30 de mar. de 2016

CULTURA

Xosé Leal: "Grazas a este Castelao artista teremos despois ao Castelao político" 

O deputado provincial de Cultura e Lingua salientou a busca constante dos trazos propios da cultura galega que Castelao levou a cabo durante os inicios da súa carreira e que marcarían a súa posterior traxectoria ideolóxica 



Infogauda / Pontevedra

"O que imos ver nesta exposición non son só os fundamentos de Castelao como artista, senón tamén os fundamentos que van marcar toda a súa traxectoria vital como artista e como político, porque grazas ao este Castelao artista teremos despois ao Castelao político" sinalou Xosé Leal durante a presentación da que será a primeira das grandes exposicións que conmemorarán o Ano Castelao 2016. Esta primeira exposición será inaugurada o día 1 de abril, coincidindo co Día das Artes Galegas, e amosará os inicios da traxectoria do autor rianxeiro tomando como referencia o ano 1905 por ser o ano no que se data a súa primeira obra, e o 1920 xusto antes da exposición do Álbum Nós. 

 'Castelao Artista. Os fundamentos do seu estilo (1905-1920)' é unha exposición composta por 96 obras distribuídas nas tres salas de exposicións temporais do Sexto Edifico do Museo de Pontevedra e que permanecerá aberta ao público entre o 1 de abril e o 5 de xuño. Ademais de amosar obras inéditas tamén conta co aliciente de ser a primeira vez que se poderán ver reunidas todas as obras de gran formato de Castelao conservadas en Galicia. Segundo explicou o deputado de Cultura e Lingua, a través do percorrido pola obra deste primeiro período de Castelao xa se pode apreciar unha busca dos trazos identitarios da cultura galega que cimentarían a súa visión tanto da arte como súa posición ideolóxica. Neste sentido, Xosé Leal mencionou que "na súa obra xa podemos ver como aborda os temas da Galiza do momento, as súas xentes, os costumes como as festas e as procesións, e a paisaxe, sobre todo da Estrada e da súa contorna". Sinalou como punto de inflexión "a súa incorporación ás Irmandades da Fala, datado entre finais de 1916 e comezos de 1917, momento a partires do cal incorpora todo o coñecemento que foi adquirindo na súa primeira etapa artística, sobre todo a través da observación, e que a partires de entón xa foi desenvolvendo e incorporando á súa faceta política". Desa evolución dá conta a elaboración do Álbum Nós, que foi realizado entre os anos 1916 e 1918, no que xa agroma a súa posición ideolóxica, e que vería a luz por primeira vez na exposición da Coruña no 1920.  

 O director do Museo e comisario da mostra, Carlos Valle, destacou que "ademais das 96 obras inclúe toda unha serie de materiais de tipo documental que serven para arroupar as propostas que se formulan nesta exposición". Sinalou, ademais, que moitas destas pezas documentais foron obxecto dunha delicada labor de recuperación e restauración por parte do equipo de restauración do propio Museo para poder ser expostas. 

 Carlos Valle deu conta dos períodos nos que se divide a mostra (xúntase dossier)  deténdose especialmente no ano de partida, o 1905 "por ser a data na que aparece a primeira obra asinada por Castelao, que naquel momento aínda asinaba como Daniel Rodríguez C., porque como saberedes non é ata o 1908 cando codifica o seu nome de 'guerra' como Castelao".  Sinalou que foi en 1917 cando Castelao pinta o seu último cadro de gran formato -'A tentación de Colombina'- e que no último período que se aborda na mostra está presente a elaboración do Álbúm Nós, onde xa se pode ver explicitamente o posicionamento ideolóxico do autor. "Para esta parte da exposición contamos con bosquexos e obras preparatorias do que finalmente será o Álbum Nós e que se poderán ver para apreciar o contraste cos debuxos definitivos" engadiu o director do Museo.  Carlos Valle tamén indicou que o 80% da obra exposta xa se atopaba no Museo e que o 20% restante foi cedida para esta mostra por parte de particulares e institucións públicas. Das obras de gran formato, catro delas proceden de Afundación, unha da Fundación Rodríguez Iglesias, dúas de coleccións privadas, e os tres óleos do tríptico realizado para o Balneario de Mondariz e que son propiedade da Real Academia Galega xa estaban en depósito no Museo desde o ano 2011.  
Día das Artes Galegas  
 A apertura da exposición coincide coa celebración do Día das Artes Galegas, iniciativa auspiciada pola Real Academia Galega de Belas Artes, e que precisamente este ano lle dedican a Castelao. Previa á inauguración da mostra, a partires das 19 horas terá lugar no Salón de Actos do Sexto Edifico o acto académico para celebrar esta efeméride. Participarán o presidente da RAGBA, Manuel Quintana Martelo, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, e o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo. Tamén intervirá a catedrática da Historia da Arte Contemporánea, Mª Victoria Carballo-Calero cun relatorio titulado 'Xénese e configurazón do Álbum Nós'.  Despois do acto académico e previa á inauguración da mostra, está previsto que a Sociedade Coral Polifónica ofreza un breve concerto na zona de cristal da planta baixa do Sexto. A causa desta celebración as salas de exposicións permanente tanto do Sexto coma do Edificio Sarmiento pecharán as súas portas ás 18:45 horas.  

