23 de abr. de 2017

COMERCIO

A Xunta de Galicia destina 900.000 euros a impulsar a competitividade e a calidade das prazas de abastos galegas

Economía, Emprego e Industria activará a vindeira semana unha nova edición das axudas para promover a excelencia dos mercados e novos servizos para os clientes, das que o ano pasado se beneficiaron 31 concellos e 14 asociacións 

Como novidade, as asociacións e cooperativas dos mercados poderán obter apoios para a realización de melloras nas instalacións  

A convocatoria tamén contempla axudas para os espazos onde se realizan as feiras tradicionais, así como para a creación de lotes de produtos con empaquetado específico no marco da iniciativa ‘Mercados no Camiño’  

O programa forma parte do Plan de Mercados Excelentes de Galicia 2016-2020, con 20 actuacións específicas que permiten potenciar estas infraestruturas comerciais como espazos de emprendemento e de dinamización económica

Infogauda / Santiago de Compostela

 A Xunta de Galicia destina 900.000 euros a impulsar a competitividade e a calidade das prazas de abastos galegas a través dunha nova convocatoria de axudas que se prevé publicar a vindeira semana no DOG para impulsar a excelencia dos mercados e a posta en marcha de novos servizos para os clientes da que se poden beneficiar tanto os concellos como as asociacións e cooperativas de praceiros.
 O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir do día seguinte á publicación da convocatoria. Por unha banda, os concellos poden obter axudas de ata 60.000 euros e un 70% do investimento, dependendo do estado do mercado, para a realización de melloras nas instalacións das prazas de abastos e a posta en marcha de novos servizos para os clientes. Entre as actuacións apoiadas atópanse, ademais do acondicionamento do edificio, a posta en marcha de novos sistemas de comercialización on line, e aspectos relacionados coa loxística e a presentación do produto. Os municipios tamén poden solicitar axudas de ata 20.000 euros e o 50% do investimento a realizar para a adecuación dos espazos onde se celebran os mercados tradicionais e ambulantes, referentes na venda dos produtos locais e tradicionais de calidade.
 Como novidade, este ano as asociacións e cooperativas de praceiros poderán solicitar tamén axudas para a adecuación das instalacións, e melloras no interiorismo e imaxe, a exposición do produto ou os sistemas de comercialización. Neste caso, as axudas poderán chegar ata os 40.000 euros e alcanzarán o 50% do investimento.
 No caso das asociacións e cooperativas situadas en concellos polos que pasa o Camiño de Santiago poderán un ano máis solicitar os apoios para a creación de lotes de produtos con empaquetado específico no marco da iniciativa Mercados no Camiño, que busca así aproveitar as sinerxías entre turismo e comercio nas localidades polas que discorren as rutas xacobeas.
 Estas actuacións apoiadas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria irán acompañadas da realización de iniciativas dirixidas ao mentoring comercial para os praceiros, co obxectivo de aumentar a rendibilidade do punto de venda mediante técnicas de visual merchandising, a colocación do produto ou a atención ao cliente.
 O programa, do que o ano pasado na súa primeira edición se beneficiaron un total de 31 concellos e 14 asociacións de praceiros, enmárcase no Plan de Mercados Excelentes de Galicia 2016-2020, que recolle 20 actuacións específicas que permiten potenciar estas infraestruturas comerciais como espazos de emprendemento e de dinamización económica, adaptados aos novos hábitos dos consumidores e vinculados ao territorio.
 Dentro dese plan, este ano xa se puxeron en marcha as axudas ás asociacións de comerciantes para a dinamización dos centros comerciais abertos e as prazas de abastos, dotadas con dous millóns de euros, e o programa de Espazos activos de emprendemento comercial no rural, cun orzamento de 600.000 euros.

Ningún comentario:

Publicar un comentario