Os obradoiros de fotografía social conclúen mañá na Guarda tras percorrer dez concellos
- Uns corenta estudantes dos colexios San José e Pais Somascos participarán nesta actividade de sensibilización ás 12 horas no Centro Cultural da Guarda
- O fotoxornalista Felipe Carnotto achega a fotografía como ferramenta de cambio a municipios socios do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade
Carmen Novas / A Guarda
Os obradoiros de fotografía social impartidos por Felipe Carnotto conclúen mañá xoves día 24 de novembro, na Guarda, tras percorrer dez concellos socios do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. Corenta estudantes de 3º e 4º da ESO dos colexios San José e PP. Somascos, achegaranse á imaxe como ferramenta de transformación social a partir das 12 horas no Centro Cultural. O programa aborda tamén a historia da fotografía documental, a definición do fotoxornalismo ou o respecto polas persoas fotografadas.
No transcurso da sesión, que inclúe prácticas nas que o alumnado tirará as súas propias fotografías co teléfono móbil, visionarase asemade o traballo realizado por Carnotto na ruta das persoas refuxiadas e tamén en Nicaragua, país ao que viaxou para visibilizar os proxectos do Fondo Galego tras gañar o certame Imaxes con Fondo II. Coa aula da Guarda, arredor de 300 mozos e mozas terán pasado pola actividade, que nos últimos catro meses se realizou tamén en Xove, Redondela, Teo, Cuntis, Lugo, Lousame, Mugardos, Burela e Fene.
Nestes intres, está aberta na páxina de Facebook do Fondo Galego a votación online de Imaxes con Fondo II, que desta volta xirou arredor da interculturalidade. Promover a reflexión, o pensamento crítico e un cambio de actitude dentro da nosa sociedade, por medio da palabra e a imaxe, é o obxectivo tanto do concurso como da exposición do mesmo nome, conformada por 19 obras que concorreron na primeira edición.
A mostra, deseñada polo debuxante Pepe Carreiro, instalarase na Casa do Concello da Guarda entre o 5 e o 20 de decembro para concienciar sobre as condutas respectuosas coa contorna e coas persoas que nela habitan. A solidariedade interxeneracional, o aforro enerxético, a protección ambiental, o consumismo, a prostitución, a explotación laboral, a crise alimentaria e as desigualdades Norte-Sur son algunhas das temáticas abordadas.
O Fondo Galego
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 88 concellos e as deputacións da Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Desde a súa fundación en 1997, o Fondo Galego ten desenvolvido uns 150 proxectos en 30 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur.
Ningún comentario:
Publicar un comentario