PATRIMONIO
JOSÉ BUIZA BADÁS (MEMBRO DA ASSOCIATION
VAUBAN): “(...) VEXO NECESARIO SINCRONIZAR Á TAREFA CASTELLOLÓXICA ENTRE AS
DÚAS BEIRAS DO MIÑO (...)”
“(...) A miña pertenza á Association Vauban garánteme unha visión aséptica das cousas, baseada na aplicación de criterios de durabilidade, perennidade e excelencia por parte de individualidades ou grupos, tanto dá. Na Vauban hai cidades enteiras que son membros activos desta (...)”.
José Buiza Badás, membro activo da Association Vauban e da comunidade poliorcética
Foto: J.B.
Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda
Licenciado pola Universidade de Valladolid, na
especialidade de Historia de América. Viviu 18 anos en Portugal onde creou súa
familia, e desde fai algún tempo é veciño de Camposancos (A Guarda).
A súa actividade céntrase na consideración de
todas ás arquitecturas como un todo.
Foi colaborador na prensa portuguesa.
Membro de varios grupos de defensa da arquitectura
popular, do grupo valisoletano de Urueña, organizando 16 exposicións sobre esta
temática.
O seu maior orgullo foi conquerir a
preclasificacion dunha aldea portuguesa, concretamente Mesâo Frio, que pertence
a Penafiel, Distrito de Porto, como Aglomerado Rural de Interese.
Membro activo da Association Vauban e da
comunidade poliorcética.
Colabourador de Infogauda, leva publicado neste
xornal dixital de información transfronteiriza, máis de 120 artigos da súa autoria, relacionados todos eles, co Patrimonio Histórico, e máis concretamente
coas fortalezas militares, atalaias, fortes de torrón, reductos, etc.. De unha
e outra ribeira do río Miño, en primeiro lugar, e posteriormente de outras
moitas ubicadas tanto en Portugal como en España, e mesmo noutros países de
Europa e do mundo.
Conscente de que o esforzo persoal, a nivel
particular, non acada os mesmos éxitos que unha labor conxunta, coordinada, e
con participación popular, José Buiza Badás, ven de promover a creación do
colectivo denominado “Encontros Poliorcéticos”, co obxectivo de conceber a
xestión do Patrimonio de xeito plural e compartido.
Con José Buiza Badás mantivemos a seguinte entrevista:
Que lle ten motivado a desenvolver, de
xeito continuado, súa labor de estudo e difusión do Patrimonio Histórico?
- É continua e polifacética, porque entendo que a preservación do
Patrimonio é unha materia pendente, dado que a salvaguarda deste convive con
outra realidade triste que se chama Ordenamento Urbanístico, por exemplo. Unha convivencia fastidiosa,
terceiromundista, frecuente en xeografías periféricas e que hipoteca o
esclarecemento dos cidadáns. Trátase dun traballo permanente onde queden
excluídos esquemas piramidales, centralizados e onde se recupere a voz dos
veciños.
Existe conciencia oficial e popular, do
valor cultural e patrimonial das fortalezas miñotas?
-
Non existe nin oficialmente, nin popularmente, esa é a verdade. A Xunta de
Galicia permitiu cousas que non son asumibles en términos de protección paisaxística.
Parece que o feísmo persegue á terra galega e se ensaña con ela. Construír en
base a metros cadrados en altura, como sucedeu en Santa Cruz, posibilitou a
narcotizacion dos guardeses, unha mudanza traumática de perfís e escalas e o
definitivo divorcio entre os políticos e os electores. Hai sobrados exemplos
diso en todas partes.
Na súa opinión, que accións deberían
promoverse, e por cales entidades, para unha axeitada xestión dos enclaves
fortificados?
-
Primeiramente, creo que debería crearse
un Centro Interpretativo en Goián, facilitador do necesario nexo con
Portugal. A seguir, descentralizar a xestión patrimonial poliorcética en mans de
individualidades e grupos cuxa práctica
sexa a excelencia e o bo facer. Hoxe,
por desgraza, priman as tutorias, os postos unipersonais, que ao meu xuízo son
sinal dalgunha subordinación ao de sempre. Habería que buscar solucións
colaborativas. Así mesmo, vexo necesario sincronizar a tarefa castellolóxica
entre as dúas beiras do Miño e superar os paróns sazonales con efectos zigzag,
consistentes en eventos comúns ou seriados, ben como continuos.
Cál é súa valoración no referente á situación,
hoxendía da Fortaleza de Santa Cruz, de A Guarda?
-
A situación da Fortaleza de Santa Cruz segue sendo a do seu pouco proveito. Foi
aberto o Centro Interpretativo o día 11 de xullo deste ano, cunha comparativa
de visitas á baixa e catro meses de inactividade. A partir de agora terá lugar
un ciclo de charlas sobre patrimonio natural e histórico, que pretenden
colmatar dalgunha maneira os baleiros
sazonales do outono e inverno. Iso sería comprensible se á vez funcionase unha
unidade administrativa para a verdadeira interpretación, posto que non é un museo, nin un paramuseo
(non son palabras miñas), unidade que probablemente saíse máis barata que estas
"Parabarferencias" intracastelo. Pervive en efecto a inercia
centralista. Tamén, referir a noción
política que se ten da cacareada animación
socio cultural, que obviamente é nesgada.
