26 de xan. de 2017

CULTURA

A segunda edición do Concurso Balbino de Relatos premiará o mellor traballo inspirado no rural galego 

O secretario xeral de Política Lingüística participou esta mañá no acto de presentación do certame que inclúe como premio 1.500 euros e a publicación da obra por Edicións Fervenza

O prazo para a presentación dos traballos permanecerá aberto ata o vindeiro 30 de xuño

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García participou na presentación deste certame


Infogauda / Santiago de Compostela

 A segunda edición do Concurso Balbino de Relatos premiará o mellor traballo inspirado no rural galego. A iniciativa, que inclúe como premio 1.500 euros e a publicación da obra por Edicións Fervenza, pretende “ser un estímulo para todas as persoas que queiran promover e dar a coñecer Galicia e a súa lingua e cultura propias desde as temáticas máis vencelladas á nosa tradición, idiosincrasia ou costumes”, tal e como detallou esta mañá o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García. E tamén “animar e apoiar autores noveis que apostan polo galego como ferramenta da súa creatividade”, rematou.
 Acompañárono na rolda de prensa de presentación da nova edición o responsable da empresa promotora da iniciativa, Técnicas & Gramaxe, Manuel Núñez; o alcalde de Boqueixón, Manuel F. Munín; o presidente da Fundación Xosé Neira Vilas, Luís Reimóndez; e o deputado de Cultura de Pontevedra, Xosé Leal.

 Unha iniciativa no ronsel do universo neiraviliano

 A segunda edición do Concurso Balbino de Relatos impúlsaa Técnicas & Gramaxes co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, da Fundación Xosé Neira Vilas, dos concellos de Vila de Cruces e Boqueixón e mais da Deputación de Pontevedra. Ten como obxectivo promover o uso da lingua e da literatura galegas e apoiar os escritores e escritoras novos ou xa consagrados.
 Poderán presentarse a el textos orixinais, propios e inéditos (relatos ou serie de relatos) inspirados na temática do rural galego ata o vindeiro 30 de xuño e concorrerán a un premio único de 1.500 euros e mais a publicación da obra por Edicións Fervenza.
 Na primeira edición fíxose co premio o coruñés Xián Lois Alcayde Dans pola obra Camiños na sombra. Toda a información premendo eiquí.

Ningún comentario:

Publicar un comentario