015, non a puideron recibir ao chegar a esta idade.
 Polo tanto, recibirán unha dose os nacidos en 2011 que cumpriron 6 anos neste ano (antes de maio) e os que os cumpriron durante os anos 2015 e 2016 e non recibiron esta dose de recordo. Estes rapaces serán inmunizados segundo vaian acudindo aos puntos de vacinación; e a Consellería de Sanidade realizará un seguimento das coberturas obtidas para valorar, posteriormente, se resulta necesario realizar algunha iniciativa de captación activa. Ao longo de 2017 recibiranse en Galicia 69.575 doses de vacinas dTpa, nas que se investiu 1.081.752 euros.
 No que atinxe á vacinación con Td, administraranse doses aos nenos que vaian cumprindo os 14 anos e aos que non a puideron recibir nestes meses pasados por falta de dispoñibilidade. Ademais, en adultos, completaranse ou iniciaranse pautas de persoas non vacinadas con anterioridade e administraranse doses de recordo. Por último, realizarase profilaxe en caso de feridas tetaníxenas e noutras situacións de risco. Galicia destinou 609.417 euros á adquisición de 92.800 doses de vacinas de difteria e tétano.
 Para a administración destas vacinas recoméndase pedir cita no centro de saúde, co obxectivo de evitar problemas aos usuarios e garantir o normal desenvolvemento do sistema asistencial.

 Antecedentes

 No ano 2015 as compañías farmacéuticas que fabrican vacinas con antíxenos da tose ferina comunicaron problemas de subministro, alegando dificultades xurdidas na súa produción. Esta situación, de repercusión mundial, afectou fundamentalmente ás vacinas penta e trivalentes dTpa utilizadas no calendario de vacinación infantil.
 Nese momento, todas as comunidades autónomas -coordinadas polo Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade- puxeron en marcha diversas actuacións encamiñadas a paliar este problema e minimizar o impacto sobre os programas de vacinación. Ao mesmo tempo, desde o Ministerio se realizaron as xestións necesarias coa industria farmacéutica para dispor de alternativas.
 Isto obrigou a realizar unha adaptación transitoria do calendario de vacinación, que supuxo substituír a vacina pentavalente dos 4 meses por unha hexavalente; realizar o recordo dos 18 meses coa vacina pentavalente mentres se dispuxo de doses e substituíla despois por unha hexavalente; e atrasar temporalmente a administración da vacina dTpa dos 6 anos ata dispor de doses suficientes.
 Doutra banda, a finais de 2016 as compañías subministradoras de vacina fronte ao tétano e difteria (Td) comunicaron as autoridades sanitarias o desabastecemento parcial desta vacina, indicando que en 2017 ían importar a metade das doses que en anos anteriores. Ante esta situación, acordáronse diversas medidas para priorizar o uso desta vacina naqueles casos de maior risco e minimizar as repercusións sobre o programa infantil.
 Esta adaptación supuxo priorizar a vacinación con Td na profilaxe postexposición ante feridas tetaníxenas; suspender temporalmente a dose de recordo con Td nos adolescentes aos 14 anos e as doses de recordo nos adultos; e emitir indicacións específicas e individualizadas, desde Saúde Pública, para a primovacinación dos adultos, tras a valoración de risco.
 Toda a información sobre o Programa galego de vacinación, tanto do calendario infantil como da inmunización en adultos, atópase dispoñible na web do Servizo Galego de Saúde

Ningún comentario:

Publicar un comentario