17 de abr. de 2017

PONTEVEDRA

A Deputación de Pontevedra pon á disposición do tecido asociativo do deporte a ferramenta "Depo Informa" 

Esta medida contémplase dentro do Plan Estratéxico do Deporte 2017-2020 que aprobou a institución provincial o pasado mes de marzo  



Infogauda / Pontevedra

 A Deputación de Pontevedra vén de poñer en funcionamento unha nova ferramenta, dispoñible na súa páxina web, baixo o nome de "Depo Informa". Trátase dunha base de datos de clubs deportivos, a través da cal todas as entidades deportivas poderán transmitir e dispoñer de información en tempo real de asuntos de grande interese para o fomento do tecido asociativo deportivo, temas como, entre outros, liñas de axudas e subvencións.  

 A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, remitiu nos últimos días unha serie de cartas destinadas ás asociacións, clubs e demais entidades que se poderán beneficiar da ferramenta "Depo Informa". Esta ferramenta ten como obxectivo, ademais, fomentar e facilitar as súas relacións administrativas coa Deputación de Pontevedra. 

 Esta é unha das iniciativas contempladas no Plan Estratéxico do Deporte 2017-2020, no que xa se formulaba a posta en marcha dunha ferramenta 3.0 aberta a todas as entidades e que tería como finalidade mellorar a xestión do deporte na provincia de Pontevedra. Deste xeito, "Depo Informa" nace como un centro de consulta e información dixital, un novo mecanismo de comunicación no que poder contar cunha ampla variedade de información de interese. 

 As entidades interesadas poderán inscribirse cubrindo o formulario de adhesión que se pode atopar premendo eiquí.

Ningún comentario:

Publicar un comentario