5 de mar. de 2016

A GUARDA

O Concello de A Guarda estuda un plan de prevención para as palmeiras non afectadas polo picudo e para rehabilitar exemplares enfermos  

O alcalde Antonio Lomba Baz e o Concelleiro de Medio Ambiente, Paulino Rodríguez González, visitaron, xunto a responsables dunha empresa, palmeiras da vila. Queren rescatar aquelas que teñan importancia pola súa singularidade e pola paisaxe que conforman. 

O alcalde, Antonio Lomba Baz, xunto co Concelleiro de Medio Ambiente, Paulino Rodríguez González, fronte a un exemplar de Palmeira Canaria, na Alameda de A Guarda, cos responsables dunha empresa que aportará orzamento para tentar combater o picudo vermello que dana ás palmeiras
Fotos: C.A.G.

Infogauda / A Guarda

 O picudo vermello (Rhynchophorus ferrugineus), é un insecto que poderíamos cualificar de intruso - non tiñamos constancia da súa presenza na provincia de Pontevedra ata xaneiro de 2013, en que foi detectado no Val Miñor -, que está atacando ás palmeiras en toda á comarca do Baixo Miño. Non respecta nada. Dálle igoal que se trate de palmeiras de especial significación por estaren en lugares públicos desde fai varias décadas - nalgúns casos son exemplares centenarios - como en propiedades particulares, ou que sexan máis ou menos lonxevas.

 Semana tras semana, vimos observando como o número de exemplares afectados váise incrementando e os resultados son desoladores, polo que á preocupación de moitas persoas vai en aumento. Urxe adoitar medidas axeitadas o problema suscitado para combater ese insecto do xeito máis eficaz e respectuoso co medio ambiente natural. Por iso xa se teñen desenvolvido varias charlas informativas impartidas por Clara Pousa Ortega enxeñeira agrícola da oficina Agraria Comarcal do Rosal, e tamén por outras persoas con coñecementos nese tipo de pragas.

 Algúns particulares xa comezaron a pór en práctica ás medidas de actuación. 

 Polo que respecta os espazos públicos no noso municipio, "o Concello de A Guarda estuda un plan de prevención para as palmeiras non afectadas polo picudo vermello e para rehabilitar algúns dos exemplares que xa están infectados. O alcalde, Antonio Lomba Baz, xunto co Concelleiro de Medio Ambiente, Paulino Rodríguez González, reuníronse nestes días cos responsables dunha empresa para pedir un orzamento para levar a cabo estes traballos", segundo informou o executivo municipal.  

 Antonio Lomba explicou que o que queren "é salvar todas aquelas palmeiras que teñen importancia tanto pola súa singularidade coma pola paisaxe que conforman na vila". Así o alcalde guardés fala, por exemplo, das tres palmeiras da Alameda -algunha delas centenarias- que representan unha escena recoñecida da vila de A Guarda. Neste caso as palmeiras non están afectadas polo picudo así que o que se precisa sería un tratamento de prevención. 

O alcalde de A Guarda - a dereita da imaxe - con dúas persoas expertas no tratamentos á desenvolver, observan un exemplar de palmeira na Fortaleza de Santa Cruz.

 Tamén terán especial coidado das dúas palmeiras ubicadas na Fortaleza de Santa Cruz -estas sí afectadas- ou das instaladas fronte o Centro de Saúde.  

 Antonio Lomba e Paulino Rodríguez tamén lles falaron aos expertos da palmeira instalada no Convento de San Bieito pero, lamentablemente, este exemplar xa está demasiado enfermo polo que procederán retiralo.  

 Ademais deste plan de prevención, "o Concello de A Guarda quere retirar todas aquelas palmeiras que non se poidan salvar para así frear a praga deste picudo vermello". Para a súa retirala queren acordar coa Xunta de Galicia un protocolo para poder desfacerse desta praga.  

 O executivo municipal do Concello de A Guarda anima "aos particulares que teñan nas súas palmeiras a levar a cabo un tratamento de prevención para aquelas que aínda non estean afectadas, a tratar as que poidan salvarse".

Ningún comentario:

Publicar un comentario