18 de feb. de 2017

A GUARDA

O CONCELLO DA GUARDA INICIA A FORMACIÓN PARA Á IMPLANTACIÓN DA SÚA NOVA SEDE DE ADMINISTRACIÓN ELECTRÓNICA 


Nesta presentación estiveron o alcalde da Guarda, Antonio Lomba Baz; Ignacio Varela, da Deputación de Pontevedra e dúas representantes da empresa encargada de poñer en marcha a sede, EsPublico
Fotos: C.A.G.

Infogauda / A Guarda

 O pasado mércores día 15 de febreiro o Salón de Plenos do Concello da Guarda acolleu unha reunión de traballo para presentar as fases previas á implantación da nova sede de administración electrónica do Concello.  


 Nesta presentación estiveron o alcalde da Guarda, Antonio Lomba Baz; Ignacio Varela, da Deputación de Pontevedra e dúas representantes da empresa encargada de poñer en marcha a sede, EsPublico, que se encargaron de explicar aos traballadores do concello os aspectos xerais dunha sede que permitirá que a A Guarda dispoña das ferramentas necesarias para realizar unha xestión informatizada e máis eficaz dos trámites.  

 O alcalde asegurou que isto suporá un antes e un despois na forma de facer as cousas da administración local, pois repercutirá directamente no cidadán e traerá unha mellora da produtividade, de xeito que o Concello sexa capaz de facer máis traballo e mellor.  

 Pola súa banda dende a Deputación de Pontevedra expresaron a súa confianza nesta aplicación, que permitirá cumprir as obrigas legais e que ten un uso moi sinxelo. Tamén reiteraron o seu compromiso co concello no desenvolvemento desta sede.  

 A continuación Alejandra e Aurora, representantes da empresa EsPublico Gestiona, explicaron en que consiste a sede, como lles permitirá cumprir as obrigas legais e que, sobre todo, ten como obxectivo último camiñar cara o expediente electrónico e eliminar ata nun 80% a utilización de papel na administración. A clave, explicaron, está na conxunción dunha ferramenta xa testada en miles de administracións, na actualización xurídica constante que farán dende a empresa e na xestión dos cambios que realizarán os traballadores do concello. Para isto, o mesmo mércores comezou a ronda de reunións da empresa con cada departamento, para ver como se realiza e tramita a documentación e as peculiaridades dos traballos de cada persoa e departamento en relación coa sede electrónica. 

 Deste xeito, A Guarda camiña cara unha administración e forma de traballar máis eficaz, que poderá responder coa maior brevidade aos problemas dos cidadáns, creando uns procedementos máis sinxelos e adaptados aos tempos para todos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario