1 de nov. de 2016

A GUARDA

CULTURA

ESMOLA DE DEFUNTOS



Proxecto Socheo / A Guarda


 No muro de Facebook de Proxecto Socheo fixemos un chamamento aos veciños da Guarda para que nos axudasen a facer unha investigación arredor de como era a festividade do Día dos Defuntos a nivel local. Este artigo é unha síntese do aportado e desta maneira, sen desbotar ningunha información facilitada, estableceremos algunhas hipóteses ao respecto.  

 Desde fai tempo esta celebración move certa polémica en como se celebra e sobre todo na súa denominación. Existe o termo anglosaxón Halloween que se impón a outros nomes coas que se chama a esta festa noutros lugares de Galicia: Samaín, Migallo, Pedir o pan,... Esta diversidade levounos a pensar de que esta celebración era moi propensa a distintas interpretacións derivados do lugar, do condicionamento da relixión e da pervivencia de substratos ancestrais. Foi así como decidimos preguntar na Guarda se había algún tipo de actividade festiva alén da que sobrevive no día de hoxe que é a de visitar os camposantos.  

 Falamos con informantes de elevada idade e nos puxeron na pista do que se daba en chamar Esmola de Defuntos. Mais necesitabamos contrastar esta información e por iso levamos a consulta as nosas redes sociais obtendo unha gran participación. Grazas a isto xa nos podemos arriscar a sacar algunhas conclusións. 

 Sobre a Esmola de Difuntos non hai documentación escrita (polo menos até o de agora). Sospeitase que o seu orixe remóntase nos tempos mais unicamente podemos botar man da información oral para certificar que, polo menos, se practicaba a finais do século XIX e que se deixou de facer a comezos da década dos anos 70 do século XX. 

 A denominación máis recorrida é Esmola de Defuntos aínda que podía recibir outras denominacións como Esmola de Ánimas ou Esmola de Mortos. O termo de “esmola” tamén foi substituído por “Limosniña” por adaptación ao castelán. 

 Sobre a data exacta na que se realizaba esta tradición atopamos disparidade nas lembranzas. Sinálanse dúas datas: o 1 de novembro, Día dos Defuntos, e o 2 de novembro, Día dos Fieis Difuntos. No primeiro pedíase pola tarde-noite, a volta do camposanto. Mentres, no segundo podían facer o periplo esmoleiro durante todo o día. E tal como aparece varias veces indicado na recollida de información para tal ocasión os rapaces incluso faltaban á escola.  

 Esta actividade festiva consistía en que grupos de rapaces ían a pedir polas casas. A xente daba o que tiñan ou o que podían, sobre todo comestibles. Ocasionalmente esta práctica tamén era a inversa, as nais dos rapaces preparaban cestas para darllas como esmola aos veciños necesitados.  

 Na maior parte das veces as esmolas eran alimentos. Había moitos produtos do campo (patacas, millo, castañas, cebolas,...), doces (caramelos, golosinas, pasas, figos,...) e tamén se daba pan de broa, ovos ou, incluso, rachas de peixe. Dunha maneira excepcional tamén se daban moedas. 

 Esta variedade dependía moito do nivel económico da casa onde se ía a pedir. A parte disto tamén inflúe o territorio onde estaba emprazada a casa. Así, por exemplo, se sabe que se practicaba máis en zonas da Guarda onde había unha economía agropecuaria como nos barrios da Cruzada e de Sobreavila ou nas freguesías de Salcidos e Camposancos. Porén, na zona urbana, do centro e do porto, as esmolas tiñan carácter monetario.  

 Do mais interesante desta tradición era que cando se petaba nas portas os rapaces pronunciaban uns versos que nalgún caso se podía converter nunha canción ou nunha pregaria. Recollemos distintas variantes:  

 “A limosniña dos defuntos 
que morremos todos xuntos 
debaixo dun cunco".   

 “A limosniña dos defuntos
que morreremos todos xuntos  
a limosniña dos defuntos  
alá nos veremos todos xuntos”. 

 Ou a máis simple: 

 “Vimos pedir unha limosniña para os defuntos”.  

 Até aquí debullamos en que consistía a tradición da Esmola de Defuntos mais convén facer unha serie de observacións sobre o seu posible orixe.  

 A información recollida fala de como era a tradición durante as últimas décadas antes de desaparecer, polo que estes datos hai que enmarcalos nun tempo moi determinado. En primeiro lugar hai que falar que a poboación da Guarda estivo suxeita a moitos períodos de fames, sobre todo na posguerra. Unhas carencias que facían oportuno a pervivencia e incluso a potenciación desta actividade.  

 Por outro lado hai que falar de que esta circunstancia facía que a igrexa a canalizase como se fora unha manifestación de caridade e xenerosidade aos necesitados, nunha especie de xesto relixioso aos pobres que coincide coa primeiras semanas co recollemento do período de Pentecostes.  

 E por último tamén falar de como a palabra en castelán “limosna” se impón a palabra galega “esmola”. Aínda así podemos dicir que o vocábulo galego se impón máis nas zonas más rurais e a castelán nas máis urbanas.  

 Agora xa si imos establecer algunhas hipóteses sobre a posible orixe. O Día de Defuntos coincide co inicio do ano Celta. Era un momento a metade de camiño do equinoccio de outono e o solsticio de inverno e que marcaba o fin das colleitas. Mais ou menos corresponde ao ciclo do sol e a preparación da chegada do inverno onde a natureza permanece inerte até a chegada da bonanza climatolóxica onde todo volve a renacer.  Este feito é o que leva a o reparto de produtos alimentarios para que a comunidade poda facer fronte a un tempo cheo de limitacións. Unha especie de provisión comunitaria para que os que teñen menos puideran sobrelevar o inverno, o frío, as enfermidades, a morte,... Unha data onde vemos que existe una dicotomía clara: por un lado o recordo da morte e por outro a celebración da vida.  

 No século IX este contido ancestral de comuñón coa natureza adaptouse ao ciclo relixioso católico e se situou neste día unha data onde se pide por todas as almas que están no Purgatorio e que non chegaron ao ceo. Isto motivou que o reparto de excedentes alimentarios se convertesen en ofrendas a todos aqueles que viñan a pedir a cambio de que dixeran algunha oración sobre os finados de cada casa.  

 Aquí é onde xorden as semellanzas co Halloween e o seu famoso “trato ou doce”. Todas as casas ofrecen doces para que non se fagan tratos cos demos que axotan as cabazas e as caveiras. Mais Halloween se ampara na tradición do Soul cake (pastel de almas) que había antigamente en Irlanda e Inglaterra. Unha especie de sortilexio para sufragar almas que tamén ten variantes documentadas na Idade Media como o Migallo en sitios de Galicia, a Limosna en Asturias ou o Pão por Deus en Portugal.  

 Finalmente dicir que esta tradición debeu esmorecer por varios motivos: cambios nos modos de vida, unha redución da relixiosidade e sobre todo co incremento do benestar económico alcanzado na Guarda a partires dos anos 70.  

 Por ultimo apuntar que sería interesante que esta tradición se volvese a por en marcha porque a consideramos unha interesante conexión coa nosa historia e a nosa identidade e, sobre todo, unha medida exemplar de potenciación da cohesión social.  

 Para a realización deste artigo foron fundamentais os testemuños de Olga Martínez Peniza, Teresa Adrover Rodríguez, Antonio Fontenla Martínez, Josá Antonio Uris Guisantes, Antonio Peniza, Yoya Vázquez Castro, José Carlos Castro Martínez, Agustín O Mora, Carmen Rodríguez González, Manuel González Martínez e Alfonso Vicente Rey.   

Ningún comentario:

Publicar un comentario