O ROSAL

A Agrupación Musical do Rosal recibe este fin de semana o encontro da Academia Europeia de Direcçâo de Banda (AEDB) 

Jan Cober

Agrupación Musical do Rosal

 Este fin de semana o pobo do Rosal e a súa banda reciben a visita da Academia Europeia de Direcçâo de Banda - AEDB. Neste penúltimo encontro do curso lectivo 2015/2016 a academia elixe a nosa agrupación para realizar as prácticas dos seus alumnos. 

 O encontro que se realizará os días 1, 2 e 3 de abril estará a cargo do recoñecido mestre holandés Jan Cober, un dos nomes máis importantes na actualidade na área da música para banda a nivel mundial, que impartirá clases de dirección de banda. Ademais contarase con Toni Cantal, que se encargará das clases de análise, orquestración, e educación auditiva. 

 Visitarán as nosas instalacións arredor de 25 directores da xeografía galega e portuguesa que abordarán durante o encontro música de compositores americanos contemporáneos, coas obras Angels in the Architecture, de Frank Ticheli e A movement for Rosa, de Mark Camphouse. 

 Os ensaios de prácticas coa banda serán abertos ao público e realizaranse no Auditorio do Rosal, de 22:00 a 00:00 horas o venres día 1, e en horario de 16:00 a 19:00 horas, o sábado día 2. 

 Ademais todos os interesados en coñecer o funcionamento desta academia poden asistir ás clases deste encontro que serán gratuítas, póndose previamente en contacto coa organización no seguinte enderezo electrónico:

info.aedirband@gmail.com

A GUARDA

Documental Fíos Fóra, a sexta 8 de Abril as 19:00h

No Centro Social Fuscalho



Nom vos perdades este documentário se queredes conhecer a evoluçom do téxtil na Galiza.

A GUARDA

CINEMA FAMILIAR PARA CONMEMORAR A FIGURA DE HANS CHRISTIAN ANDERSEN  



Infogauda / A Guarda

 O vindeiro sábado día 2 de abril ás 18:00 horas, no Salón de Actos do Centro Cultural proxectarase o filme “O fabuloso Andersen”.   

 “Érase una vez (...). En Dinamarca vivía un gran escritor de cuentos llamado Hans Christian Andersen. Ésta no es la historia de su vida, sino un cuento de hadas sobre este gran narrador de cuentos de hadas”. Con esta declaración de intencións arranca o filme, concibido en formato musical. Nel atoparemos ó zapateiro Hans Christian Andersen, que ten revolucionada á súa aldea natal por meterlle na cabeza tantos contos e historias ós nenos. 

 Producido en 1952, ó gusto dos filmes musicais da época, é sen dúbida unha cinta ideal para ver en familia. Protagonizada polo actor e bailarín Danny Kaye e dirixido por Charles Vidor (“Canción inolvidable”, “Gilda”...) , fará as delicias tamén dos aficionados ó cinema musical clásico, e os contos de fadas.  

 "Alí vos esperamos a todos, pequenos e maiores, para xuntos poder conmemorar o 2 de abril, Día Internacional do Libro Infantil, data do nacemento de Hans Cristian Andersen, o autor de contos máis popular de tódolos tempos", dixo Elena Baz Rodríguez, concelleira de Cultura do Concello de A Guarda. 

 Ese mesmo día, e durante toda a semana haberá na Biblioteca Municipal de A Guarda unha exposición dos libros de Hans Christian Andersen. Para culminar esta celebración, regalaranse libros os nenos que acudan a ver o filme. 

CAMINHA

Cinema Concerto
"LUZES DA CIDADE", de Charles Chaplin


2 abril 2016
21H45
Teatro Valadares (Caminha)



Locus Cinemae / Caminha

Músicos: Joaquim Ribeiro (guitarra) e José Meira (piano)

SANTIAGO DE COMPOSTELA

As relacións entre Ética e Discapacidade, sobre a mesa 

FEAFES Galicia organizada unha Xornada sobre Ética e Discapacidade que terá lugar o 6 de abril na Facultade de Bioloxía da USC e será inaugurada cun relatorio do Doutor Ángel Carracedo. 

O encontro pretende abrir debates e ofrecer distintos puntos de vista sobre a realidade que estamos a vivir e como repercute nas persoas con discapacidade e os seus familiares.   


Ana Escrigas Rodríguez / Santiago de Compostela

 A Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia, FEAFES, organiza unha Xornada sobre Ética e Discapacidade baixo o nome “Un día para a reflexión” que reunirá a destacados relatores de diversos ámbitos como o sanitario, o bioético, o do dereito e o da saúde mental. O seu obxectivo é abrir debates e ofrecer distintos puntos de vista sobre a realidade que estamos a vivir e como repercute nas persoas con discapacidade e os seus familiares.  

