A Xunta de Galicia asina un convenio cun orzamento de 200.000 euros para definir o trazado definitivo do Camiño do litoral e iniciar os traballos para a súa sinalización
• A previsión é que esta senda conte con 52 etapas que suman máis de 1.300 quilómetros para unir a Galicia costeira de norte a sur, desde Ribadeo a Tomiño, a pé, e desde Ribadeo ata Tui, en bicicleta
Infogauda / Galicia
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e o director da Axencia Turismo de Galicia, Xosé Merelles, asinaron hoxe un convenio de colaboración por importe de 200.000 euros para definir o trazado definitivo do Camiño do litoral -que unirá a Galicia costeira de norte a sur, desde Ribadeo ata Tomiño, a pé, e desde Ribadeo ata Tui, en bicicleta- e iniciar os traballos para a súa sinalización.
O acordo asinado inclúe distintas accións como a supervisión, validación e modificación, no seu caso, da proposta de trazado definitivo da senda, a elaboración do proxecto técnico de sinalización normalizada, a licitación da execución e instalación da sinalización -prevista no primeiro trimestre deste ano- e o control do cumprimento da súa correcta execución e instalación.
A conselleira destacou que, tras asumir o ano pasado a xestión plena da costa galega, este 2026 vai ser o exercicio da súa posta en valor e difusión con accións coma este Camiño do litoral, unha medida de promoción dos valores que o integran na liña do que recolle a Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia (Loxilga).
A responsable autonómica, que estivo acompañada pola directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, Paula Uría, lembrou que o compromiso da Xunta é total coa protección e coidado da costa, así como co seu desenvolvemento económico e social, ao que contribuirá esta senda, que será o resultado da unión de tramos xa existentes con outros que servirán de conexión co fin de darlle continuidade e estendelos a toda a franxa costeira da comunidade.
A previsión é que o Camiño do litoral conte con 52 etapas que suman máis de 1.300 quilómetros, converténdose na antesala doutras actuación que o Executivo galego está a preparar de cara ao vindeiro Xacobeo 2027. O fin último, explicou Ángeles Vázquez, é que se trate dun camiño vivo que permita desfrutar, a pé ou en bicicleta, da costa galega e coñecer os tesouros que agocha.
Xosé Merelles, pola súa banda, eloxiou a colaboración asinada coa Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, que dá continuidade ao traballo iniciado o ano pasado desde Turismo de Galicia a través dun acordo coa Fundación Galicia Sustentable que deu lugar, á súa vez, á proposta de trazado e de sinalización ao longo dos máis de 1.300 quilómetros que se inclúen neste itinerario.
Turismo sostible
Coa sinalización das sendas que compoñen o Camiño do Litoral, apuntou o director de Turismo de Galicia, “potenciarase a oferta turística náutica e costeira de Galicia” á vez que se promove “un turismo sostible a través do coñecemento da paisaxe e o contacto coa natureza e a contorna mariña”.
Xosé Merelles enmarcou o investimento realizado neste acordo na aposta que fai o seu departamento “pola posta en valor do litoral galego desde o punto de vista turístico e para o que nos últimos anos contou cun orzamento de preto de 30 millóns de euros de fondos europeos Next Generation no Plan Territorial de Sostibilidade Turística do Litoral”. Entre as accións desenvoltas, salientou as liñas de axudas destinadas a concellos e a establecementos para embelecer o litoral que sumaron máis de 11,6 millóns de euros e tamén o apoio á renovación das infraestrutura portuarias deportivas que supuxeron 3 millóns de euros de fondos Next Generation.

Ningún comentario:
Publicar un comentario