Pontevedra conmemora o centenario da estrea do primeiro filme galego de ficción, conservado grazas ao Museo
'Miss Ledyia', un corto de 20 minutos no que intervén Castelao como actor secundario, fora estreado no Teatro Principal de Pontevedra o 3 de marzo de 1916
Infogauda / Pontevedra
O mesmo escenario que acollera a estrea orixinal fai cen anos, o Teatro Principal de Pontevedra, foi o escollido para volver a exhibir 'Miss Ledyia', considerado o primeiro filme galego de ficción. A cinta, que pertence aos fondos do Museo de Pontevedra desde o ano 1947, foi restaurada grazas á colaboración da Filmoteca Nacional e do CGAI. O deputado provincial de Cultura e Lingua, Xosé Leal, sinalou durante o acto conmemorativo que "a importancia desta cinta, ademais de ser o primeiro filme galego de ficción, é que conta coa intervención de Castelao interpretando un pequeno papel". Xosé Leal salientou o feito de que a estrea desta cinta coincidira no tempo, o ano 1916, coa chegada de Castelao á cidade de Pontevedra e afirmou que "a conmemoración desta tarde insírese mesma liña de todos os actos cos que estamos a celebrar o Ano Castelao que promovemos desde a Deputación.
No acto de conmemoración do centenario desta estrea tamén estiveron presentes o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, o director da AGADIC, Jacobo Sutil, o presidente da Academia Galeta do Audiovisual, Carlos Ares, e o catedrático xubilado de Historia do Cine da USC, Ángel Luis Hueso, que pronunciou unha pequena introdución histórica dos tres filmes que se proxectaron: 'Botadura del Acorazado Alfonso XIII', 'O Ano Santo en Compostela' e 'Miss Ledyia' que estivo acompañada coa música en directo do pianista Nani García.
O deputado provincial de Cultura e Lingua tamén lembrou que na época da estrea do filme, a comezos do século XX, Pontevedra cidade e boa parte da provincia conformaban o gran núcleo cultural e intelectual do país, grazas á confluencia dunha serie de factores e escenarios. Neste sentido, citou a actividade de conservación e preservación artística levada a cabo pola Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra como precursora do nacemento do actual Museo de Pontevedra, de cuxo primeiro padroado formou parte Castelao; as reunións de intelectuais que tiñan lugar no Gran Hotel de Mondariz Balneario, para o que o propio Castelao tamén pintou unha serie de obras en gran formato que actualmente se conservan no Museo; ou os encontros políticos e intelectuais que tiñan lugar no Pazo de Lourizán cando era residencia de tempada de Montero Ríos. Engadiu ademais o feito de que o realizador do filme, Xosé Gil, tamén era pontevedrés, nado no concello de As Neves, e que desenvolveu a súa labor profesional desde Vigo. Para a realización de 'Miss Ledyia' escolleu como escenarios lugares da provincia e da cidade como o Hotel da Toxa, exteriores en Lérez, Monte Porreiro, A Caeira e Portosanto.
O filme narra a chegada a Galiza dun multimillonario americano acompañado da súa sobriña, Miss Ledyia. A chegada dos reis de Suavia e a presenza dun anarquista que quere atentar contra eles son a outra parte dunha trama que se entrelaza. Conta entre os seus actores con importantes persoeiros da Pontevedra do momento como Fefa Sandoval, Marina Fonseca, Clara Sobrino, Victor Mercadillo, Blanco Porto e Isidoro Millán. Castealo intervén no filme interpretando a un pastor protestante. Ten unha duración de 20 minutos e foi estreado o 3 de marzo no Teatro Principal de Pontevedra. Posteriormente exhibiuse en Vigo no Salón Pinacho. A cinta foi descuberta nos fondos do Museo de Pontevedra por José María Folgar nos anos 80 mentres traballaba na súa tese doutoral sobre a historia do cine galego.
Ningún comentario:
Publicar un comentario