30 de mar. de 2016

SANTIAGO DE COMPOSTELA

As relacións entre Ética e Discapacidade, sobre a mesa 

FEAFES Galicia organizada unha Xornada sobre Ética e Discapacidade que terá lugar o 6 de abril na Facultade de Bioloxía da USC e será inaugurada cun relatorio do Doutor Ángel Carracedo. 

O encontro pretende abrir debates e ofrecer distintos puntos de vista sobre a realidade que estamos a vivir e como repercute nas persoas con discapacidade e os seus familiares.   


Ana Escrigas Rodríguez / Santiago de Compostela

 A Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia, FEAFES, organiza unha Xornada sobre Ética e Discapacidade baixo o nome “Un día para a reflexión” que reunirá a destacados relatores de diversos ámbitos como o sanitario, o bioético, o do dereito e o da saúde mental. O seu obxectivo é abrir debates e ofrecer distintos puntos de vista sobre a realidade que estamos a vivir e como repercute nas persoas con discapacidade e os seus familiares.  

 O encontro terá lugar o 6 de abril de 09:15 a 15:00 na Aula Magna da Facultade de Bioloxía da USC (Rúa Lope Gómez de Marzoa s/n, Campus Sur, Santiago de Compostela). A inscrición é gratuíta e no encontro poderá participar calquera persoa interesada: profesionais do ámbito social, estudantes, persoas con discapacidade, familiares, etc. Ademais, a xornada sumaras ás horas de colaboración en voluntariado para aqueles alumnos da USC que estean rexistrados nas actividades de participación social. 

 O Doutor Ángel Carracedo, catedrático de Medicina Legal e director da Fundación de Medicina Xenómica de Galicia, abrirá as xornada cun relatorio marco que versará sobre o conflito ético entre os avances da ciencia e a súa relación coa discapacidade, analizando os avances e retos que implica esta realidade. 

 Pola súa banda, o psiquiatra Luis Márquez Gallego porá riba da mesa o debate sobre se a atención e o coidado das persoas con discapacidade debería ser unha responsabilidade do estado ou das familias. A continuación, José Antonio Seoane, presidente do Consello de Bioética de Galicia e profesor de Dereito na UDC, analizará cómo se respectan e valoran os dereitos fundamentais das persoas con discapacidade por parte da sociedade. 

 Para rematar o encontro, haberá unha mesa redonda sobre saúde mental, mocidade e prevención na que intervirán María Tajes Alonso, Xefa do Servizo de Saúde Mental e Asistencia á Drogodependencia da Consellería de Sanidade, xunto a Vanesa Montaña e Inere Fernández, psicóloga e educadora social de TP-Galicia, respectivamente.  
Por que esta xornada? 
 Nos últimos tempos estamos a vivir unha auténtica “revolución científica” en todas as disciplinas que teñen que ver, dun xeito ou doutro, coa natureza humana. Aínda que os avances na medicina, na bioloxía ou na psicoloxía, por exemplo, redundan xeralmente nunha mellora das condicións de vida das persoas, tamén é certo que os novos coñecementos e a súa ampla difusión social están a impactar profundamente na nosa concepción como humanos e no lugar que ocupamos con respecto ao noso entorno.  

 Na maioría dos casos, esta nova “información” entra en conflito con valores e comportamentos moi arraigados e interiorizados en amplas capas da sociedade, producíndose así unha crise de valores. A estes novos conflitos non son alleas as persoas con discapacidade e os seus familiares, abríndose debates novos e chegando a auténticas encrucilladas éticas e morais.   

 FEAFES Galicia, a Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia é unha entidade sen ánimo de lucro constituída en 1995. A súa misión é representar os dereitos e necesidades do movemento asociativo das persoas con enfermidade mental. De carácter social, esta entidade ten como obxectivo principal a adopción de medidas que contribúan á mellora da calidade de vida das persoas que sofren problemas de saúde mental e a dos seus familiares.  

 O ámbito de actuación de FEAFES Galicia abrangue todo o territorio autonómico. Actualmente agrupa a 14 asociacións repartidas por toda a comunidade galega, posúe centros e servizos en 30 localidades e conta cun total de 6.200 socios. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario