15 de dec. de 2016

A GUARDA

O ALCALDE DA GUARDA TRASLADA A CORES TOURÍS AS DEMANDAS DO CONCELLO Á XUNTA DE GALICIA

 O alcalde da Guarda, Antonio Lomba Baz, e os concelleiros de Servizos e Vías e Obras, Paulino Rodríguez González e Miguel Ángel Español Otero, respectivamente, mantiveron un encontro co delegado territorial da Xunta de Galicia na provincia de Pontevedra, José Manuel Cores Tourís
Foto: C. A. G.


Infogauda / A Guarda

 Como oportunamente xa informamos os nosos lectores, no día de onte, mércores 14 de decembro o alcalde da Guarda, Antonio Lomba Baz, e os concelleiros de Servizos e Vías e Obras, Paulino Rodríguez González e Miguel Ángel Español Otero, respectivamente, mantiveron un encontro co delegado territorial da Xunta de Galicia na provincia de Pontevedra, José Manuel Cores Tourís.  

 Nesta visita institucional do delegado territorial, o alcalde da Guarda transmitiulle a Cores Tourís as principais demandas do concello da Guarda á Xunta de Galicia. Durante a reunión analizaron unhas demandas que para o alcalde son obras e infraestruturas prioritarias para o desenvolvemento socioeconómico da vila no presente e no futuro e que cómpre que a administración autonómica, e nalgúns casos tamén a provincial, tomen conciencia destas necesidades.  

REMATAR A VÍA DE ALTAS PRESTACIONS TUI-A GUARDA É PRIORITARIO PARA A GUARDA E TODO O BAIXO MIÑO

 Un dos principais puntos tratados foi a petición dun plan de investimentos con prazos concretos para o rematar a Vía de altas Prestacións Tui-A Guarda, unha obra que leva pendente dende o ano 2004 e que é prioritaria non só para A Guarda, senón para toda a comarca do Baixo Miño. Así mesmo, analizouse a necesidade dunha saída sur, planeada no PXOM dende o ano 1993 e unha obra fundamental para regular a mobilidade no casco urbano da Guarda.  

O GOBERNO MUNICIPAL TAMÉN PRESENTOU PROPOSTAS RELATIVAS AO MONTE SANTA TREGA

 Tamén se analizaron propostas relativas ao monte Santa Trega como a execución do proxecto dunha senda de circunvalación ao monte; unha demanda presentada en varias ocasións que serviría para mellorar a Seguridade Vial nesta estrada. En relación ao Trega, tamén se tratou a subida dos diferentes servizos ao monte, un proxecto que xa foi presentado ante a Dirección Xeral de Patrimonio. Ademais, o alcalde quixo destacar que dende que se executou o tramo III da VAP Tui – A Guarda non existe un paso para peóns na rotonda de San Roque. É unha cuestión de Seguridade Vial que Carreteras habilite este paso.  

A GUARDA PRECISA UN AUDITORIO MUNICIPAL E A REFORMA DO PAVILLÓN DA SANGRIÑA

 Entre as demandas estudadas se incluíu a realización dun Auditorio Municipal, unha obra para a cal a Xunta de Galicia xa tivo no pasado partida orzamentaria coa intención de redactar o proxecto. Tamén se solicitou colaboración na reforma do Pavillón Municipal, un espazo que é utilizado polos colexios e clubes deportivos da vila e no que xoga o club de balonmán feminino Atlético Guardés, que dende fai anos milita na máxima categoría do balonmán nacional. 

O ALCALDE DEMANDA OBRAS DE HUMANIZACIÓN E ORDENACIÓN DO TRÁFICO NA PRAIA DO FORTE (CAMPOSANCOS)

 Para rematar, o alcalde transmitiu a demanda da humanización e ordenación do tráfico na praia do Forte, tamén coñecida como Praia do Muíño, en Camposancos, para o cal o concello xa redactou un anteproxecto e ten valorada a execución dunha obra que xa foi presentada en anteriores ocasión ante o delegado territorial.

1 comentario:

  1. O alcalde está moi bem que reclame cousas, pero debería ter en conta as que lle reclaman a él , por exemplo, a limpeza do pobo....está moi adornado po los colexios e as asociacións , pero as aceras non se barren,nin se baldean nin na de na.

    ResponderEliminar