29 de nov. de 2016

LABORAL

“Vigo precisa un revulsivo que parta das rúas e centros de traballo” 

A manifestación do 30-N contra a precariedade e o desemprego e polo traballo digno na nosa terra partirá ás 20h da Dobrada


O secretario comarcal da CIG de Vigo, Alberte Gonçalves, compareceu onte ante os medios a dous días da manifestación que mañá mércores día 30 de novembro aspira a amosar nas rúas o rexeitamento da narrativa oficial sobre a suposta recuperación económica
Foto: CIG


Infogauda / Vigo

 O secretario comarcal da CIG de Vigo, Alberte Gonçalves, compareceu onte ante os medios a dous días da manifestación que mañá mércores día 30 de novembro aspira a amosar nas rúas o rexeitamento da narrativa oficial sobre a suposta recuperación económica. Para ilustrar a situación na que se atopa a clase traballadora da comarca valeuse dun informe que detalla a gravidade dos principais indicadores socio-económicos, exhortando a retomar a mobilización e o conflito “como única forma de mudar de raíz as políticas económicas, laborais e sociais que provocan a situación actual”.

 A marcha do vindeiro mércores 30 de novembro partirá ás 20h desde a Dobrada baixo o lema “Contra a precariedade laboral e o desemprego, traballo digno na nosa terra, e forma parte da mesma que campaña que xa deu lugar á manifestación do pasado día 20 de setembro.

 O secretario comarcal negou na súa intervención que existisen síntomas de recuperación económica. Moi ao contrario, continúa a agonía produtiva, laboral e social da bisbarra que levamos anos denunciando, e que se recolle nun informe de recente elaboración correspondente ao período comprendido entre xaneiro e outubro de 2016.


4 ideas que resumen a situación actual da comarca de Vigo 

· Continúa a destrución de emprego. 
· O sector industrial segue a adelgazar. 
· Rexístrase un preocupamente aumento da precariede laboral. 

E resultado dos tres elementos anteriores combinados:  

 O empobrecemento e a pobreza son a realidade cotiá de milleiros de persoas.

 “A principal novidade en relación ao primeiro semestre do ano é que agora até as propias estatísticas oficiais confirman de maneira clara a nosa denuncia de que de recuperación nada de nada”, sentenciou.

 De feito, os últimos datos do paro rexistrado reflicten un claro estancamento, rompendo a tendencia anterior, manténdose estábel en máis de 51 mil persoas desempregadas. Para maior preocupación en outubro o paro rexistrado aumentou de xeito significativo, por enriba do promedio galego e estatal.

 Esta situación, para Alberte Gonçalves “lévanos a alertar de que estamos diante dun risco real de cronificación do problema do desemprego, algo que ameaza que nalgún momento se poida producir unha recuperación económica.” Tamén continúa a destrución de postos de traballo. Só na cidade de Vigo, en outubro deste ano había 3.300 persoas menos traballando que o ano anterior.

 A recuperación do PP é, para a CIG de Vigo “no mellor dos casos, miseria repartida cun reparto de postos de traballo temporais e con salarios de miseria, e no peor emigración e pobreza”.

Éxodo migratorio 

 · A poboación activa descendeu en 8.900 
· Pola contra, a poboación inactiva apenas aumentou en 4.100 persoas 
· A diferenza de 4.800 confirma que continúa o éxodo migratorio. 

Datos do último ano (de terceiro trimestre de 2015 a terceiro trimestre de 2016)

 Engádese o continuado aumento da precariedade laboral. Cada mes, 9 de cada 10 dos contratos que se asinaron foron eventuais. Hai cada vez un maior número de contratos a tempo parcial. A nivel sindical constátase tamén un retroceso nas condicións salariais e laborais, non só nas novas contratacións, senón no conxunto do mundo do traballo.

 Tamén se observa con especial preocupación a desertización produtiva no ámbito industrial. Só na cidade de Vigo, entre o terceiro trimestre de 2015 e o deste ano, desapareceron 3.900 postos de traballo na industria, como se recolle nas cifras de ocupación da EPA.

O Sector Naval volta dar síntomas de coma produtivo 

· Capacidade produtiva do naval da ría de Vigo: 50% do conxunto do sector naval en todo o Estado. 
· Pedidos que en xullo de 2016:  25% do total do Estado. 
· Escaso alcance dos pedidos. A carga de traballo só atinxe o 12% da capacidade. 

 O noso naval traballa moi por debaixo do seu potencial, ao marxe de anuncios electoralistas que nunca se confirmaron en realidade, como demostra a recente cancelación dun segundo flotel de Pemex en Barreras.

Momento difícil na Automoción 

· Crecente precariedade: cada vez un maior número de persoas traballando a tempo parcial. 
· Hai cada vez máis persoal con salarios menores a 800€ 
· Importante recorte en dereitos e condicións laborais. 
· Nos últimos anos en Galiza destruíronse 2 mil postos de traballo, mentres en Portugal se crearon 6 mil.

 A ameaza de deslocalización empresarial e o bloqueo por parte da patronal da negociación colectiva, son factores que agravan inda máis a situación xeral.  

 Para facerlle fronte desde a CIG reitérase a exixencia de que se poñan en marcha medidas concretas, que van no sentido contrario das políticas do Partido Popular, que supoñen a ruína da clase traballadora galega.

Reivindicacións da CIG
  1. Posta en marcha dun Plano de desenvolvemento industrial para a bisbarra, con intervención pública directa, para reactivar a actividade produtiva e crear emprego estábel e de calidade.
  2. Aplicar a Lei do sector naval e crear un Plano galego para a industria da automoción.
  3. Plan integral de recuperación da Ría de Vigo, para desenvolver as súas potencialidades en pesca e marisqueo. Fin da exclusión da flota galega nos acordos pesqueiros da UE.
  4. Derrogación das reformas laborais, de negociación colectiva e das pensións, e da lei mordaza.
  5. Redución da xornada laboral cara ás 35h semanais e limitación das horas extraordinarias, para repartir o traballo.
  6. Eliminación das ETTs, limitación da contratación temporal e a tempo parcial.
  7. Aumento dos salario mínimo interprofesional e creación dun salario de inserción laboral e social para todas as persoas desempregadas que esgotaron as prestacións ou subsidios.
  8. Reactivación da negociación colectiva e avantarmos cara a un Marco Galego de Relacións Laborais.
  9. Fin dos recortes e reforzo dos servizos públicos, como o ensino e a sanidade.
 Por todo isto, a central nacionalista chamae o conxunto da clase traballadora a se mobilizar este próximo xoves 30. Segundo o secretario comarcal “desde o convencemento de que a mudanza que precisamos só vai chegar se a empurramos nós, desde abaixo, a través da mobilización e o conflito.”  

 Unha loita que se debe producir “desde os centros de traballo até as rúas, actuando de maneira unificada e organizada a través do sindicato.” “Non é tempo nin de pactos de salón, nin de concertación, nin de entreguismos. É tempo de dar a batalla, de pelexar polo que por xustiza merecemos. E aí, a clase traballadora sabe que pode contar coa CIG”, puntualizou.

Ningún comentario:

Publicar un comentario