6 de mar. de 2017

GALICIA

Medio Ambiente inicia a consulta pública para modificación do decreto en materia de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre

A páxina web da Consellería publica hoxe o documento polo que se inicia este trámite, co fin de que a cidadanía, organizacións e asociacións poidan presentar as súas achegas  

A finalidade é articular un novo texto que facilite de forma clara, eficaz e transparente aos interesados o coñecemento nos procedementos, trámites e dereitos que faciliten o seu uso e defensa e conservación do territorio de servidume

Infogauda / Santiago de Compostela

 A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio inicia hoxe a consulta previa para a modificación do decreto en materia de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre. Trátase dun trámite previo ao inicio de tramitación do anteproxecto de decreto; así, ata o vindeiro 20 de marzo a cidadanía, organizacións e asociacións que o desexen poderán facer achegas ás solucións ou suxestións sobre determinados aspectos, como os problemas que se pretenden solucionar coa iniciativa, a necesidade e oportunidade da súa aprobación, os obxectivos da norma, así como as posibles solucións alternativas regulatorias e non regulatorias.
 Cómpre destacar que- tras máis dunha década de vixencia do Decreto 158/2005, do 2 de xuño- é necesario nun novo texto que, partindo da regulación básica estatal de mínimos, desenvolva de xeito completo e innovador todos os aspectos que inciden na materia, ofrecendo solucións eficaces ás necesidades detectadas no tempo transcorrido e tendo en conta a experiencia acumulada.
 O anterior Decreto 158/2005, ditouse ao abeiro do marco constituído pola Lei 22/1988, de 28 de xullo, de Costas, que ten sido modificada pola Lei 2/2013, de 29 de maio, de Protección e Uso Sostible do Litoral. É tamén importante subliñar a incidencia que na regulación da servidume de protección ten o real decreto 876/2014, de 10 de outubro, polo que se aproba o regulamento xeral de costas.
 Doutra banda, tamén hai que ter en conta o réxime xurídico aplicable no solo rústico de protección de costas de resultas da aprobación da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do Solo de Galicia; e do seu Regulamento aprobado por Decreto 143/2016, do 22 de setembro.
 Estas circunstancias aconsellan un novo tratamento da materia que facilite de forma clara, eficaz e transparente aos interesados o coñecemento nos procedementos, trámites e dereitos que faciliten o seu uso á vez que a súa defensa e conservación, dado que falamos dun ámbito especialmente sensible, como é o territorio.
 En definitiva, o obxectivo principal desta disposición regulamentaria é clarificar e unificar o réxime que debe resultar de aplicación na zona de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre, adecuando o marco normativo autonómico, regulando o réxime de usos na devandita zona, así como a determinación pormenorizada dos procedementos de outorgamento da autorización autonómica así como, no seu caso, da presentación da declaración responsable, en función da actuación a desenvolver.

Ningún comentario:

Publicar un comentario