7 de xan. de 2026

DEPORTES

BALONMÁN FEMININO 

O Guardés reduce o prezo dos seus abonos e carnés de socios para a segunda metade da tempada 

O equipo baixomiñoto vén de anunciar unha oferta con motivo do Día de Reis para captar novos socios a prezo reducido de cara á segunda parte da tempada 2025/2026 

Coa rebaixa, o abono xeral pasa a custar 80 euros, fronte aos 130 da campaña inicial en agosto 

Tamén se ofrece unha promoción de dous carnés de socios por 130 euros, ou de 130 euros para os xa socios que queiran regalalo a outras persoas 




Redacción Deportes / A Guarda 

 O Club Balonmán Atlético Guardés anuncia o mellor agasallo posible con motivo deste Día de Reis. De cara á segunda volta da tempada, o equipo baixomiñoto anunciou unha redución significativa nos prezos dos seus abonos e carnés de socios, buscando captar máis apoios neste recentemente inaugurado 2026, e ofrecendo mesmo a posibilidade de regalarllo a outras persoas para quen xa sexa socio. 

 A rebaixa afecta aos abonos para menores de 13 anos, que pasan a custar 40 euros para o que resta de tempada; menores de 20, a 50 euros; e maiores de 65, que pagarán 70 euros ata o final do curso. O abono xeral, ademais, pasa dos 130 euros iniciais do mes de agosto a 80 a partir deste xaneiro. Así queda a comparativa de prezos completa: 

Tipo de abono

Prezo agosto

Prezo segunda volta

Sub13

65 euros

40 euros

Sub20

80 euros

50 euros

Maiores de 65

105 euros

70 euros

Xeral

130 euros

80 euros

 

 Ademais desta promoción, a oferta máis atractiva ten que ver co carné de socios do Club, que, a diferenza de calquera abono, dá acceso a tódalas competicións e non só á fase regular da Liga, incluíndo play-off ligueiro e EHF European Cup, así como dereito a un asento fixo no pavillón da Sangriña. De cara á segunda metade deste curso, o Guardés ofrece agora a oportunidade de levar dous destes carnés polo prezo dun: a 130 euros para novos socios e a 120 para quen xa o sexa e queira agasallalo a dous amigos ou familiares. Unha ocasión perfecta para regalar o mellor balonmán e gozar en compañía dos distintos retos do equipo, que recibirá a Europa o vindeiro 17 de xaneiro na casa. 

 Os novos abonos e carnés de socio xa poden adquirirse na oficina do Club no pavillón da Sangriña en horario de luns a venres de 17.00 a 20.00 horas, ou ben enviando unha mensaxe de WhatsApp ao teléfono 669 630 610, onde se detallarán as instrucións e datos precisos para realizar o pagamento. 

 Así, a afección guardesa gozará do regreso da EHF European Cup ás súas terras o vindeiro sábado 17 de xaneiro ás 19.00 horas, cun partido que será toda unha celebración para o Club e do que se espera obter tamén un rendemento económico e publicitario importante. O encontro que decidirá a clasificación a cuartos de final xogarase xusto unha semana despois, o 24 de xaneiro ás 18.00 horas no Palazzetto dello Sport “Pino Cardella”, fogar do Erice en Casa Santa, Sicilia. 

 Con esta decisión, o Mecalia asegura a posibilidade de contar coa súa afección para unha cita determinante para a tempada, ao tempo que limita o cansazo que supón concentrar a eliminatoria íntegra nunha única fin de semana, tal como acontecera na rolda anterior. Aínda que os desafíos económicos do Club persisten, no Guardés confían no rendemento da campaña “Non deixes que o Guardés remate” lanzada nas últimas semanas a través da plataforma solidaria Terra Move, dende a que empresas e particulares poden doar xa na seguinte ligazón a cambio de significativas vantaxes fiscais: 

https://www.amareterra.org/terramove/0e002f95-794a-4794-8da5-640be023d3b7

 Polo demais, no seo do equipo baixomiñoto seguen traballando por reunir apoios para continuar levando o nome da Guarda por toda Europa.  

 A competición europea afectará, de novo, ao calendario ligueiro, que prevía cadanseu encontro nas fins de semana escollidas para xogar o Last 16. A visita guardesa ao KH-7 BM Granollers prevista para a fin de semana do 17 de xaneiro trasladouse xa ao mércores 14 no Palau catalán ás 20.30 horas; mentres que o encontro contra o Grafometal La Rioja que A Sangriña acollería o día 24 aínda espera ser reubicado. 

 En calquera caso, a EHF European Cup volverá condensar a axenda guardesa, que vivirá un comezo de ano bastante ocupado. Polo de agora, ao equipo miñoto espéranlle dous envites finais á volta do parón mundialista os próximos 17 (en Elda) e 20 (na Sangriña ante Morvedre) de decembro, a partir de cando poderá gozar das festas ata o 10 de xaneiro. É entón cando, entre competición europea, Liga e segunda fase da Copa de la Reina, o Mecalia prevé un total de oito partidos que poderían concentrarse en algo menos de cinco semanas, supoñendo un novo período crucial para o devir da súa tempada. 

AXENDA 

Liga Guerreras Iberdrola | Xornada 14 | Mecalia Atlético Guardés – Zonzamas Plus Car Lanzarote | Sábado,10 de xaneiro | 19.00 horas | A Sangriña 

Liga Guerreras Iberdrola | Xornada 15 | KH-7 BM Granollers – Mecalia Atlético Guardés | Miércoles, 14 de xaneiro | 20.30 horas | Palau d’Esports  

EHF European Cup | Last 16 – Ida | Mecalia Atlético Guardés – Handball Erice SSD ARL | Sábado, 17 de xaneiro | 19.00 horas | A Sangriña   

EHF European Cup | Last 16 – Volta | Handball Erice SSD ARL – Mecalia Atlético Guardés | Sábado, 24 de xaneiro | 18.00 horas | Pino Cardella 

Liga Guerreras Iberdrola | Xornada 16 | Mecalia Atlético Guardés – Grafometal La Rioja | Data e horario por determinar (inicialmente previsto para o 24 de xaneiro) | A Sangriña 

Liga Guerreras Iberdrola | Xornada 17 | Super Amara Bera Bera – Mecalia Atlético Guardés | Data e horario por determinar (previsto para o 31 de xaneiro) | José Antonio Gasca 

XLVII Copa de S.M. La Reina | Segunda fase | Balonmano Morvedre – Mecalia Atlético Guardés | Mércores, 4 de febreiro | Horario por determinar | René Marigil 

Liga Guerreras Iberdrola | Xornada 18 | Mecalia Atlético Guardés – Cicar Lanzarote Ciudad de Arrecife | Data e horario por determinar (previsto para o 7 de febreiro) | A Sangriña

Ningún comentario:

Publicar un comentario