21 de abr. de 2017

A GUARDA

TURISMO

A Semana Santa na Guarda amosou uns resultados excelentes

Algúns dos establecementos indicaron que dende o martes o traballo foi continuo como nas mellores semanas de agosto


Máis de 11.000 persoas visitaron o Monte Santa Trega dende o martes ao domingo
Fotos: O.T.M.

Oficina de Turismo Municipal / A Guarda

 Pasada a semana santa e unha vez coñecidos os datos recollidos pódese afirmar que A Guarda tivo unha excelente afluencia de visitantes e turistas durante esas datas.

 Máis de 11.000 persoas visitaron o Monte Santa Trega dende o martes ao domingo. Outro aspecto a destacar é que en tan só 3 días máis de 500 persoas realizaron unha visita guiada ao Castro de Santa Trega polo que puideron coñecer con profundidade o noso castro grazas as explicacións do guía. O número de persoas que accederon ao monte e aquelas que fixeron a visitas guiadas ao castro tiveron un incremento do 30% con respecto ao ano anterior. Con motivo do centenario do MASAT tamén se organizaron visitas guiadas no Museo Arqueolóxico de Santa Trega de martes a sábado con 215 persoas. O resultado foi positivo xa que os visitantes cada vez amosan un maior interese en coñecer o monte e o museo.

As visitas guiadas no xacemento galaico - romano do Monte Santa Trega, tiveron novamente unha magnífica acollida

 En canto aos datos recollidos no punto de información turística habilitado no MASAT, Museo Arqueolóxico de Santa Trega, se atenderon a 254 persoas en 100 consultas referidas ao castro e ao monte en xeral, que visitar na Guarda e os arredores. Madrid e Castela León son as procedencias máis destacada aínda que tamén  houbo consultas de estranxeiros: Portugal, Francia, Alemaña, EEUU e Xapón. Sen esquecerse de galegos, do interior como Ourense ou Lugo. Aínda que foron numerosos os visitantes de contorna e da provincia de Pontevedra.

Visitantes accedendo pola Porta da Vila, á Fortaleza de Santa Cruz (A Guarda) 


 Outra novidade da semana santa foron as visitas guiadas ao casco histórico da Guarda. Estas visitas tiveron unha boa acollida, xa que unhas 80 persoas percorreron as nosas rúas e prazas comezando no porto pesqueiro, continuando en dirección ao casco antigo e seguir ata a Fortaleza de Santa Cruz e regreso de novo ao porto.

Grupo de persoas participando nunha das visitas guiadas polo casco histórico da vila de A Guarda


 Segundo a enquisa realizada aos establecementos hoteleiros da Guarda a ocupación foi moi positiva comparando con anos anteriores. Algúns propietarios indicaron que tiveron unha ocupación do 75 % e outros acadaron o 100 % da ocupación. Consultados os restaurantes tamén trasladaron que esta semana santa tamén foi moi positiva e que non recordan outra similar con moitos clientes dende a fin de semana anterior. Algúns dos establecementos indicaron que dende o martes o traballo foi continuo como nas mellores semanas de agosto. Outro indicou que non puideron atender a toda a demanda que se achegou.

 A combinación de bo tempo, o importante patrimonio e a excelente gastronomía demostrou que A Guarda continúa a ser un dos destinos máis visitados de Galicia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario