22 de out. de 2016

TURISMO

En todo o ano pasado seláronse 262.515 compostelas e na terceira semana de outubro de 2016 a cifra de compostelas seladas alcanza as 262.913 

Santiago de Compostela superou hoxe a cifra de peregrinos chegados durante todo o ano 2015 acadando os 262.913 

O 54,87% dos peregrinos que chegaron no que vai de 2016 son estranxeiros, en total, 144.249. Isto supón 11.876 peregrinos estranxeiros máis que os que chegaron o ano pasado neste mesmo período  

No que vai de ano, percorreron as Rutas Xacobeas 13.055 peregrinos máis que no mesmo período de 2015. A suba alcanza o 5,22%  

Os peregrinos proceden de 168 países diferentes e os mais destacados son España, Italia, Alemaña, EEUU, Portugal, e Francia  

Peregrinos facendo a ruta xacobea do Camiño Portugués pola Costa ou Monacal
Foto: Infogauda


Infogauda / Santiago de Compostela

 A Oficina de Acollida ao Peregrino rexistrou entre o 1 de xaneiro e o 22 de outubro un total de 262.913 peregrinos que recolleron a Compostela tras teren percorrido algunha das Rutas Xacobeas. Isto supón que na terceira semana do mes de outubro de 2016 xa se teña superada a cifra global de peregrinos chegados durante todo o ano pasado, que alcanzou os 262.515 camiñantes.
 Deste modo, a cifra global de peregrinos que se animaron a recoller a Compostela en comparación co mesmo período de 2015 alcanza unha suba do 5,22%, con máis de 13 mil peregrinos recibidos máis que entre o 1 de xaneiro e o 22 de outubro do ano pasado.
 Estes resultados corroboran que o Camiño de Santiago é a nosa icona máis universal, o noso principal produto turístico e o eixe vertebrador da cultura europea dado que as Rutas Xacobeas están a experimentar un auxe constante.

Peregrinos estranxeiros

 No que vai de ano, chegaron a Compostela un total de 118.664 peregrinos procedentes do territorio español, isto é, o 45,13% dos peregrinos. Un total de 144.249 peregrinos foron estranxeiros, en total un 54,87% dos peregrinos que chegaron a Santiago neste período procedían doutros países.
 En total contabilizáronse 168 nacionalidades diferentes. En concreto, e por esta orde, os grupos de peregrinos máis numerosos procederon tras España de Italia, Alemaña, EEUU, Portugal, Francia, Irlanda, Reino Unido, Australia, Canadá, Brasil, Corea, Polonia, Holanda, Dinamarca e México.
 En total, en comparación cos rexistrados no mesmo período de 2015, chegaron a Compostela 11.876 peregrinos estranxeiros máis. Onte mesmo, chegaron a Santiago un total de 1.075 peregrinos, dos cales 611, isto é o 56,84%, foron estranxeiros.

Peregrinos por Camiños

 Por camiños, as cifras de peregrinos rexistradas neste período ten sido: 165.934 no Camiño Francés; 49.746 no Camiño Portugués; 16.566 no Camiño Norte; 11.488 no Camiño Primitivo; 9.278 no Camiño Inglés, 8.504 na Vía da Prata e 265 no Camiño de Inverno. Pola Ruta Fisterra-Muxía cara Santiago discorreron 716 peregrinos e por outras rutas chegaron 412. 
 Unha vez máis, a Xunta de Galicia non desglosa o número de peregrinos do Camiño Portugués, polo que semella que non ten interese en que se saiba cantos peregrinos teñen feito o Camiño Portugués pola Costa ou Monacal, ainda que os datos confirman que é un itinerario xacobeo que cada vez está sendo máis transitado, tanto en dirección a Santiago de Compostela como no senso inverso.

Ningún comentario: