5 de mar. de 2016

TOMIÑO

Tomiño adica o mes de marzo ao humor  

A programación cultural “Tomiño humor” acollerá os monólogos de Carlos Blanco e Celso San Martín, Cándido Pazó e Federico Pérez

Serán os sábados días 5, 12 e 19 de marzo ás 22h00 no auditorio de Goián


Infogauda / Tomiño

  O Concello de Tomiño vén de lanzar a súa programación cultural para o mes de marzo. O humor será o protagonista dun mes no que visitarán Tomiño monologuistas da talla de Carlos Blanco e Celso San Martín, Cándido Pazó ou Federico Pérez. 

 A programación comezará este sábado día 5 de marzo co espectáculo de Carlos Blanco e Celso San Martín chamado “Man a man”. Continuará co monólogo de Cándido Pazó, “Como cho conto” o sa´bado 12 de marzo. E, finalmente, a última cita co humor será con Federico Pérez e o seu “Ración de Breogán” o sábado 19 de marzo. A programación cultural “Tomiño humor” celebrase no auditorio de Goián ás 22h00. As entradas poderán mercarse a partires das 21h00 na taquilla do auditorio e o seu prezo será de 6€, o día 5 de marzo, e de 3€ os días 12 e 19 de marzo. 

 A concelleira de Cultura, Cristina Martínez, explica que “ao longo deste ano organizaremos diversos ciclos. Comezamos polo do humor co monólogo como formato pero estamos a traballar xa nos ciclos de música e cine.” 

 A concelleira, tamén informou que a programación cultural volve a celebrarse no auditorio xa que as obras de acondicionamento da escola de música xa chegaron ao seu fin.

TOMIÑO

Carmela Silva presidirá os actos do Día da Muller organizados polo Concello de Tomiño

A inauguración das actividades, entre as que figuran unha exposición multimedia e un acto conmemorativo, terá lugar o día martes 8 de marzo ás 12 horas no Mercado Municipal  


Infogauda / Tomiño

 Co gallo do Día da Muller, o Concello de Tomiño organiza a exposición MULLERES EN ACCIÓN: VIOLENCIA ZERO, que terá lugar no Mercado Municipal de Tomiño, o vindeiro martes 8 de marzo ás 12h.  

 Ao acto de inauguración da mostra asistirán a presidenta a Deputación de Pontevedra, Carmela Silva; a deputada de Igualdade, Isaura Abelairas Rodríguez, e a alcaldesa de Tomiño, Sandra González.  

 Logo das intervencións mulleres tomiñesas participarán nun acto conmemorativo.

DEPORTES

O ATLETA JUNIOR JAVIER COSTAS, RECIBIDO NO CONCELLO DO ROSAL

Tras conseguir dúas medallas de prata no Campionato de Galicia de Pista Cuberta na pasada fin de semana

O alcalde do Rosal, Jesús Mª Fernández Portela felicitou o atleta Javier Costas polos seus logros deportivos
Fotos: C.O.R.

Infogauda / O Rosal

 Tras conseguir dúas medallas de prata no Campionato de Galicia de Pista Cuberta na pasada fin de semana; o mércores día 2 de marzo, o atleta Javier Costas, foi recibido na Casa do Concello polo alcalde do Rosal, Jesús Mª Fernández Portela e pola tenente de alcalde, Mª Carmen Alonso Alonso.  

 Javier Costas, nado en 1998, pertencente ao Club de Atletismo Coruña Comarca e adestrado polo guardés Sergio Rodríguez Teixeira, proclamouse subcampión galego de 200 metros e de salto de lonxitude (5'91 metros) en categoría júnior na competición celebrada o pasado sábado 27 de febreiro no Palacio dos Deportes de Riazor (A Coruña). 

 Destacar que o atleta rosaleiro logrou nos 200 metros un crono de 23.43, o que supón a súa mellor marca persoal, achegándose desta maneira á mínima para disputar o Campionato de España Junior.

A tenente de alcalde, Mª Carmen Alonso Alonso tamén cumplimentou a Javier Costas

 Tanto o alcalde como a tenente de alcalde, en nome do Concello do Rosal e dos seus veciños, felicitárono por estas dúas medallas de prata, desexándolle moita sorte en futuras probas deportivas.

O ROSAL

O CONCELLO DO ROSAL ENTREGA DE MATERIAL DEPORTIVO  Á U.D. RIBERA
 


Infogauda / O Rosal

 O xoves día 3 de marzo no Estadio Municipal da Mata, o concelleiro de Deportes, Ángel Martínez Villa, de parte do Concello do Rosal, fixo entrega á presidenta da U. D. Ribera, Estela Pereira Álvarez, de material deportivo para as distintas categorías do Clube.

O ROSAL

"MULLERES NA HISTORIA": UNHA EXPOSICIÓN DE FOTOGRAFÍAS ANTIGAS CON MOTIVO DO DÍA INTERNACIONAL DA MULLER

Foi inaugurada este sábado e poderase visitar o longo de todo o mes de marzo.





Infogauda / O Rosal

 Con motivo do Día Internacional da Muller, este sábado día 5 de marzo ás 12:00 horas, no salón de exposicións do Concello do Rosal, foi inaugurada unha exposición de fotografías antigas que leva por título xenérico "Mulleres na Historia". 

 "Queremos que esta sexa unha aposta pola visibilización das mulleres do Rosal que co seu traballo e esforzo colaboraron na historia", dixo Charo Tabales Perozo, concelleira de Cultura do Concello do Rosal.

A GUARDA

O Concello de A Guarda e a Entidade Menor de Camposancos estudan a rehabilitación medioambiental e paisaxística do Campo do Codesal  

Ambos gobernos apostan por estas obras que serían a primeira fase dun proxecto moito máis ambicioso  

O alcalde de A Guarda, Antonio Lomba Baz - a dereita da imaxe -, e o concelleiro de Medio Ambiente, Paulino Rodríguez González - no centro -, con Rafael Álvarez Martínez, presidente da Entidade Local Menor de Camposancos. no Campo do Codesal
Fotos: C.A.G.


Infogauda / A Guarda

 O alcalde de A Guarda, Antonio Lomba Baz, e o concelleiro de Medio Ambiente, Paulino Rodríguez González, reuníronse nestes días co presidente da Entidade Menor de Camposancos, Rafael Álvarez Martínez, "para estudar un proxecto de rehabilitación medioambiental e paisaxística do Campo do Codesal".  


 Desde o executivo municipal afirman que "nesta obra o que se pretende facer é derrubar todo o muro de pedra que rodea o campo e demoler as instalacións para poder crear unha zona de esparcimento que desfrutarían tanto os veciños e veciñas guardeses e camposinos coma os visitantes que chegan á vila durante os meses de verán.  

 Nas obras tamén se contempla a construción dun cercado de madeira para delimitar a zona e impedir que entren os vehículos".  
Primeira fase  
 "Esta rehabilitación medioambiental e paisaxística do Campo do Codesal sería - tal e como comentaron Antonio Lomba e Rafael Álvarez -, a primeira fase dun proxecto moito maior e máis ambicioso.  

 Así, coa axuda doutras entidades o que se busca e rehabilitar tamén a zona de A Lamiña e conseguir unha zona de esparcemento e deportiva para o uso dos veciños e visitantes". 

CAMPOSANCOS

O BNG presenta unha moción para regular os plenos da Entidade Menor de Camposancos  

Merchi Martínez: Camposancos ten dereito a saber cando se celebran os seus plenos, trátase de achegar a institución ao pobo”  

María Mercedes Martínez Vázquez (Merchi), vogal do BNG na Entidade Local Menor de Camposancos e concelleira na Corporación Municipal do Concello de A Guarda

Infogauda / Camposancos 

 O Bloque Nacionalista Galego presentou unha moción para o estabelecemento dun calendario de plenos da Entidade Local Menor de Camposancos.  

 O BNG lembra que o pleno é un dos órganos de funcionamento da Entidade Local Menor; é o momento, o lugar onde os representantes dos veciños e veciñas tratan todos aqueles asuntos, situacións ou problemáticas que afectan ao pobo de Camposancos.  

 Dende o BNG vemos como non existe ningún tipo de criterio que rexa a celebración dos plenos desta entidade, chegando a haber unha descoordinación entre a Entidade Menor de Camposancos e o Concello da Guarda facendo coincidir os plenos. Os nacionalistas sinalan que ámbalas dúas entidades están gobernadas polo PSOE

 “Trátase facer unha institución máis aberta para os veciños e veciñas, sen limitar a participación na vida política de Camposancos e da Guarda, queremos que calquera poida explicar os seus problemas directamente no pleno”, afirmou Mª Mercedes Martínez Vázquez (Merchi), vogal do BNG na Entidade Menor de Camposancos.  

 Segundo a formación nacionalista é difícil de entender que a estas alturas a Entidade Menor de Camposancos non ten un regulamento de funcionamento, deixando á improvisación do alcalde pedáneo de turno.  

 Asemade, o BNG propón regular tanto os períodos de celebración de plenos, o número de plenos , así como a estrutura de funcionamento, quendas de intervención, a posibilidade de que veciños e veciñas tamén poidan intervir para amosar os seus problemas.

A GUARDA

O Concello de A Guarda estuda un plan de prevención para as palmeiras non afectadas polo picudo e para rehabilitar exemplares enfermos  

O alcalde Antonio Lomba Baz e o Concelleiro de Medio Ambiente, Paulino Rodríguez González, visitaron, xunto a responsables dunha empresa, palmeiras da vila. Queren rescatar aquelas que teñan importancia pola súa singularidade e pola paisaxe que conforman. 

O alcalde, Antonio Lomba Baz, xunto co Concelleiro de Medio Ambiente, Paulino Rodríguez González, fronte a un exemplar de Palmeira Canaria, na Alameda de A Guarda, cos responsables dunha empresa que aportará orzamento para tentar combater o picudo vermello que dana ás palmeiras
Fotos: C.A.G.

Infogauda / A Guarda

 O picudo vermello (Rhynchophorus ferrugineus), é un insecto que poderíamos cualificar de intruso - non tiñamos constancia da súa presenza na provincia de Pontevedra ata xaneiro de 2013, en que foi detectado no Val Miñor -, que está atacando ás palmeiras en toda á comarca do Baixo Miño. Non respecta nada. Dálle igoal que se trate de palmeiras de especial significación por estaren en lugares públicos desde fai varias décadas - nalgúns casos son exemplares centenarios - como en propiedades particulares, ou que sexan máis ou menos lonxevas.

 Semana tras semana, vimos observando como o número de exemplares afectados váise incrementando e os resultados son desoladores, polo que á preocupación de moitas persoas vai en aumento. Urxe adoitar medidas axeitadas o problema suscitado para combater ese insecto do xeito máis eficaz e respectuoso co medio ambiente natural. Por iso xa se teñen desenvolvido varias charlas informativas impartidas por Clara Pousa Ortega enxeñeira agrícola da oficina Agraria Comarcal do Rosal, e tamén por outras persoas con coñecementos nese tipo de pragas.

 Algúns particulares xa comezaron a pór en práctica ás medidas de actuación. 

 Polo que respecta os espazos públicos no noso municipio, "o Concello de A Guarda estuda un plan de prevención para as palmeiras non afectadas polo picudo vermello e para rehabilitar algúns dos exemplares que xa están infectados. O alcalde, Antonio Lomba Baz, xunto co Concelleiro de Medio Ambiente, Paulino Rodríguez González, reuníronse nestes días cos responsables dunha empresa para pedir un orzamento para levar a cabo estes traballos", segundo informou o executivo municipal.  

 Antonio Lomba explicou que o que queren "é salvar todas aquelas palmeiras que teñen importancia tanto pola súa singularidade coma pola paisaxe que conforman na vila". Así o alcalde guardés fala, por exemplo, das tres palmeiras da Alameda -algunha delas centenarias- que representan unha escena recoñecida da vila de A Guarda. Neste caso as palmeiras non están afectadas polo picudo así que o que se precisa sería un tratamento de prevención. 

O alcalde de A Guarda - a dereita da imaxe - con dúas persoas expertas no tratamentos á desenvolver, observan un exemplar de palmeira na Fortaleza de Santa Cruz.

 Tamén terán especial coidado das dúas palmeiras ubicadas na Fortaleza de Santa Cruz -estas sí afectadas- ou das instaladas fronte o Centro de Saúde.  

 Antonio Lomba e Paulino Rodríguez tamén lles falaron aos expertos da palmeira instalada no Convento de San Bieito pero, lamentablemente, este exemplar xa está demasiado enfermo polo que procederán retiralo.  

 Ademais deste plan de prevención, "o Concello de A Guarda quere retirar todas aquelas palmeiras que non se poidan salvar para así frear a praga deste picudo vermello". Para a súa retirala queren acordar coa Xunta de Galicia un protocolo para poder desfacerse desta praga.  

 O executivo municipal do Concello de A Guarda anima "aos particulares que teñan nas súas palmeiras a levar a cabo un tratamento de prevención para aquelas que aínda non estean afectadas, a tratar as que poidan salvarse".

CULTURA

Pontevedra conmemora o centenario da estrea do primeiro filme galego de ficción, conservado grazas ao Museo

'Miss Ledyia', un corto de 20 minutos no que intervén Castelao como actor secundario, fora estreado no Teatro Principal de Pontevedra o 3 de marzo de 1916 


Infogauda / Pontevedra

 O mesmo escenario que acollera a estrea orixinal fai cen anos, o Teatro Principal de Pontevedra, foi o escollido para volver a exhibir 'Miss Ledyia', considerado o primeiro filme galego de ficción. A cinta, que pertence aos fondos do Museo de Pontevedra desde o ano 1947, foi restaurada grazas á colaboración da Filmoteca Nacional e do CGAI. O deputado provincial de Cultura e Lingua, Xosé Leal, sinalou durante o acto conmemorativo que "a importancia desta cinta, ademais de ser o primeiro filme galego de ficción, é que conta coa intervención de Castelao interpretando un pequeno papel". Xosé Leal salientou o feito de que a estrea desta cinta coincidira no tempo, o ano 1916, coa chegada de Castelao á cidade de Pontevedra e afirmou que "a conmemoración desta tarde insírese mesma liña de todos os actos cos que estamos a celebrar o Ano Castelao que promovemos desde a Deputación.  

 No acto de conmemoración do centenario desta estrea tamén estiveron presentes o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, o director da AGADIC, Jacobo Sutil, o presidente da Academia Galeta do Audiovisual, Carlos Ares, e o catedrático xubilado de Historia do Cine da USC, Ángel Luis Hueso, que pronunciou unha pequena introdución histórica dos tres filmes que se proxectaron: 'Botadura del Acorazado Alfonso XIII', 'O Ano Santo en Compostela' e 'Miss Ledyia' que estivo acompañada coa música en directo do pianista Nani García.  

 O deputado provincial de Cultura e Lingua tamén lembrou que na época da estrea do filme, a comezos do século XX, Pontevedra cidade e boa parte da provincia conformaban o gran núcleo cultural e intelectual do país, grazas á confluencia dunha serie de factores e escenarios. Neste sentido, citou a actividade de conservación e preservación artística levada a cabo pola Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra como precursora do nacemento do actual Museo de Pontevedra, de cuxo primeiro padroado formou parte Castelao; as reunións de intelectuais que tiñan lugar no Gran Hotel de Mondariz Balneario, para o que o propio Castelao tamén pintou unha serie de obras en gran formato que actualmente se conservan no Museo; ou os encontros políticos e intelectuais que tiñan lugar no Pazo de Lourizán cando era residencia de tempada de Montero Ríos. Engadiu ademais o feito de que o realizador do filme, Xosé Gil, tamén era pontevedrés, nado no concello de As Neves, e que desenvolveu a súa labor profesional desde Vigo. Para a realización de 'Miss Ledyia' escolleu como escenarios lugares da provincia e da cidade como o Hotel da Toxa, exteriores en Lérez, Monte Porreiro, A Caeira e Portosanto.  

 O filme narra a chegada a Galiza dun multimillonario americano acompañado da súa sobriña, Miss Ledyia. A chegada dos reis de Suavia e a presenza dun anarquista que quere atentar contra eles son a outra parte dunha trama que se entrelaza. Conta entre os seus actores con importantes persoeiros da Pontevedra do momento como Fefa Sandoval, Marina Fonseca, Clara Sobrino, Victor Mercadillo, Blanco Porto e Isidoro Millán. Castealo intervén no filme interpretando a un pastor protestante. Ten unha duración de 20 minutos e foi estreado o 3 de marzo no Teatro Principal de Pontevedra. Posteriormente exhibiuse en Vigo no Salón Pinacho. A cinta foi descuberta nos fondos do Museo de Pontevedra por José María Folgar nos anos 80 mentres traballaba na súa tese doutoral sobre a historia do cine galego.