19 de xan. de 2017

A GUARDA

O BNG PRESENTA UNHA MOCIÓN PARA O CONTROL DO XABARÍN NA GUARDA 

Ángel Luis Baz Vicente (voceiro municipal do BNG no Concello da Guarda): “O BNG esixe unha actuación seria que remate cos campos e cultivos arrasados, accidentes de tráfico, instalacións deportivas inutilizadas, a falta de seguridade de peóns,... que provocan os xabaríns”. 

Ángel Luis Baz Vicente, portavoz municipal do BNG no Concello da Guarda no parque do Cancelón (O Montiño), totalmente fozado polos xabaríns
Foto: BNG A Guarda

Infogauda / A Guarda

 O Bloque Nacionalista Galego ven de presentar unha moción para a prevención, control e corrección dos efectos que provoca o xabarín na Guarda

 Para o BNG faise necesario un acordo plenario que inste á Consellería de Medio Rural a que adopte políticas que regulen un censo sostíbel do xabarín na Guarda. Tamén que se apliquen fórmulas encamiñadas a minimizar a acción do xabarín en zonas de alta sensibilidade como o Monte Trega ou o Esteiro do Miño.  

 “Urxe tomar medidas que eviten accidentes de tráfico, que garantan a seguridade dos peóns ou o arrase de campos de cultivo para uso doméstico. Non é normal ver xabaríns remexendo en contedores de lixo urbanos”, comentou Ángel Luis Baz Vicente, portavoz municipal do BNG.  

 “O BNG - engade Ángel Luis Baz - esixe unha actuación seria que remate cos campos e cultivos arrasados, accidentes de tráfico, instalacións deportivas inutilizadas, a falta de seguridade de peóns,... que provocan os xabaríns”. 

 O BNG inicia, con esta moción -segundo afirmou Ángel Luis Baz -, unha serie de iniciativas co obxectivo de esixir o control a poboación de xabaríns na Guarda.

Ningún comentario:

Publicar un comentario