22/10/2016

VAL MIÑOR

ENCONTRO DE VETERANOS ARTILLEIROS DA BATERÍA DE CABO SILLEIRO   

Grupo de veteranos artilleiros da Batería de Costa de Cabo Silleiro, procedentes de Vigo, Val Miñor, Oia e A Guarda
Foto: Noelia Rial Cardoso

Ricardo Rodríguez Vicente / Gondomar

 O pasado venres día 21 de outubro, un grupo de veteranos artilleiros da Batería de Costa de Cabo Silleiro, procedentes de Vigo, Val Miñor, Oia e A Guarda, volveron ao seu conclave amical no Restaurante Expo, de Gondomar. Alí, compartindo mesa e mantel, non só conversaron de todo o divino e do humano, senón que tamén deron boa conta dunha cea na que como primeiro degustaron unha saborosa empanada de bacallau, seguida duns bolos de vento e luras fritos. E de segundo, a elixir, entrecot, solombo, bacallau á prancha, rodaballo, churrasco de porco, churrrasco mixto,..., todo iso convenientemente regado como os deuses mandan.   

 Como non podía ser doutro xeito, houbo espazo para as sobremesas e por suposto para os cafés. Todo iso, coa magnífica atención da bela Noelia Rial Cardoso e do activo Ricardo Cardoso González, que deixaron ben patente o seu bo facer como profesionais camareiros.    

 Aínda que o máis importante non era o ágape en si, senón o reencontro que veñen mantendo eses homes, que a pesar dos anos transcorridos manteñen en pé a bandeira da amizade. E ademais saben organizarse para facer unha pausa nas súas rutinas diarias e dedicarse unhas horas como compañeiros de "mili" que foron.   

 Nesta reunión anual de ex artilleiros dos reemprazos dos anos 70 do século pasado, houbo evocacións ao capitán Traseiras, ao seu sucesor o capitán Fidalgo, así como aos entón sarxentos Ríos e García, respectivamente, e mesmo aos suboficiais dos talleres.   

 Máis de 40 anos despois do seu paso por Cabo Silleiro e por Monteferro, a memoria de todos e cada un deles, continúa viva. E iso, que dubida cabe, merece celebrase. Diso tratábase.

Ningún comentario: