14 de dec. de 2016

A GUARDA

O INVESTIGADOR FERNANDO JAVIER COSTAS GOBERNA, PROTAGONISTA DA SEGUNDA BARFERENCIA DE INVERNO DESTA TEMPADA 

Este venres día 16 de decembro, ás 20:30 horas, a Cafetería Alameda  

Fernando Javier Costas Goberna
Foto: Arquivo C. Goberna


Infogauda / A Guarda

 Este venres día 16 de decembro, ás 20:30 horas, a Cafetería Alameda acolle a segunda das barferencias de inverno organizadas dende o concello da Guarda para esta tempada 2016/17.  

 Tras a primeira das charlas, que tivo lugar o mes pasado e que contou coa ponencia do arqueólogo Gustavo Pascual, nesta segunda cita a barferencia estará a cargo do recoñecido investigador Fernando Javier Costas Goberna. 

 Costas Goberna, pertencente ao Instituto de Estudos Vigueses, centrou a súa labor de investigación no mundo dos gravados rupestres do Suroeste galaico, sobre o que publicou varios artigos e traballos non só en Galicia, senón tamén noutros países de Europa como Italia, Francia, Portugal ou Inglaterra. Entre as súas monografías, por destacar algunhas, pódese citar Petroglifos ao Sur de la Ría de Vigo, A orixe dos taboleiros de xogo galegos ou Los barcos de Oia.  

 A súa relación coa Asociación Cultural Amigos do Mosteiro de Oia, propiciou o interese e inmersión no mundo monacal que derivou na publicación no ano 2012 de Santa María de Oia enclave de interés estratégico-militar (El monasterio, la fortaleza, los monjes, los soldados y los piratas berberiscos) e ao ano seguinte El monasterio de Oia y la guerra con Portugal en el siglo XVII. O seu traballo máis recente, de 2016, é Los caballeros hospitalarios de San Juan de Jerusalén (Jerusalén, Sam Juan de Acre, Rodas y Malta), dentro do 800 aniversario da igrexa de Santa Maria de Castrelos en Vigo.  

 A barferencia que realizará este venres leva por título “Oia, o Císter e a milicia” polo que se centrará nesta parte do seu traballo, relacionada con Santa María de Oia e a súa importancia histórica.  

 Dende o concello da Guarda convidamos a todos os veciños a acudir á Cafetería Alameda e desfrutar dos coñecementos dun dos investigadores máis destacados da nosa xeografía.

Ningún comentario:

Publicar un comentario