29 de nov. de 2016

A GUARDA

O PSOE REXEITA O PLAN REVITALIZA DE COMPOSTAXE PARA A GUARDA 

Ángel Luis Baz Vicente (portavoz municipal do BNG no Concello de A Guarda): “Actitude incomprensíbel do Goberno do PSOE renunciando a un plan que posibilitaría o aforro duns 300.000 €”  

Ángel Luis Baz Vicente, portavoz municipal do BNG no Concello de A Guarda
Foto: BNG A Guarda

Infogauda / A Guarda

 O BNG presentou unha moción para a adhesión do concello da Guarda ao Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra, como un novo xeito de xestionar o lixo. A moción non saiu adiante polo voto en contra do PSOE e pola abstención do PP.  

 Para o BNG é sorprendente como o grupo de goberno do PSOE está disposto a perder unha oportunidade para poñer en marcha un novo modelo baseado na compostaxe como alternativa a SOGAMA, afirmou Ángel Luis Baz Vicente, portavoz municipal do BNG no Concello de A Guarda.  

 Dende o BNG non se entende - engadiu Ángel Luis Baz - como o grupo de goberno con apenas argumentacións e sen o concelleiro de Servizos presente decide renunciar a participar nun proxecto que nesta etapa ten 1.250.000 €, que serán distribuídos entre os concellos que se adhiran ao mesmo.  

 O voceiro nacionalista relembra igualmente: Dende a chegada do BNG á Deputación de Pontevedra este foi un dos eixos sobre os que pivota a nova forma de gobernar nos que se queren implicar aos concellos nunha xestión sustentábel e máis respectuosa co medio ambiente

 “Resulta sorprendente que o grupo do PSOE se negue a participar neste proxecto e logo fagan gala de apostar pola reciclaxe. Esta contradición rematará por pagala o pobo da Guarda”, comentou Ángel Luis Baz.

 En decraracions a este xornal dixital o portavoz nacionalista dixo finalmente: O BNG insta ao grupo de goberno do PSOE que reflexione e reconsidere a súa posición de adherirse ao Plan Revitaliza, sendo medidas deste tipo nas que o BNG vai ser sempre un aliado para o beneficio da Guarda.

Ningún comentario:

Publicar un comentario