17 de abr. de 2017

MEDIO AMBIENTE

Medio Ambiente constata a evolución positiva na recuperación natural do salmón autóctono e mantén o seu compromiso coas medidas de recuperación 

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio participou esta mañá na solta de máis de 6.000 esguíns de salmón, nacidos no Centro Ictioxénico de Carballedo, dos 115.000 que se farán ao longo de 2017

Sinala que o 2016 foi un bo ano para o salmón, xa que se capturaron 180 exemplares, case os mesmos que na década dos 80  

Salienta que “esta é unha boa nova”, tendo en conta que o Ulla é o río integramente galego máis importante en termos de abundancia de salmóns  

Recorda que o vindeiro 1 de maio comeza a tempada de pesca nas augas salmoneiras e destaca que dos 13 cotos para a pesca do salmón en Galicia, 4 están no río Ulla ao sumarse este ano o coto de Pontevea

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio participou esta mañá na solta de máis de 6.000 esguíns de salmón, nacidos no Centro Ictioxénico de Carballedo, dos 115.000 que se farán ao longo de 2017

Infogauda / A Estrada

 A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio constata a evolución positiva na recuperación natural do salmón autóctono e mantén o seu compromiso coas medidas de recuperación desta especie. Unha boa mostra desta mellora é o seu estado no río Ulla, tendo en conta a reducción do número de capturas de exemplares marcados. Así o puxo de manifesto a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, durante a solta de máis de 6.000 esguíns de samón nacidos no Centro ictioxénico de Carballedo, dos 115.000 que se farán ao longo do ano 2017.
 Indicou que nos primeiros anos a proporción de peixes repoboados (marcados) que se recapturaron situábase nun 40%, mentres que nos últimos anos, esta proporción de exemplares marcados foi inferior ao 10%. Isto é unha mostra de que no río Ulla incrementouse notablemente a reprodución natural, “o que é sen dúbida unha boa nova”, manifestou a conselleira de Medio Ambiente.
 A responsable de Medio Ambiente recordou que coa solta dos esguíns comeza un ciclo de vida espectacular para o salmón, pois desde o río Ulla baixarán cara o mar, percorrerán máis de 5.000 quilómetros ata a costa oeste de Groenlandia ou ao Mar do Norte, e - finalmente- retornarán ao Ulla, que é o río integramente galego máis importante en termos de abundancia de salmóns.
 Destacou que esta mellora é sen dúbida grazas aos labores de recuperación coa mellora da accesibilidade para peixes migradores mediante a construción e a mellora de dispositivos de franqueo, medidas de control da pesca e as repoboacións con xuvenís de orixe autóctona, como a realizada esta mañá, e engadou que nos últimos vinte anos se soltaron só no río Ulla un total de 1,2 millóns exemplares de salmón, nas súas distintas fases (alevín, pinto e esguíns).
 A conselleira manifestou que grazas a este traballo de recuperación, na actualidade pódese seguir pescando salmón no río Ulla e no resto dos coutos galegos desta especie. Estas medidas permiten iniciar a tempada de pesca en augas salmoneiras o vindeiro 1 de maio nas mellores condicións, aclarou e recordou que a tempada concluirá o 31 de xullo, ou antes no caso de que se acade o cupo. Indicou que a partir dese momento só se poderá practicar este deporte fluvial na modalidade de pesca sen morte, prolongándose esta ata o 30 de setembro. Sinala que o 2016 foi un bo ano para o salmón, xa que se capturaron 180 exemplares, case os mesmos que na década dos 80.
 No caso do río Ulla, este ano se incorpora un novo couto de pesca de salmón: Pontevea, que se suma a Santeles, Sinde e Ximonde; polo que se conta con case 5 quilómetros para a captura de salmón nesta tempada e recorda que dos 13 cotos que existen en Galicia, catro están no río Uila.

Ningún comentario:

Publicar un comentario