22 de out. de 2016

PONTEVEDRA

O tratamento dos biorresidos é o grande reto dos concellos para os vindeiros anos" 

Os concellos pontevedreses só reciclan un 12% dos seus residuos na actualidade e a UE obriga a chegar ao 50% en 2020 


Infogauda / Pontevedra
 Os concellos de todo Estado español e sobre todo os galegos teñen un grande obxectivo por diante nos vindeiros anos: o tratamento dos biorresiduos. Esa foi a principal conclusión tirada do 6º Seminario de Compostaxe doméstica e comunitaria de Composta en Rede celebrada entre onte e hoxe en Pontevedra. Segundo asegurou o vicepresidente da organización, Alfonso Amorena, en  Seminario Compost en España recíclanse o 30% dos residuos producidos, mais en Galiza –e en Pontevedra- a cifra só chega ao 12%. "Dado que o obxectivo da Unión Europea é que en 2020 se recicle o 50%... queda moito por facer, por iso é de destacar o Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra, que trata de adaptar a xestión do lixo á complexidade social e territorial da provincia aplicando a compostaxe", asegurou.  

 Amorena sinalou que a separación do vidro, do papel e dos envases vai por bo camiño, pero que apenas se chega á reciclaxe do 10% dos biorresiduos en todo o estado, cando supoñen máis do 40% da bolsa do lixo. "Sabemos que é un tema complexo porque o estado español é moi diverso. As solucións son moi diferentes para Galiza, para o Mediterráneo ou para o centro. Somos un país de persoas imaxinativas, polo que hai que poñer o enfoque en posibles solucións que pasan pola compostaxe", asegurou.  

 Nas conclusións, de feito, lembrouse que a Unión Europea poderá poñer sancións ás administracións que non cumpran coas esixencias sobre reciclaxe e, tal e como dixo a representante do Ministerio de Medio Ambiente Ana Rodríguez Cruz, non será suficiente con que se realice unha transposición da normativa europea e un plan marco a nivel estatal, senón que existe a obriga de que os gobernos autonómicos e locais se impliquen na planificación dos obxectivos de reciclado. "As esixencias da UE teñen carácter coercitivo e todas as administracións teñen que estar conectadas para aplicar a separación na recollida. Traballar nos biorresiduos é fundamental para acadar esas cifras", asegurou a técnica estatal.  

 Outra das conclusións do seminario é que se debe implantar o debate do pago por produción de lixo xa que, segundo explicou Amorena, é fundamental coñecer o que se produce para reducilo. Así mesmo apostou por aplicar taxas en función do valor catastral das vivendas, pero tamén do número de persoas que viven en cada piso e de se os veciñas e veciños cumpren coa reciclaxe. "Máis tarde ou máis cedo chegará o de pagar polo lixo que xera cada un", asegurou, para cuestionar tamén as propostas que premian a aqueles que participan en experiencias de reciclaxe ou compostaxe. "Entendemos que é unha obriga dos veciños participar nos sistemas de recollida e tratamento máis beneficiosos para o medio e máis económicos. Hai que ter coidado con como se aplican as bonificacións", apuntou.  

 Finalmente, a última das conclusións do seminario foi a necesaria aposta por incrementar os recursos humanos que as administracións dedican aos sistemas de xestión de lixo tanto cualitativa como cuantitativamente. Amorena salientou que a día de hoxe os pregos para os concursos estanos a converter en meras poxas económicas nas que non se teñen en conta condicións de traballo nin a capacitación do persoal para abondar na reciclaxe e na compostaxe.  

Príncipe Felipe e Monte Porreiro  
 Os participantes no seminario de Composta en Rede coñeceron in situ o traballo que está a facer a Deputación co tratamento dos orgánicos a través de tres centros de compostaxe comunitaria instalados dentro da cidade infantil, así como tamén os composteiros instalados no barrio de Monte Porreiro.  

 A deputada delegada Eva Vilaverde explicou que a actuación en Príncipe Felipe partiu do Plan Revitaliza, que quixo converter o complexo socioasistencial nun modelo piloto para demostrar aos concellos da provincia que a compostaxe é viable e sinxela. De feito, o número de usuarios das instalacións fan que a cidade infantil sexa equivalente a unha vila de uns 2.000 habitantes que a día de hoxe funciona como unha illa ecobiolóxica de residuo cero. "Isto é un microcosmos ilustrativo do que pretendemos facer na provincia. Gustaríanos acadar bos resultados en todos os concellos e agardamos que moitos se impliquen. Os beneficios son moi grandes, como xa asegurou o vicepresidente Mosquera, xa que o que se investiu está amortizado a día de hoxe", asegurou o asesor Carlos Pérez.  

 Os asistentes ao seminario asistiron a unha explicación do funcionamento do centro e dos tres  composteiros existentes por parte dunha mestra composteira e recoñeceron o bo traballo que se está a facer, sorprendéndose de que o nivel de reciclaxe é o máximo posible: ademais de tratar in situ os orgánicos recóllese de forma selectiva todo o resto das fraccións, cumprindo así a directiva da UE para o ano 2020 xa na actualidade. 

 Unha vez saíron de Príncipe Felipe, os congresistas coñeceron as ubicacións dos composteiros de Monte Porreiro e recibiron unha pequena charla sobre o seu funcionamento por parte dos mestres composteiros que se encargan do mantemento. Finalmente trasladáronse a Allariz para coñecer alí o sistema de compostaxe comunitario da vila.

Ningún comentario:

Publicar un comentario