18 de feb. de 2017

SOCIEDADE

A ASOCIACIÓN DOA CELEBRA 30 ANOS DE TRABALLO POLA SAÚDE MENTAL

Para conmemorar as súas tres décadas de traxectoria, a asociación de Vigo e Cangas fixo unhas xornadas de portas abertas os días 16 e 17 de febreiro, así como diversos actos ao longo do ano.  

Monitor e usuarios da Asociación Doa

Ana Escrigas / Santiago de Compostela

 O 16 de febreiro de 1987, un grupo de familiares de persoas con problemas de saúde mental da zona de Vigo deciden crear a asociación Doa, co obxectivo de mellorar a calidade de vida das persoas con problemas de saúde mental e ofrecerlles unha serie de servizos aos que non tiñan acceso doutro xeito. 

 30 anos despois, Doa conta con dous centros de rehabilitación situados en Vigo e en Cangas, ao redor de 370 socios e máis de 20 traballadores. A asociación ofrece recursos e servizos encamiñados a facilitar unha vida o máis plena, autónoma e normalizada posible ás persoas con enfermidade mental da súa zona de actuación.  

 Doa é unha das 14 asociacións coas que conta FEAFES Galicia en toda a comunidade autónoma, conformando unha rede de atención á saúde mental impulsada por familiares das persoas diagnosticadas. En total, entre todas as súas asociacións, FEAFES Galicia ten presenza nunha trintena de localidades galegas. 

 Para celebrar os seus 30 anos de traxectoria, Doa prevé organizar unha serie de actividades que tiveron o seu pistoletazo de saída o mesmo día que tres décadas atrás constituíuse a asociación. Dese xeito o 16 de febreiro, ás 12:00, representantes municipais de Vigo e Cangas acudiron a un acto no que se colgaron carteis conmemorativos nas fachadas das instalacións de Doa e realizouse un lanzamento de globos co logotipo da entidade.  

 Así mesmo, tanto o xoves 16 como o venres 17 houbo unha xornada de portas abertas nas instalacións da asociación na que se puderon visitar as súas dependencias e ver o traballo que se realiza diariamente. Estas xornadas tiveron lugar nos Centros de Rehabilitación Psicosocial de Vigo (C/Romil, 84) e Cangas (C/Andalucía, 3, baixo).

 FEAFES Galicia, a Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia, é unha entidade sen ánimo de lucro constituída en 1995. A súa misión é representar os dereitos e necesidades do movemento asociativo das persoas con enfermidade mental. De carácter social, esta entidade ten como obxectivo principal a adopción de medidas que contribúan á mellora da calidade de vida das persoas que sofren problemas de saúde mental e a dos seus familiares.  

 O ámbito de actuación de FEAFES Galicia abrangue todo o territorio autonómico. Actualmente agrupa a 14 asociacións repartidas por toda a comunidade galega, posúe centros e servizos en 30 localidades e conta cun total de 5.900 socios.  

 A asociación Doa, entidade membro de FEAFES, leva dende o ano 1986 loitando por mellorar a calidade de vida das persoas con enfermidade mental en Vigo e dende o ano 2007 na península do Morrazo. A súa misión e promover a rehabilitación psicosocial das persoas con enfermidade mental severa e incrementar a su calidade de vida e a das súas familias.   

 Doa conta con dous centros de rehabilitación psicosocial, sete pisos protexidos, servizo de información, atención a domicilio e outros recursos cos que tentamos mellorar a saúde mental e o benestar dos seus usuarios dende unha perspectiva centrada na persoa e as súas necesidades. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario