15 de dec. de 2016

PONTEVEDRA

MOSQUERA ANUNCIA QUE A LIÑA DE AXUDAS PARA MELLORAR OS MONTES DA PROVINCIA ALCANZARÁ 1.200.000 EUROS  

O vicepresidente asegurou que o proxecto, que pretende frear os lumes ou que fagan menos dano, é “ambicioso e novidoso”  

Valoraranse as propostas de posta en valor paisaxísticas e ambientais, así como as explotacións complementarias   

César Mosquera, vicepresidente da Deputación de Pontevedra
Foto: D.P.

Infogauda / Pontevedra

 O vicepresidente da Deputación, César Mosquera, anunciou hoxe que a liña de axudas para mellorar os montes da provincia alcanzará 1.200.000 euros. O proxecto, que pretende frear os lumes ou minimizar o seu dano, valorará as propostas que poñan en valor a paisaxe e creen explotacións complementarias á madeireira, xa sexan micolóxicas, gandeiras ou doutro tipo. “Este proxecto é moi querido, ambicioso e novidoso, porque pretendemos actuar en zonas amplas da man das diferentes xuntas de montes e dos concellos. O monte é o gran esquecido e esta intervención pública dende a Deputación é sumamente necesaria e oportuna”, asegurou Mosquera.   

 O nacionalista subliñou que a Deputación recibiu nos últimos días a autorización da Xunta de Galicia (administración competente na materia) para poder abrir a liña de axudas provincial, polo que nos vindeiros días se remitirán as bases das liñas de subvención aos concellos para que realicen as súas aportacións. Estímase que no mes de febreiro poderán estar xa aprobadas.   

 A gran novidade é que se van xuntar os 600.000 euros previstos para 2016 xunto con outros 600.000 incluídos no orzamento da Deputación para 2017. Diferenciaranse dúas liñas de subvención. A primeira terá 360.000 euros e destinarase á redacción de proxectos de intervención no monte para organizar as actuacións. A segunda liña (con ata 840.000 euros) servirá para financiar tarefasde prevención de incendios e freado de lumes, posta en valor paisaxística e ambiental, así como de actuación sobre o solo e revexetación. Tamén se considerarán as explotacións complementarias, como poden ser as micolóxicas, de cultivo de froitos ou incluso as gandeiras, que poderán beneficiar os terreos de monte debido a que os animais utilizarán a biomasa do monte como alimento. O financiamento poderá chegar ata o 80% do valor total dos proxectos e actuacións en función do número de solicitantes e dos valores que propoña cada proxecto.   

 Unha das esixencias para optar ás axudas será que o ámbito de actuación debe ser dun mínimo de 50 hectáreas, polo serán fundamentais os acordos entre diferentes comunidades de montes. A intención é crear ámbitos globais de actuación. “Metémonos nun terreo inexplorado. Hai experiencias similares en Pontevedra, A Cañiza, O Morrazo,…, pero son tan pequenas que quedaron acogotadas. Se hai un incendio, aínda que unha zona estea ben, se todo o de arredor está mal non serve para nada”, asegurou Mosquera.   

 Os beneficiarios das subvencións serán as xuntas de montes, mais os concellos tamén deberán implicarse na xestión e na colaboración económica. A intención é que, dado que é preciso unir terreos de diferentes comunidades, sexan os gobernos locais os que, como entidades colaboradoras, faciliten xestións con ferramentas e persoal directamente aos interesados. “As xuntas de montes están a facer esforzos que non poden. Despois dos incendios do 2006 non teñen nada para vender. Se queremos mellorar un pouco o monte non llo podemos deixar exclusivamente no seu tellado porque non poden. Creo que esta intervención pública da Deputación é moi necesaria e oportuna”, insistiu.  

 Mosquera insistiu en que a intención das axudas para os montes é “facilitar o disfrute de persoas ás que lles gusta o monte e compatibilizalo con explotacións complementarias como as micolóxicas ou, incluso, as gandeiras” comezando, inicialmente, por aqueles contornos e montes máis senlleiros.

Ningún comentario:

Publicar un comentario