Un equipo de arqueólogos traballa no castro do Pico da Bandeira
• Na consolidación dunha área escavada en 2025
Ricardo Rodríguez Vicente / Salcidos
Logo dos traballos de escavación, realizados por medios manuais en 2025, nunha área de sondaxe - (X) 511490.997 - (Y) 4641169.997 (Coordenadas ETRS89, UTM Z29), de 6x6 m, 36m2, ubicada no castro do Pico da Bandeira, correspondente ao Monte Torroso, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Salcidos, por un equipo de Árbore Arqueoloxía e Restauración Sociedade Cooperativa Galega; nestes días persoal técnico da devandita empresa está levando a bo termo os traballos de consolidación das estruturas descubertas. O devandito traballo estáse levando a termo mediante unha fiada de sacrificio (1), por parte dun técnico restaurador seguindo os criterios axeitados.
Asemade, tamén se procederá a cubrir os restos de interese arqueolóxico con [material] xeotextil e cos medios adecuados á naturaleza dos elementos atopados, así como a reintegración da área escavada co recheo da zona có material extraído durante a escavación, no caso de [que] a Supervisión Técnica dos traballos o decida.
O equipo que realizou a sondaxe estivo formado por:
• Un arqueólogo, con experiencia en escavación, fotogrametría e SIX, que foi o director dos traballos.
• Catro arqueólogos/as, con experiencia en escavación, fotogrametría, SIX; modelado 3D e estudos de materiais; que forman parte do equipo técnico.
Esta nova intervención no castro do Pico da Bandeira busca non só mellorar o coñecemento sobre a estrutura e cronoloxía do castro, senón tamén identificar posibles vínculos coa etapa romana e avanzar na súa posta en valor como parte do patrimonio cultural do comarca.
A presenza de petróglifos e xacementos romanos nas proximidades reflicte a continuidade e transformación do espazo ao longo do tempo, desde a Idade de Ferro ata a romanización. O castro non soio ten unha función defensiva e habitacional, senón que serve tamén como un centro económico, simbólico e cultural que conecta as distintas fases da ocupación do territorio.
Nota:
(1) Fiada de sacrificio (ou fiada sacrificable) refírese a unha capa de cachotería ou pedra engadida a un muro existente, a miúdo con materiais menos nobres ou de refugallo, que se pode sacrificar ou perder durante futuras restauracións ou reparacións, para protexer as partes orixinais e máis valiosas da estrutura, permitindo unha mellor lectura da construcción antiga sen danar a súa autenticidade.



Ningún comentario:
Publicar un comentario