12 de feb. de 2017

CAMPOSANCOS (A GUARDA)

BEATRIZ FIGUEROA (AVOGADA, XORNALISTA E DOENTE DE CANCRO): "A ADMINISTRACIÓN TEN QUE DAR COBERTURA OS DOENTES DE CANCRO"

A activista viguesa ofreceu unha conferencia na Casa Cultural da Comunidade de Montes Veciñais en Mán Común de Camposancos

Beatriz Figueroa, avogada, xornalista, doente de cancro e activista viguesa en favor dos doentes que teñen esa enfermidade, nos intres previos o comezo da súa conferencia na Casa Cultural da Comunidade de Montes Veciñais en Mán Común de Camposancos
Fotos: © Infogauda

Ricardo Rodríguez Vicente / Camposancos

 Como preveíamos, a participación de Beatriz Martínez Figueroa (no sucesivo Beatriz Figueroa), avogada, xornalista, doente de cancro e activista viguesa en favor dos doentes que teñen esa enfermidade; na segunda das Charlas de portas abertas 2017, que organiza a Xunta Rectora da Comunidade de Montes Veciñais en Mán Común de Camposancos, que preside José Fernando Martínez Martínez motivou unha importante asistencia do respectable público o evento "O cancro de mama, non é de cor rosa", que tivo lugar onte na Casa Cultural de Camposancos.

Ana, en representación da Xunta Rectora da Comunidade de Montes de Camposancos, foi quen abriu o acto de onte

 Presentada pola doutora Carmen Mosquera Pérez, pediatra, Xefa de Servizo do Centro de Saúde de A Guarda, Beatriz Figueroa comezou súa disertación presentando un vídeo titulado Sobrevivir para malvivir, creado co gallo do Día Mundial contra o Cancro, 2017, no que catro mulleres ofrecen súas respectivas testemuñas diante da desprotección que sofren pola súa condición de doentes de cancro, e pola desprotección que como traballadoras, padecen da Administración, ao non serlles recoñecidas ás necesarias prestacions económicas por Incapacidade Permanente. 


Beatriz Figueroa foi presentada pola Doutora Carmen Mosquera Pérez, pediatra, Xefa de Servizo do Centro de Saúde de A Guarda

 Na súa interesante disertación, Beatriz Figueroa puxo de manifesto súa propia experiencia persoal, na que puido comprobar na súa propia pel, como logo de 20 anos de cotización a Seguridade Social, cando o cancro fixo aparición no seu ser, e estaba desenvolvendo súa labor profisional como Responsable de Recursos Humanos nunha empresa, súa vida mudou por completo, a pior. A esa contrariedade, sumouse a perda dos seus ascendentes e a súa separación. E todo iso, foino afrontando como unha batalla persoal, non soio contra a enfermidade - cancro de mama - senón pola reinvindicación fronte a Administración. Foi dese xeito, segundo ela mesma explicou, como Beatriz Figueroa comezou o seu activismos social, denunciando públicamente, pancarta en ristre, como a Administración non acertou deica agora, a resolver á precariedade económica na que atopan ás persoas doentes de cancro. Tamén falou da estigmatización dos doentes de cancro, que ven condicionado seu desenvolvemento persoal, ao non poder contratar seguros de vida, o cal lles impiden acceder a cretos para mercar unha vivenda, ou para un emprendemento comercial por conta propia. Tamén afecta, de xeito negativo, ás persoas que sendo empregadas, contraen á enfermidade, xa que a partires dese intre, deixan de interesar os empresarios. 

 No abano de impedimentos que atinxen a vida cotiá das persoas afectadas polo cancro, Beatriz Figueroa non exqueceu a insolidaridade da Administración que non prevé que os doentes poidan acceder os medicamentos que necesitan para os seus tratamentos en condicions económicas axeitadas. "(...) O cancro moitas veces imposibilítanos para exercer o noso oficio durante un longo período de recuperación. Cando se esgota o período máximo de incapacidade temporal, e denéganche de oficio a pensión de incapacidade, non estando restablecidos da nosa doenza, vémonos abocados ao desemprego cobrando un subsidio de 426,00 euros no mellor dos casos, pagando tamén os 40% medicamentos (...)", denunciou Beatriz Figueroa.

 No repaso de xeito sintetizado, a seu activismo reivindicativo, Beatriz Figueroa, non esqueceu a folga de fame que a pesares da súa enfermidade, chegou a desenvolver, manifestando públicamente: "(...) Os médicos están a tentar curarme, pero a Administración vai matar de fame (...)". Iso foi o comezo da súa loita, que continou coa recollida de sinaturas nunha plataforma, que conta co apoio de máis de 585.000 persoas.

 Tamén falou das súas xestions diante das institucións Defensora del Pueblo e da Valedora do Pobo, coas cales ten contacto fluido, o cal contrasta coa "falla de tempo" da Ministra de Sanidade, que fai uns días, non a recibiu, o cal non impediu para que mantivera un encontro con representantes de tódolas forzas políticas, agás o PP, xa que na lexislatura precedente, tendo maioría suficiente como para elo, non asumiu modificar a lei Xeral de Seguridade Social "(...) para outorgar unha protección especial a enfermos de cancro e confíranos seguridade xurídica e económica (...)".

                            Beatriz Figueroa nun intre da súa intervención


 Na súa exposición, Beatriz Figueroa non fixo uso, en ningún intre, de recursos orais doados. Falou sempre cun tono correcto, sin altibaixos e sen demagoxias, máis sen deixar de lado ás reivindicacións que constitúen o eixo da súa loita. 

 Temos a plena confianza de que súa mensaxe calou en todas e cada unha das persoas que desde O Rosal, A Guarda e Camposancos, acudiron a súa conferencia, que nalgún intres tamén contou coa intervención da Doutora Carmen Mosquera Pérez, que incidiu nunha recomendación básica: adoitar hábitos saudables, como por exemplo, non beber bebidas alcohólicas nin fumar, facer deporte e consumir alomenos tres pezas de froita ao día, e tomar verduras. Iso non vai a inmunizarnos contra o cancro, pero sí a previlo.

 O incremento da poboación, o seu envellecemento, o diagnóstico precoz e a práctica duns hábitos de vida pouco saudables son, en palabras de Miguel Martín, presidente de SEOM (Sociedad Española de Oncología Médica), os causantes de que "cada ano diagnostíquense máis pacientes con cancro".

 Asemade, por iniciativa de Beatriz Figueroa, houbo un breve coloquio, no que algunhas das persoas expuxeron súas inquedanzas, todas elas moi interesantes. Unha delas, comentou a necesidade da creación dunha Plataforma para canalizar ás reivindicacions dos doentes de cancro, proposta que Beatriz Figueroa saudou, o tempo que salientou a labor que ven desenvolvendo a Asociación Española Contra o Cancro (AECC) que ofrece programas e servizos gratuítos que poden axudar os doentes de cancro.

 Unha das persoas que interviu no coloquio tamén puxo de manifesto a falla de información ao consumidor, en moitos productos que se comercializan, mesmo para á alimentación humana, así como a influenza de antenas de telefonía, entre outras, que poden ter unha incidencia no desenvolvemento de enfermidades como o cancro. Tamén denunciou a inexplicable actitude da Administración respecto as industrias tabaqueiras.

 E todo iso, a pesares, de que como afirmou a doutora Carmen Mosquera, os casos de cancro en España xa superan as estimacions que se habían feito para o ano 2020 e as probabilidades de contraer esa enfermidade, non distingue sexos, afectando tanto a mulleres como a homes. Con todo ás investigacións científicas fan prever importantes avances na loita contra esta enfermidade.

 Logo do coloquio, cando habían máis de 60 minutos desde o comezo da conferencia, e vendo que non había máis preguntas por parte dos asistentes, Beatriz Figueroa, deu por concluido o acto, póndose a disposición das persoas que queiran en algún intre contactar con ela, para o cal facilitou á información correspondente.

 En nome da Xunta Rectora da Comunidade de Montes Veciñais en Mán Común de Camposancos, Gloria Portela Loureiro, fíxolle entrega de un presente a Beatriz Figueroa para axudala na loita que ven desenvolvendo, sexto que a a activista viguesa agradeceu públicamente. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario