MES DA MULLER
"A
Caixiña dos Mistos" (o cine máis pequeno do mundo) é unha caravana
itinerante na que se proxectan diversas curtametraxes e contido audiovisual. Na
súa parada na Guarda proxectarán curtametraxes co trato igualitario como tema
principal das mesmas, en conmemoración do Día Internacional da Muller, que se
celebra o vindeiro mércores día 8 de marzo. Trátase dunha iniciativa dirixida a
nenos e nenas de 3 a 12 anos, que poden acceder a esta orixinal sala de
proxección en grupos que non superen os 20 integrantes.
"A
Caixiña dos Mistos" leva percorrendo numerosas localidades galegas dende
2009 e chega a vindeira semana á Guarda para ofrecer aos cativos e cativas da
vila unha experiencia innovadora e próxima coa que achegarse a un tema de tanta
relevancia na actualidade como é o da igualdade entre homes e mulleres.
ESPERÁMOSVOS
O MÉRCORES DÍA 8 DE MARZO NA ALAMEDA DA GUARDA DE 16:30 A 19:30 H
ACTIVIDADE
ORGANIZADA POLO CENTRO DE INFORMACIÓN Á MULLER DO CONCELLO DA GUARDA E
SUBVENCIONADA POLA DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA
Cinema e muller: Visións
É
unha película que consta de dez curtametraxes realizadas por cineastas da
provincia de Pontevedra. Dez olladas xenuínas onde cinema e arte se funden
nunha produción íntima e poliédrica. Trátase dunha mostra de cinema experimental galego para a
que se xuntaron a dez directoras con voz propia para que traballaran xuntas.
Deste modo deron a luz unha película de curtametraxes tecida coa inevitable
influencia de todas.
Todas
elas se moven nun tipo de cine ou xénero audiovisual que explora as súas
posibilidades artísticas desde esa condición de periferia, xeográfica e
estética. Son mulleres que arriscan nas formas, cun discurso xeralmente
documental ou con formas documentais, a miúdo autobiográfico. Algunhas delas
sitúanse no eido da arte contemporánea. Son Eva Calvar, Olaia Sendón, Sonia
Méndez, Andrea Zapata, Claudia Brenlla, Lara Bacelo, Begoña M. Santiago, Carme
Nogueira, Diana Toucedo, Carla Andrade.
Todas
son francotiradoras da imaxe nun primeiro mundo onde aínda existe unha marcada
desigualdade de oportunidades entre homes e mulleres, que, como din as cifras,
se da tamén no ámbito audiovisual. Visións está enmarcado dentro dun proxecto
maior, Cinema e Muller, dirixido por Xisela Franco e producido pola guardesa
Beli Martínez. Subvencionado pola Deputación de Pontevedra.
Xisela
Franco acompañáranos o día 10 de marzo, ás 20'30 horas no Centro Cultural, onde
unha vez visto o filme nos falará de como foi a experiencia creativa e de
produción deste proxecto colaborativo onde dez directoras dialogaron, crearon,
sentíronse parte dun proxecto común e tomaron conciencia do que as une, para
formar unha longametraxe chea de honestidade e poesía. Tamén se falará de
Cinema e Muller e do talento feminino que existe no cinema galego.
Ses en concerto
Como
parte da programación do CIM da Guarda polo Mes da Muller estará na vila a
cantante Ses o domingo 2 de abril no centro Cultural ás 18 horas.
Desde
o CIM da Guarda explican que o carácter da cantante, o seu papel comunicativo e
a defensa que fai dos valores femininos dende unha posición honesta, fresca e
chea de vitalidade –mais tamén directa e visceral--, axudan facernos
comprender tanto a discriminación de xénero como a visibilización da igualdade
que ten que imperar na relación entre as persoas, polo que recomendan o
concerto como unha actividade imprescindible. A linguaxe fresca, fluída,
directa e mesmo irreverente que emprega a cantante nas súas letras e nas súas
intervencións entre canción e canción, axudan a conectar de xeito doado co
público, xerando un vencello que posibilita que a transmisión dos valores da
igualdade entre mulleres e homes teñan máis éxito.
O
concerto será de balde até completar o aforo do Centro Cultural da Guarda. As
invitacións poderanse retirar até o día anterior no propio Centro Cultural ou
no Centro de Información á Muller (ao lado do Xulgado de Paz).
Estas
tres actividades programadas dende o Centro de Información á Muller (CIM) da
Guarda son de balde e tan só se necesita a recollida previa de entradas para o
concerto de Ses.
Ningún comentario:
Publicar un comentario