8 de xan. de 2026

A GUARDA

O Camiño Portugués da Costa achégase ao Central Portugués

 

Escultura pétrea do Apóstolo Santiago a beira do Camiño Portugués da Costa, e peregrinos ao seu paso pola vila de A Guarda
Foto: Antón Ferreira


Antón Ferreira Lorenzo / A Guarda

 O Camiño Portugués da Costa rematou 2025 mantendo a súa terceira posición entre os itinerarios xacobeos, con 89.509 peregrinos que recolleron a Compostela tras realizar a súa peregrinación; un 19,74% máis que hai un ano cando foron 74.755 os peregrinos que elixiron este itinerario. 

 Soamente 11.326 peregrinos separan ao Camiño Portugués da Costa do Portugués Central (este con 100.085 camiñantes), unha redución importante cando en 2024 ambos os itinerarios estaban separados por 20.740 peregrinos, e en 2023 por 35.972.

 En 2025 os peregrinos do Camiño Portugués da Costa foron, case o 17%  de todos os camiñantes que chegaron a Santiago de Compostela e recolleron a súa credencial. Destes peregrinos, a maior parte procedían de España (19,94%), seguidos de EE.UU. (12,19%), Alemaña (10,54%), Italia (6,29%), Portugal (5,12%) e Polonia (4,37%). En total, 150 países “enviaron” a algún peregrino ao Camiño Portugués da Costa.

 Dos nacionais, en total 17.735 peregrinos elixiron o Camiño Portugués da Costa cuxas primeiras provincias de procedencia foron Madrid (23,50%), Andalucía (20,80%), Comunidade Valenciana (9,81%), Cataluña (9,77%) e Galicia (7,53%), ata completar 17 provincias, ademais de Ceuta e Melilla, as que “estiveron” no Camiño. 

 Analizando o punto de partida da peregrinación, o 37,45% dos peregrinos optaron pola cidade do Porto; un 27,88% elixiron como punto de partida Vigo, seguíndolles Baiona, co 15,32%; A Guarda, con 5,75% e Viana do Castelo, con 3,63%.

 O perfil de Facebook “Camiño Portugués da Costa: Porto… Caminha-A Guarda… Santiago”, orientado exclusivamente a este itinerario Xacobeo e creado fai catro anos, iniciou 2026 con 17.000 membros, un 52,2% mulleres, e un 41,8% homes. A maior parte dos seus membros visualizan os contidos desde España, Portugal, Estados Unidos, Italia e Brasil. Trátase dun sitio público que non precisa rexistro e que contén diferente información exclusivamente dedicada ao Camiño Portugués da Costa e á Variante Espiritual.    

Ningún comentario:

Publicar un comentario