Qué actuacions considera necesarias
tanto no entorno, como no interior do perímetro fortificado?
-
Xa mencionei antes a auténtica
narcotización dos veciños guardeses
ante as agresións á paisaxe.
Desde Seixas ou Lanhelas contémplase un novo Sky Line que non se permitiría en
ningún lugar de Europa, uns perfís e unhas escalas novas, unha paisaxe
obstaculizada e brutalizado. Todo o mundo sabe a que me refiro. O problema aquí
sería a non desexada convivencia entre o espantallo e o propio castelo. Ademais
de conflito entre verticalidades e horizontalidades súmase agora o de perfís e escalas. Outro asunto
tabú é o da liberación espacial de cortinas e baluartes. Así mesmo, sobra
arborizado eucaliptal no interior, segundo entendo.
Tendo en conta ás limitacións temporais
da actividade pública de representación política, a tódolos niveis, non sería
idóneo promover a creación de un órgao supra municipal que promova unha
axeitada xestión dese encrave, tendo en conta criterios de expertos en fortificacions
defensivas, sen supeditación os intereses políticos?
-
Esta é unha cuestión que non se acepta polo goberno local guardés. A miña
pertenza á Association Vauban garánteme unha visión aséptica das cousas,
baseada na aplicación de criterios de durabilidade, perennidade e excelencia por parte de individualidades ou
grupos, tanto dá. Na Vauban hai cidades enteiras que son membros activos desta.
Estes criterios gañaron terreo en Francia, no seu turismo e na súa promoción
económica. Por que dúas ou tres persoas
aférranse a supostos tan cerriles, tan herméticos, de maneira que non se
permita unha descentralizacion turístico-patrimonial na Guarda? Cabería en
efecto unha supraentidade de carácter fiscalizador en ambas as beiras.
Se estivera na súa man, que propostas
lle gustaría que se desenvolvesen na Fortaleza de Santa Cruz?
-
De entrada, que se avanzase coa segunda fase, digamos así, de rehabilitación de
Santa Cruz en base ao 1,5 % cultural.
A continuación, que se detectasen patoloxías nos muros da contramuralla de Santa
Trega e outros puntos.
Referiría
tamén a situación do cataventos.
Prevención do vandalismo.
Necesario
desmataxe externo que libere definitivamente o camiño cuberto de Cividans,
as contraguardias e o revellin. Hai un parapeto pétreo para respectar.
Negociar
cos particulares unha franxa exterior que protexa o cinto murário total. Asunto
tabú para moitos.
Imprimir horizontalidade ao Castelo, en
detrimento de verticalidades. Santa Cruz é planimetría horizontalista.
Reconstrución de polo menos unha garita. Son
moitas as accións que desenvolver: catas arqueolóxicas, drenaxes, accesos
renovados, iluminación nocturna, unidade administrativa para a
Interpretación, reforma do propio PXOU,
garantías patrimonialistas e xurídicas para ningunha edificación máis, etc..
No que respecta ó reducto de Punta dos
Picos, en Camposancos, que actuacións estima vostede que deberían levarse a bó
termo?
-
Falando da Punta dos Picos, existe unha confusión acerca de onde se instalou a
batería de Camposancos. Rebeca Blanco Rotea sostén que sería no extremo próximo
ás rocas. Xoán R. Fernández Carnero sitúao xunto ao bar Forte, aquel que ten un
muíño de vento. Isto demostra a necesidade de calicatas arqueolóxicas en ambos
os sitios. Sucede igual a 250 metros da ponte internacional de Tui co fortín do
río San Martiño, un misterio que a Universidade do Minho tenta aclarar grazas á
aplicación LIDAR. Tiven un inmenso pracer en colaborar con Rebeca Blanco Rotea.
Cal é súa opinión sobre a réplica da
Atalaia e súa utilidade museística?
-
A réplica sobre a Atalaia portuguesa retrotráenos aos tempos en que uns poucos
dixeron que se cometeu unha barbaridade ao demolela. A memoria da Guarda
perdeu, perdeu moitísimo, e fíxose aínda
máis grande a costa e o conformismo dos veciños. Esta atalaia protexía aos
guardeses dos piratas de toda índole, abrigo dos de Marrocos. As súas funcións
actuais podían diversificarse.
Ainda estamos a tempo de pór en valor o
tramo amurallado coñecido como “O Muro”, na vila de A Guarda?
-
Son 4 tramos os que restan do muro
medieval en rúas Muro, Muro Baixo e
Ireira. Os condicionantes para un acometimento
patrimonial son moitos. Se se orzase
algunha partida para iso contaría coa oposición dos moradores porque
sinxelamente, desgraciadamente, sería concibido como un "arranxiño que nos
custa a todos". As cuestións patrimoniais interesan pouco.
-
Sei que a Estrada dos Soldados remítese ao conflito de 1936-39, estando
relacionado co Campamento. Camposancos foi local de apresamento e execución de
presos políticos. O Colexio dos Xesuítas liga e nucleariza estes sucesos e
outros, como son a presenza do irmán de Sabino Arana, a acción divulgativa dos
Xesuítas, a revista Brotheria, os enxeñeiros militares xesuítas,...
Algo máis que engadir?
- Que os guardeses
protagonicen a súa propia historia
patrimonial.
Ningún comentario:
Publicar un comentario