 O encontro terá lugar o 6 de abril de 09:15 a 15:00 na Aula Magna da Facultade de Bioloxía da USC (Rúa Lope Gómez de Marzoa s/n, Campus Sur, Santiago de Compostela). A inscrición é gratuíta e no encontro poderá participar calquera persoa interesada: profesionais do ámbito social, estudantes, persoas con discapacidade, familiares, etc. Ademais, a xornada sumaras ás horas de colaboración en voluntariado para aqueles alumnos da USC que estean rexistrados nas actividades de participación social. 

 O Doutor Ángel Carracedo, catedrático de Medicina Legal e director da Fundación de Medicina Xenómica de Galicia, abrirá as xornada cun relatorio marco que versará sobre o conflito ético entre os avances da ciencia e a súa relación coa discapacidade, analizando os avances e retos que implica esta realidade. 

 Pola súa banda, o psiquiatra Luis Márquez Gallego porá riba da mesa o debate sobre se a atención e o coidado das persoas con discapacidade debería ser unha responsabilidade do estado ou das familias. A continuación, José Antonio Seoane, presidente do Consello de Bioética de Galicia e profesor de Dereito na UDC, analizará cómo se respectan e valoran os dereitos fundamentais das persoas con discapacidade por parte da sociedade. 

 Para rematar o encontro, haberá unha mesa redonda sobre saúde mental, mocidade e prevención na que intervirán María Tajes Alonso, Xefa do Servizo de Saúde Mental e Asistencia á Drogodependencia da Consellería de Sanidade, xunto a Vanesa Montaña e Inere Fernández, psicóloga e educadora social de TP-Galicia, respectivamente.  
Por que esta xornada? 
 Nos últimos tempos estamos a vivir unha auténtica “revolución científica” en todas as disciplinas que teñen que ver, dun xeito ou doutro, coa natureza humana. Aínda que os avances na medicina, na bioloxía ou na psicoloxía, por exemplo, redundan xeralmente nunha mellora das condicións de vida das persoas, tamén é certo que os novos coñecementos e a súa ampla difusión social están a impactar profundamente na nosa concepción como humanos e no lugar que ocupamos con respecto ao noso entorno.  

 Na maioría dos casos, esta nova “información” entra en conflito con valores e comportamentos moi arraigados e interiorizados en amplas capas da sociedade, producíndose así unha crise de valores. A estes novos conflitos non son alleas as persoas con discapacidade e os seus familiares, abríndose debates novos e chegando a auténticas encrucilladas éticas e morais.   

 FEAFES Galicia, a Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia é unha entidade sen ánimo de lucro constituída en 1995. A súa misión é representar os dereitos e necesidades do movemento asociativo das persoas con enfermidade mental. De carácter social, esta entidade ten como obxectivo principal a adopción de medidas que contribúan á mellora da calidade de vida das persoas que sofren problemas de saúde mental e a dos seus familiares.  

 O ámbito de actuación de FEAFES Galicia abrangue todo o territorio autonómico. Actualmente agrupa a 14 asociacións repartidas por toda a comunidade galega, posúe centros e servizos en 30 localidades e conta cun total de 6.200 socios. 

SANTIAGO DE COMPOSTELA

ANTONI SOCÍAS. TEORÍA E PRÁCTICA DO DESERTO

Inauguración e Conversa 
CGAC xoves 31 de marzo




 Xoves 31 de  marzo   
19:00 h: Conversa entre os artistas Antoni Socías e Caramo Fanta con Santiago Olmo, comisario da exposición e director do CGAC. 

 Sala de Padroado do CGAC 20:00 h: Inauguración da exposición-
 A partir das 21:30 h, Enric Socias (imaxe) e Borja Vega (son) ofrecerán en directo unha performance audiovisual titulada  HIPN.

GALICIA

AS VOSAS IMAXES


CASTELO DE DOIRAS E ALBERGUE DE ANCARES

Castelo de Doiras
Foto: Santi Baz Lomba



MOVEMENTOS SOCIAIS

CONCENTRACIÓN DE EMIGRANTES RETORNADOS EN TUI

Serás ás 11:30 horas, diante da Axencia Tributaria e ás 12:00 horas, diante da Praza da Inmaculada


Plataforma de Emigrantes Retornados Baixo Miño

 Dende a Plataforma de Emigrantes Retornados informamos que este xoves día 31 de marzo, realizaremos unha concentración diante da Axencia Tributaria (Praza de San Fernando) en Tui, dende ás 11:30 até ás 12:00 horas, e posteriormente na Praza da Inmaculada dende ás 12:00 até ás 12:30 horas, co fin de reclamar a modificacion da lei que tacha aos emigrantes retornados de defraudadores, aínda tendo xa sentenzas xudiciais favorábeis aos retornados.